Ir al contenido principal

5 Domingo TO C 2022

 5º domingo T.O.

As redes de Xesús acollen, non enredan

Canto gozoso

            Entrada.- Eu soñei ( 58)

Lecturas.- Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (  )

Ofertorio.- Acharte presente ( )

Comuñón.- Pan do ceo, pan de vida (  )



Ollos abertos

Xesús invita no evanxeo de hoxe a bota-las redes. Unhas redes que non enredan senón que unen e igualan, porque non diferencian entre razas, xéneros, culturas ou falas. Para El, nunca, nunca hai fronteiras. O mundo que quere Xesús, e que nos chama a construír, é realidade aberta onde as pontes van unindo persoas dunha punta a outra. Non estraguemos esta fermosa tarefa!

Corazón misericordioso

·       Por  ser máis de muros que de pontes. Señor, que desfagamos muros insolidarios.

·       Por deixarnos enredar nas redes da mentira e o engano. Cristo, que desfagamos muros insolidarios.

·       Por enredarnos na desconfianza e o egoísmo. Señor, que desfagamos muros insolidarios.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.

De pé na súa presencia estaban dous serafíns.

Exclamaban un cara ó outro: "¡Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".

Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.

Eu dixen: "¡Ai de min! ¡Estou perdido!

Pois sendo un home de labios lixados,

e que vive entre un pobo de labios lixados,

vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".

Entón un dos serafíns voou onda min;

tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

e achegouna á miña boca, dicíndome:

"Olla: isto tocou os teus labios,

a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".

8Entón escoitei a voz do Señor que dicía:

"¿A quen mandarei? ¿Quen irá da nosa parte?".

Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás: Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois ós Doce. Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a tódolos apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora.

Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus;. Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:

‑Boga lago adentro, e larga o aparello para pescar.

Respondeu Simón:

‑Mestre, pasámo-la noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.

Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo:

‑Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:

‑Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.

Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

Palabra remoída

·      Dilles Paulo aos corintios que el transmite o que recibiu. Non fora dos que seguira a Xesús, dos que estiveran preto del desde o comezo, ao contrario, Paulo declarárase inimigo daqueles primeiros seguidores de Xesús. Pero Paulo non se deixa levar pola rutina nin o costume, faise preguntas e  tenta buscar respostas. O seu é unha inquedanza que non se sitúa na aceptación do cómodo e fácil, por iso a súa conversión é escándalo para os xudeus e acción de graza para aqueles primeiros cristiás que o coñeceran como o seu gran perseguidor. E iso é o que lles conta aos corintios: a súa experiencia; unha experiencia marcada non pola soberbia de quen se sabe e cre mellor, senón pola humildade de quen sabe recoñecer os seus erros e volver comezar de novo. Toda unha folla de ruta para que, se queremos, poidamos seguir nós!

 

·      Nesta cadea de transmisión da fe,  o testemuño é  fundamental para darlle credibilidade. Porque a fe non é nin unha ideoloxía nin un eido pechado no que só poden entrar os que pertencen a el. Inda que, tristemente moitas veces ten sido así. E porque non é eido pechado e si leira aberta quen queira, quen estea a buscar razón e sentido para vivir, quen mostre inquedanzas máis alá do utilitarismo e os resultados, ten a esperar por si unha proposta acolledora, gozosa e leda. Pero para que iso poida ser así, nós, os que nos chamamos crentes e seguidor@s do proxecto de Xesús, temos que dar testemuño coherente de que paga a pena manifestarse persoa de conviccións no aquí e agora do noso tempo , coa nosa vida. É este o único camiño para transmitir hoxe a fe. E namentres non o entendamos e sigamos a vivir do que foi no pasado, a laiarnos dos poucos que somos, e a xulgar actitudes dos que teñen un xeito de vivir e sentir distinto ao noso, dificilmente poderemos responder á invitación de volver botar as redes.

 

·      Porque de redes e redeir@s fálanos Xesús no evanxeo. Non unhas redes que atrapan e oprimen, senón unhas redes que son experiencia de encontro, comunicación e relación na confianza –aquela que lle faltaba a Pedro-. Hoxe, no mundo tan cheo de conexións entre persoas de formas distintas e desde realidades vitais diferentes, é fundamental que as nosas redes non atrapen e si acollan; non impoñan e si expliquen; non condenen e si dean oportunidades. Porque as redes de Xesús, a diferenza das nosas, non nos enredan, senón que liberan; a fano desde a acollida, a escoita e o acompañamento. 

 

Oración da comunidade

            Invita hoxe o evanxeo á confianza, a non deixarnos enredar nas xustificacións e desculpas, para invitarnos a escoitar e acoller . Respondendo a esta invitación dicimos: Señor, que a túa voz resoe en nós.

·      Para que sexamos unha Igrexa sincera, humilde  e capaz de pedir perdón. Oremos. Señor, que a túa voz resoe en nós.

·      Porque moitas veces nas nosas parroquias empregamos moito tempo en enredar e pouco en escoitar. Oremos. Señor, que a túa voz resoe en nós.

·      Que nós, Señor, non nos deixemos levar pola comodidade de desconfiar de todo e todos, esquecendo que ti invitas sempre á confianza. Oremos. Señor, que a túa voz resoe en nós.

Grazas, Señor, por seguir invitándonos a túa confianza. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

 

Recendo de gratuidade

Lucas fálanos de que home e muller séntense salvados, á par. É moi curioso ve-la cantidade de veces que vai colocando a homes e mulleres en situacións paralelas, semellantes, e son as mulleres as que se converten en iconas, en referencia de transformación, en transgresoras; son mulleres que non obedecen cegamente a Torá, porque foron sido capaces de librarse das súas redes cando experimentaron a boa noticia. Sen dúbida estiveron enredadas nalgún momento, ao igual que toda a sociedade, pero o vento do Espírito, a forza de Xesús, permitiulles liberar os seus pés destas ataduras e comezar a vivir algo novo. Estas mulleres foron lendo e descubrindo sinais de salvación, e puxeron en cuestión algúns costumes patriarcais... engadiría tamén que, si o Evanxeo de Lucas nos animara só a ser un pouquiño máis bos, non pagaría a pena. Este evanxeo ten que espertarnos e facernos ver que, teñamos os enredos que teñamos na nosa vida (normas, leis, recordos, feridas, perdas…) sexa cal sexa a nosa situación vital, hoxe - aquí - agora, Xesús ofrécenos a salvación e a sanación, estreitamente unidas. 

(https://web.unican.es/campuscultural/Documents/Aula%20de%20estudios%20sobre%20religi%C3%B3n/2009-2010/CursoTeologiaLasMujeresEnLucas2009-2010.pdf ) 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...