Ir al contenido principal

8 domingo TO C 2022

Que as nosas decisións estean asentadas na capacidade de pensar, de xeito que non  nos deixemos levar dos arroutos

Canto gozoso

 

Entrada.- Unha parroquia (  )

Lecturas.- Eu louvarei ( )

Ofertorio.- Recibe Señor (  )

Comuñón.- Quédate, Señor, connosco (  )

 

Ollos abertos

 

         Escoitemos hoxe na primeira lectura do libro do Eclesiástico toda unha invitación que non deberiamos  deixar de lado no noso día a día: Non loes a ninguén antes de que razoe. Que importante isto que se nos di! Para que non nos deixemos levar das aparencias, do que nos dixeron, da imaxe que as persoas damos. Non teñamos présa, valoremos a importancia da paciencia, aprendamos a escoitar, e ben seguro que despois  a nosa comprensión das situacións e as nosas reflexións e opinións, serán moito máis profundas, sensatas e válidas para poder nós  e para quen as escoite.

         Non lle regateemos tempo a pensar as cousas, e así, acabaremos agradecendo non ternos precipitado. Para que a nosa opinión conte e non sexa simplemente un díxome, díxome.

         

Corazón misericordioso

·      Polas presas coas que facemos as cousas, que nos impide ser persoas máis asisadas. Señor, que sexamos persoas reflexivas.

·      Por coidar moito como queremos que nos vexan, e non tanto como realmente somos. Cristo, que sexamos persoas reflexivas.

·      Porque caemos no disimulo de aparentar o que non somos. Señor, que sexamos persoas reflexivas.

 

 

Palabra Proclamada

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Tralo abaneo da peneira, queda o farelo;

tamén queda o refugallo do home cando o examinan.

As potas do oleiro saen segundo arda o forno,

un home é o que é segundo o que pensa.

Conforme o que se coide unha árbore serán os seus froitos,

 o raciocinio segundo a inclinación que un teña.

Non louves a ninguén antes de que razoe

pois tal é a proba dos homes. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita:

a morte foi tragada pola vitoria

Morte, ¿u-la túa vitoria?

Morte ¿u-lo teu aguillón?

O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. Pero deámoslle as gracias a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.

Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos coma cristiáns non son en balde. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Xesús púxolles ós discípulos unha comparanza:

‑¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; anque todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? ¿Como lle poderás dicir a teu irmán: "Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quita-lo lixo do ollo de teu irmán.

Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca. Palabra do Señor.

Palabra remoída

 

·      A invitación que nos fan hoxe as lecturas para a nosa reflexión, xira ao redor da idea de que é importante que para que as cousas saian ben. E non teñamos que estar eternamente laiándonos, é preciso reflexionalas antes de tomar decisión. E isto que parece moi doado, non  o é tanto se  miramos a realidade ao noso redor e as situacións que estamos a vivir neste momento. Non cansamos de ver enfrontamentos entre persoas e países por cuestións políticas, relixiosas, económicas, culturais, familiares, de igualdade, de xénero.. . e na maioría de casos  imos descubrindo que  foi a precipitación a que  doa lugar a esas situacións. Por iso, e aplicándoas ao noso ámbito persoal, é tan importante aprender a reflexionar antes de decidir, escoitar antes de contestar, sopesar pros e contras antes de tomar unha decisión importante. ... que tomemos en serio a importancia do discernimento antes de manifestar opinións, xuízos ou puntos de vista en relación a todo canto nos importa e incide na nosa vida.

 

·      Saber facer as cousas de xeito pausado e tranquilo, só nos pode traer beneficios. Aprender a nos precipitarnos ante as situacións nas que temos que decidir, evita ter que arrepentirnos posteriormente do rumbo que lle temos dado as situacións isto vale tamén cando nos referirmos a como son, ou non son, as persoas. Porque sendo os xuízos moi doados de facer, as consecuencias do que nese xuízo se manifesta, acaban marcando as persoas e as relacións de unhas con outras. Sexamos firmes nas conviccións, si, pero que isto non supoña nunca ferir, agredir, facer de menos, ridiculizar ou degradar a dignidade das persoas. Todas e todos temos e compartimos dignidade e merecemos respecto; máis alá de como sintamos ou teñamos ideas distintas ou contrarias. Pero se somos capaces de expresalas sen ferir nin atentar contra esa dignidade compartida estaremos dando resposta ao proxecto que traza Xesús para que as persoas poidamos convivir e entendernos.

 

·      E para que isto poida ser así, temos que vivir a sinceridade desde nós mesmos, sen auto- enganarnos nin crearnos  imaxes e visións que non responden a como somos. O primeiro paso de todo respecto, esixe saber como somos e intentar descubrir capacidades e carencias que todas e todos temos. E unha vez que nos descubrimos como somos, poderemos tentar acompañar, comprender, escoitar ou entender ou axudar aos demais. E disto é do que nos fala hoxe Xesús: do esforzo por non crearnos mundos paralelos e inútiles sobre nós. Mundos que non nos traen máis que desacougo e tristura. Como acompañar a ninguén se nos mentimos a nós mesmos? Como coñecemos moi ben cales son os mellores froitos que podemos dar, aproveitémolos para compartilos con quen puidera precisalos. Máis non esquezamos que sempre, sempre, que: da abundancia do corazón fala a boca. Polo que as aparencias acaban por descubrirse e descubrirnos.

Oración da comunidade

         Rezamos comunitariamente deixando que Deus acompañe a nosa vida, e poñendo nel a nosa confianza dicindo:

Que a sinxeleza aniñe na nosa vida

·      Por unha Igrexa sinxela, solidaria, humilde e disposta sempre a aprender. Oremos. Que a sinxeleza aniñe na nosa vida.

·      Por unhas comunidade parroquiais que aprenden a vivir o presente con dinamismo, creatividade, esperanza e alegría. Oremos. Que a sinxeleza aniñe na nosa vida.

·      Para que na nosa vida sexamos persoas sinceras con nós mesmas, sen enganarnos en falsas aparencias que non responden nin a como somos nin ao moito que nos precisamos. Oremos. Que a sinxeleza aniñe na nosa vida.

Grazas, Señor, por agasallarnos con este momento de oración comunitaria, que nos fai tomar conciencia das nosas capacidades, pero tamén das cousas nas que precisamos dos demais. Amén.

Recendo de gratuidade

É moi difícil que alguén poida vivir das aparencias todo o tempo, toda a vida, tódolos días, tódalas horas.  Xesús, imos aproveitar o que Ti nos dixeches hoxe no Evanxeo para que a semana que comezamos sexa un esforzo por non deixar que a aparencia aniñe en nós. Porque as nosas accións deben ser consecuencia do que pensamos; do que lle exiximos aos demais, danos azos para que sexa iso o que nos esforcemos por vivir.

Que a vida que vivimos externamente sexa reflexo dla vida interior; o que sinto e vivo interiormente que saiba reflectilo no meu actuar cotián. E Señor, quero dar grazas por falarnos con tanta claridade a agarimo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...