Ir al contenido principal

4 Domingo TO C 2022

Deus proponnos como tarefa se-la súa voz no medio do mundo

Canto gozoso

·Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ).

·Lecturas.- Canta Aleluia ( 21).

·Ofertorio.- Recibe Señor (  ).

·Comuñón.- Oh, Señor, escóllema ( 62).

Ollos abertos

         A vida vai facendo que ante situacións diversas que nos pasan, ou que lle pasan á persoas que coñecemos, fagamos o esforzo de parar a pensar e preguntarnos por que nos ocorren certas cousas, ou porque lles ocorreron a alguén preto a nós, sen deixarnos levar pola rutina do “tiña que ser” ou “eu xa o sabía”. Isto supón superar a tentación do piloto automático que só busca xulgar e prexulgar sempre sen ter en conta as situacións que podemos estar a  vivir. 

Saber discernir, non deixarnos levar polo retrouso de sempre, aprender a ver a presenza de Deus en cada momento, non como o ollo castigador que todo o xulga, e si como o corazón agarimoso que simplemente está, e quere que sexamos felices  decidindo, buscando como acertar, tentando facer o que é sempre o mellor, que non sempre é actuar igual e do mesmo xeito, é a invitación que Deus fai, nos fai, aos crentes cada día e en cada momento.

       Deixemos logo que a súa compaña sexa gozo e non desacougo e tristura; e ademais: que se nos note a alegría de sentilo ao noso lado.

Corazón misericordioso

·      Para que superemos a mirada tristeira e pesimista do mundo. Señor, que nos deixemos acompañar da túa mirada.

·      Para que deixemos de vivir a fe como unha imposición. Cristo, que nos deixemos acompañar da túa mirada.

·      Para que abandonemos a tentación de xulgar o que fan os demais. Señor, que nos deixemos acompañar da túa mirada.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Nos días de Xosías, a palabra do Señor veume dicir:

‑Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite;

antes de lle saíres das entrañas, consagreite;

constituínte profeta para as nacións.

Pero ti has cinguir o teu van

has erguerte e dicirlles

todo o que eu che mande.

Non te acovardes por medo deles,

non sexa que eu te faga esmorecer diante deles.

Fíxate: hoxe convértote en cidade cortada a pico,

en columna de ferro, en muralla de bronce, para todo o país,

para os reis de Xudá e para os seus príncipes,

para os seus sacerdotes e para a xente do campo.

Faranche guerra, pero non poderán contigo,

pois contigo estou eu para te salvar ‑é o Señor quen fala‑. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; 6non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.

O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración: e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado. Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno. Igualmente: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min. En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:

‑Hoxe cómprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de gracia que saían da boca del. E dicían:

‑¿Pero non é este o fillo de Xosé?

El díxolles:

‑Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.

Pero el continuou:

‑Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.

Oíndo estas cousas, tódolos que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou. Palabra do Señor.

Palabra remoída

·               Os textos que vimos de escoitar móstrannos que Deus é, sempre e en tódalas situacións, amor. Vánnolo dicindo de maneiras distintas e con palabras diferentes, pero esa é a idea central da palabra de Deus hoxe. Pero esta claridade ao achegarnos a imaxe de Deus non sempre é ben entendida por aquel@s que nos chamamos crentes. Porque falar de amor é doado, pero facer do amor expresión de como han ser as nosas relacións coas demais persoas, xa non é tan doado. E non o é porque os nosos intereses, os nosos prexuízos ou as nosas teimas fan que manipulemos a Deus segundo a nosa comenencia, de xeito que acabe sendo un monicreque nas nosas mans para xustificar posicionamentos, ideoloxizacións ou intentos de controlar o que fan ou din os demais, principalmente os que non pensan, son ou senten como o facemos nós. Os noso prexuízos acabamos por outorgarllos a Deus! E “no nome de Deus” está a historia chea das manipulacións dos “homes”.

·               Por iso é tan importante saber distinguir o que di a súa palabra e o que dicimos nós. Sen tentar confundilas ou identificalas. Diferenciar, distinguir e clarificar, é tarefa que nos debera levar a achegarnos moito máis ao texto, e a afastarnos dos chamados “interpretes do texto”. Ir ás fontes, ler a palabra directamente, reflexionala, convertela en momento de oración para iluminar e alentar a nosa vida, han ser algunhas das tarefas que non deberiamos esquecer para que sexa a palabra a que nos vaia mostrando como concretar, vivir e desenvolver ese amorío de Deus no concreto do que facemos cada día, e no noso xeito de vivir e relacionarnos unhas persoas coas outras. E isto, claro está, non é un arrouto; esixe reflexión, silencio, estudo, diálogo... encontro e confianza para que o noso camiñar teña rumbo e as nosas accións acompañen ese rumbo que queremos darlle a nosa vida.

·               Na servicialidade, na capacidade de perdón, na superación da envexa, na busca do que é común e nos achega; no esforzarnos por entender e escoitar, é como o amor se vai convertendo en esperanza desde unha fe que non se deixa seducir polos ritos, senón que se vai concretando no noso xeito de tratarnos, relacionarnos e mostrar que a fraternidade é posible, e ademais: cremos ela. E isto, nos tempos que vivimos, non é doado. Porque non está de moda, porque parece que xa quedou moi atrás, porque non é moderno... como lle pasaba a Xesús, tamén a quen está disposto a superar o pensamento único, o socialmente correcto, o que fan tod@s, o que é previsible, non será ben recibido, agasallado e condecorado ao uso. Fóra e mesmo dentro da Igrexa.

Oración da comunidade

            Deus convócanos agora para que recemos comunitariamente. Facémolo dicindo: Que  non deixemos nunca de amar.

 

·               Para que a Igrexa, comunidade de comunidades, faga do amor eixe da súa presenza no mundo. Oremos. Que  non deixemos nunca de amar.

·               Para que nas nosas parroquias non deixemos nunca de relacionarnos, escoitarnos e axudarnos. Oremos. Que  non deixemos nunca de amar.

·               Para que nós, facendo do amor eixe que nos achegue aos demais, saibamos  concretalo desde actitudes de servizo e defensa das persoas máis débiles da nosa sociedade. Oremos. Que  non deixemos nunca de amar.

 

Señor, poñemos na túa man  o noso esforzo por ser persoas capaces de facer do amor camiño e luz para a nosa vida. P.X.N.S. Amén.

Recendo de gratuidade

“O amor de amizade chámase «caridade» cando se capta e aprecia o «alto valor» que ten o outro. A beleza — o «alto valor» do outro, que non coincide cos seus atractivos físicos ou psicolóxicos— permítenos gustar o sagrado da súa persoa, sen a imperiosa necesidade de posuílo. Na sociedade de consumo o sentido estético empobrecese, e así apagase a alegría. Todo está para ser comprado, posuído ou consumido; tamén as persoas. A tenrura, porén, é unha manifestación deste amor que se libera do desexo da posesión egoísta. Lévanos a vibrar ante unha persoa con un inmenso respecto e con un certo temor de facerlle dano ou de quitarlle a súa liberdade. El amor ao outro implica ese gusto de contemplar e valorar o belo e sagrado do seu ser persoal, que existe más alá das miñas necesidades. Isto permíteme buscar o seu ben tamén cando sei que non pode ser meu ou cando se volveu fisicamente desagradable, agresivo ou molesto. Por iso, «do amor polo cal a un lle é grata outra persoa depende que lle dea algo gratis» ( A.L.127)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...