Ir al contenido principal

Epifania 2022

 ALIMENTANDO A ILUSIÓN, QUE TANTA FALTA NOS FAI

CANTOS: Panxoliñas

OLLOS DE ESPERANZA

A festa que celebramos hoxe é a festa da ilusión, unha ilusión que está hoxe no centro da nosa celebración. Se o domingo se nos chamaba a descubrir a maxia que nos leva a ter presentes nela ás persoas que non están, ás persoas enfermas, ás persoas migrantes, a quen está pasando por dificultades, hoxe somos invitadas e invitados a enchoupar esa maxia coa ilusión de saber que, coma os magos, tamén seguimos a estrela que leva ao Salvador.

A festa de hoxe, a manifestación do Señor a todos os pobos, convídanos a camiñar cara ao portal para agradecer que somos persoas escollidas por Deus para formar parte do seu proxecto de amor, que une corazóns e mans solidarias.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Señor, coma os Reis, poñémonos con sinxeleza diante túa e pedímosche perdón por non ter sabido darche o incenso, o ouro e a mirra das nosas vidas. SEÑOR, RENOVA A NOSA ILUSIÓN.

*      Cristo, coma os Reis, poñémonos con humildade diante túa e pedímosche perdón por deixar murchar a ilusión da nosa fe; CRISTO, RENOVA A NOSA ILUSIÓN.

*      Señor, coma os Reis, poñémonos con dispoñibilidade diante túa e pedímosche perdón por non ter sabido ser caxato para quen buscaba en nós unha man para erguerse; SEÑOR, RENOVA A NOSA ILUSIÓN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;

si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.

Pois, olla, a escuridade encobre a terra

e a negrura os pobos,

pero sobre ti resplandece o Señor

e a súa gloria faise ver sobre ti.

Certo que os pobos camiñarán coa túa luz

e os reis co resplandor do teu alborexar.

Levanta os teus ollos arredor,

todos estes xuntáronse, viñeron a ti.

Os teus fillos veñen de lonxe

e as túas fillas son traídas no colo.

Entón, cando o vexas,

estarás radiante

e o teu corazón latexará e ensanchará,

pois as riquezas do mar traeránchese a ti

e os bens dos pobos virán para ti.

Estarás cuberta dunha chea de camelos,

de dromedarios novos.

Todos eles virán de Sabá.

Virán cargados de ouro e incenso,

e proclamarán lediciosos a louvanza do Señor.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS

Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:

û  ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.

Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:

û  En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:

E ti Belén, terra de Xudea,

de ningún xeito es a máis pequena,

entre as vilas de Xudea,

que de ti ha saír o guía

que será o pastor do meu pobo Israel.

Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:

û  Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.

Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.

E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño

Palabra do Señor

Louvámoste, Señor

PALABRA REMOÍDA

û  Luz e ledicia: A luz de Belén non quere quedar confinada dentro da súa casa, senón que se abre a todos os pobos e culturas para que poida ser acollida por toda a humanidade. Hoxe, na festa da manifestación do Señor a todos os pobos, somos invitadas e invitados a mirar cara dentro de nós para arrincar esa soberbia que nos fai crer persoas únicas, importantes, posuidoras da verdade. Como anuncia Isaías na súa profecía: “Levanta os teus ollos arredor, todos estes xuntáronse, viñeron a ti”. Que nós tamén sexamos capaces de levantar os nosos ollos arredor para descubrir a fraternidade que nos converte en persoas solidarias, en persoas que somos quen de caer na conta de que camiñamos en comunidade, de que todas e todos temos que chegar, de que ninguén é menos ca ninguén...E así a luz enchoupa de ledicia a nosa vida, unha ledicia que temos que compartir con todas as persoas que camiñan con nós.

û  Debilidade e coidado: E esa luz chéganos na forma de algo tan vulnerable coma un Neno. Esa luz pon no centro os coidados que todos os seres humanos precisamos. Esa luz invítanos a decatarnos de que as persoas precisamos unhas das outras, porque como dicíamos no Nadal, cada portal importa. Belén é o anuncio dunha nova humanidade, unha humanidade na que sexamos capaces de ver na outra persoa a alguén igual ca min, a alguén que precisa de min, a alguén de quen eu preciso. Esa interdependencia manifesta a luz de Belén.

û  Busca e adoración: Os sabios non se detiveron a pesares dos atrancos do camiño, senón que seguindo a estrela, camiñaron e camiñaron ata chegar ao portal. Nós tamén estamos chamadas e chamados a abrir camiños de esperanza e ilusión a pesares das dificultades. Nós tamén estamos chamadas e chamados a deixar atrás a tantos Herodes que, no noso mundo, non moven nin un dedo para ir axudar a quen está canso no camiño. Os sabios adoran a un Neno que hoxe se nos manifesta en tantas persoas con rostro e nome, que, coma El, pasan polo mundo facendo o ben. 

ORACIÓN COMPARTIDA

Co Deus que non exclúe a ninguén, senón que nos chama a respectar e aceptar que tendo unha mesma dignidade son múltiples as formas de vivila, digamos: 

QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA ATA O PORTAL

û  Pola Igrexa, para que con sinxeleza e a humildade, saiba camiñar cara ao portal do diálogo, da escoita, da creatividade, e da pobreza, OREMOS.

û  Polas nosas comunidades, para que sempre saibamos camiñar coa ilusión dunha fe esperanzada e esperanzadora, OREMOS.

û  Por cada un e cada unha de nós, para que nos deixemos guiar pola estrela que nos leva aos portais nos que é necesario iluminar a cantos neles viven: o portal da xente maior a quen os fillos deron as costas, o portal das persoas enfermas, que necesitan palabras de esperanza e cariño ante a dureza da enfermidade, o portal da superación de rancores, envexas e malas falas nas que temos convertido as relacións cos veciños ou familiares, OREMOS.

Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA

Queridos Reis Magos:

Pedímosvos que a nosa mirada gañe en fondura e detalle,

para que poidamos ver con claridade a viaxe da nosa vida, 

con toda a humanidade,

coma unha viaxe de paz, unidade e esperanza.

Que sexamos conscientes da fermosura dos pés do mensaxeiro

que anuncia a Boa Nova.

Que lle deamos a benvida cun sorriso 

a todas as persoas que estreiten a nosa man:

as mans estendidas forman redes de solidariedade.

Que sexa noso o agasallo de todo o creado;

que saibamos disfrutalo a todas as horas do día.

Que nos enfrontemos, con valentía e entusiasmo,

á responsabilidade de coidar a terra enteira.

Que o manancial da tenrura e a compaixón

mane sen parar dentro de nós,

ata que poidamos probar os gozos e as bágoas de quen camiña con nós.

Que espertemos cada mañá serenos e agradecidos,

e que as nosas palabras e feitos, pequenos e grandes,

proclamen que todo é graza, que todo é don.

Que o noso espírito estea alerta 

para descubrir o querer de Deus en todo momento.

Que a nosa oración sexa encontro de vida, de sabedoría

e de entendemento dos camiños de Deus para nós.

Que a nosa vida se mesture coa masa

e faga fermentar este mundo no que vivimos,

para que sexa novo e tenro.

E que a bendición do Deus que sae ao noso encontro,

que é a nosa roca, o noso refuxio, a nosa forza, o noso consolo

e o noso apoio en todo momento, chamémolo ou non,

descenda sobre nós e nos garde de todo mal.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...