Ir al contenido principal

2 domingo TO 2022 C

 SERVIR SUPÓN SABER ESTAR PRESENTE NO MOMENTO XUSTO

CANTO GOZOSO

Entrada.- Que ledicia ( )

Lecturas.- As túas palabras, Señor, son espírito e vida (  )

Ofertorio.- Acharte presente (  )

Comuñón.- Xesús é Señor ( )

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Saber estar no lugar adecuado no momento xusto, ten suposto non poucas alegrías, e evitado tamén non poucas tristezas a quen foi protagonista nesa situación. E disto, da discreción de saber estar fálannos hoxe as lecturas. Non calar cando vemos unha inxustiza, dicir a palabra xusta sen necesidade de caer en verborreas baleiras, non pasar de largo cando alguén está nunha situación de dificultade, saber agardar sen alporizarnos, son todas elas actitudes nas que a discreción se converte eixe no que a persoa é centro desde o que ir artellando a vida.

Deixemos que esta palabra enchoupe o noso corazón coa discreción de quen, sen facerse notar, vai sementando estrelas de encontro e solidariedade alí por onde pasa.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·      Polo noso intento de destacar sen valorar o que outras persoas fan. Señor, que a discreción dirixa a nosa vida.

·      Por non saber calar a tempo. Cristo, que a discreción dirixa a nosa vida.

·      Porque a nosa autosuficiencia non nos deixa ser persoas sinxelas. Señor, que a discreción dirixa a nosa vida.

PALABRA PROCLAMADA 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Por Sión non quedarei en silencio,

e por Xerusalén non ficarei quedo,

ata que a súa xustiza saia como un resplandor

e a súa salvación alume coma unha lámpada.

Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,

chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.

Serás coroa preciosa na man do Señor

e turbante rexio na palma da man do teu Deus.

Non se che volverá chamar "Abandonada",

nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",

senón que a ti se che chamará "Ti e-lo meu amor"

e á túa cidade se lle chamará "A casada".

Si, o amor do Señor estará en ti,

e a túa cidade casará.

Como casa un mozo cunha virxe,

así  casará contigo o teu Construtor.

O gozo que sente o noivo pola noiva,

sentirao o teu Deus por ti. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMAIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aquel outro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:

‑Non che teñen viño.

Replicoulle Xesús:

‑Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

Súa nai díxolles entón ós servidores:

Facede o que el vos diga.

Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:

‑Enchede de auga as tinas.

Eles enchéronas de todo.

Díxolles entón:

‑Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.

Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:

‑Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos. Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

·      Nos tempos que estamos a vivir, e dos que nós tamén somos construtores, é habitual atoparnos con persoas ás que lles gusta destacar ou darse a coñecer, que saiban o que din e fan. Non temos máis que pensar un pouco nas redes sociais e en todo o que nelas vai poñendo a xente. O que acaba converténdose nunha exposición permanente, con gardas de vinte e catro horas, ao que non escapa ningunha cousa da vida. Parece que, para moitas persoas, o sentido da súa vida está en que coñeza cantas máis xente mellor; sen importar a razón dese ser coñecidas. Búscase que sexan os “likes” os que dean sentido  á vida, aínda que aquilo que se está a valorar sexa insubstancial ou sen contido. O que importa é que sexan moitas as persoas que o vexan, porque iso trae fama e popularidade. 

·      Fronte a esta forma de abordar a presenza e a aportación ao desenvolvemento da sociedade, a palabra de Deus volve falarnos nun sentido distinto: a discreción. Unha discreción que se fixa no traballo ben feito, silencioso e sen necesidade de  publicitalo, pero que se centra no ben das persoas. O que as fai felices, o que as axuda a superar atrancos e evita que queden soas e illadas. A proposta cristiá, que nos achega hoxe a palabra, asentada no non esquecer que somos imaxe e semellanza de Deus, inda que vaia contracorrente, segue a facer posible que o humano, o que humaniza, o que fai feliz, o que fai ben ás persoas... é o que verdadeiramente importa.

·      E como lideresa desta discreción, pero non por iso pasividade ou inanición, aparece hoxe María. Ela sempre adoitaba estar no lugar adecuado cando era preciso. E vemos como Xesús sabe escoitala, sabe estar pendente do que outras persoas lles din, sabe poñer a confianza, non na autosuficiencia, senón na sinxeleza e na discreción. E isto fai que ante tanto barullo dunha e doutra parte, aprendamos a buscar e valorar a importancia dos silencios como momentos e experiencias de autocoñecemento e verdadeira reflexión. Que este sexa o sinal de que a nosa mirada segue na xeira de Xesús! .

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Presentamos agora a oración comunitaria dicindo: Señor, grazas , por invitarnos a facer da discreción servizo.

·      Para que a Igrexa saiba traballar con discreción na busca do ben das persoas e da sociedade. Oremos. Señor, grazas por invitarnos a facer da discreción servizo.

·      Para que nas nosas parroquias actuemos coa discreción que sempre merece a man tendida a quen nola solicite. Oremos.. Señor, grazas por invitarnos a facer da discreción servizo.

·       Para que nós non fagamos da vida escaparate, senón servizo gozoso canto trae felicidade servizal aos nosos corazóns. Oremos. Señor, grazas por invitarnos a facer da discreción servizo.

Na túa man poñemos Señor a nosa oración de hoxe, coa convicción de que sempre acompañas o noso camiñar. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

AGRADECENDO O DON DA FE

María, veño saudarte e darche grazas. Hoxe descubrinte cunha luz nova. Agora comprendo mellor o teu lugar na vida de Xesús. Quero que teñas tamén un lugar fundamental na miña vida. Pídoche que me ensines a vivir a túa sinxeleza e profundidade, a túa apertura a Deus e o teu compromiso con Xesús. Que coñecéndote e amándote cada día máis, poida coñecer e amar mellor a Deus e aos meus irmáns e irmás. Amén

(cat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/AR181204_011148.pdf  )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...