Ir al contenido principal

7 Domingo TO C 2022

 DEUS AGASALLOUNOS CO SEU AMOR; QUE SABÉNDONOS NA TERRA, NOS VAI ABRINDO CAMIÑO CARA AO CEO

 

CANTO GOZOSO

 

Entrada: Todos xuntos vaiamos ao altar (Nº 133)

Lecturas: Amóstranos, Señor, os camiños da vida (Nº 20)

Ofertorio: Contade as marabillas do Señor (Nº 24)

Comuñón: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)


 

OLLOS ABERTOS

 

Ao comezar a celebración deste domingo, esforcémonos para que a nosa presenza aquí sexa activa, gozosa, participativa e sempre comunitaria. Deus, no seu amor, convocounos. Nós, na nosa liberdade, respondemos. Fagamos entón posible que este momento de oración sexa un verdadeiro encontro de fraternidade alentado na fe e desde o amor ao que Xesús nos invita hoxe no evanxeo.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Pola xordeira que nos impide escoitar cando nos falas. SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

·      Pola cegueira que nos impide descubrirte en quen temos ao lado. CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.

·      Pola dureza de corazón, que non nos deixa recoñecernos coma irmás e irmáns. SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL

 

Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para buscar alí a David.

David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado, durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército estaban deitados ó redor.

Abixai díxolle a David: ‑"Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo". David respondeulle a Abixai: ‑"Non quero que o mates. ¿Quen poñería a man impunemente sobre o unxido do Señor?"

David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono do Señor caese riba deles.

David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito entremedias. 

David respondeulle: ‑"Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela.

Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor.

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

O primeiro home, Adam, fixérono un ser vivo; o último Adam, un espírito que dá vida. Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual. O primeiro home, saído da terra, era terrestre; o segundo home veu do ceo. Como era o terrestre, así son os terrestres: e como é o celeste, así son os celestes. E o mesmo que antes levámo-la imaxe do terrestre, tamén levarémo-la imaxe do celeste. 

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Dilles Xesús ós seus discípulos:

A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigosfacédelles ben ós que vos odian, bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; ó que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. Ao que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

Se amáde-los que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles. E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.

Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vós: unha boa medida ‑acugulada, rebordada, apretada‑ seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós. 

Palabra do Señor. 

Gloria a Ti, Señor Xesús.

 

PALABRA REMOÍDA

· Ainda que moitas veces poidamos pensar o contrario, Deus nin quere nin potencia a inimizade. Para El o amor é o eixe que percorre o seu achegamento a nós, buscando todo canto nos fai mellores persoas, máis felices e con ganas de mellorar a nosa relación coas demais persoas. El nin busca vinganza, nin invita, no seu nome, a declarar guerras e desenvolver matanzas. Porque o seu é ser sempre amor de xenerosidade despregada en cada un e cada unha de nós. Fronte aos nosos intentos de atribuírlle a Deus desexos de infelicidade e condena para con nós, El só é capaz de dicir/nos: quérote, vai e fai o mesmo.

· Por iso en Cristo, na súa vida, no estar no mundo, no querer que fose un coma nós, puxo toda a forza da súa imaxe e semellanza. En Cristo Xesús nós, coma se fose un espello, vemos como se concreta o proxecto de Deus, que non é un proxecto violento, condenatorio, cheo de medo ou imposición; senón un proxecto de acompañar o noso paso. Unhas veces máis rápido, outras máis amodo, pero El sempre acompañando e cos pés na terra. Non mira para outro lado, non se pon de costas, non se desdí do seu querer acompañarnos. Toda a súa grandeza está no querer camiñar con e coma nós, sen escapar nas dificultades, sen vanagloriarse nos triunfos. Por iso, en Xesús, Deus pasou facendo o ben. E nós, na semellanza con El, estamos chamad@s a face-lo mesmo.

· O que non se pode facer se non é desde un compromiso de igualdade visibilizadora que fai das persoas non só irmás, senón tamén iguais en dignidade compartida. E esa igualdade impide crernos mellores, superiores ou mais importantes uns ca os outros. O Deus cristián non xerarquiza ás persoas, iguálaas poñéndonos a todos e todas ao mesmo nivel. Somos nós quen facemos distincións, grupos, diferenzas ou clases, non o Deus que Xesús, como acabamos de escoitar no evanxeo, nos mostra. Que esta sexa a brúxula (compás) desde a que nos movamos e orientemos a nosa vida, para que teña contido, horizonte e sentido confesar a fe e dicir, sen medo nin vergoña: creo!


ORACIÓN DA COMUNIDADE

 

Porque Deus é fundamentalmente amor despregado cara  nós, na acollida gozosa dese amor dicimos: QUE SAIBAMOS FACER DO AMOR FRATERNIDADE.

·      Para que toda a Igrexa: papa, bispos, curas, monxas, frades e segrares, teñamos sempre presente que o amor é aprender a escoitar, saber acompañar e facer da vida colaboración. Oremos.

·      Para que nos esforcemos por propoñer ideas, esperanzas, novidades e cambios nas nosas parroquias, para que sexan verdadeiras escolas de colaboración participativa. Oremos.

·      Que nós non nos deixemos nunca enredar en comportamentos, actitudes nin inmobilismos que  nos leven a perder a cercanía ás persoas que precisan de ser atendidas. Oremos.

Poñémolo todo baixo a túa man agarimosa e fraterna. P.X.N.S. Amén.

 

RECENDO DE GRATUIDADE

Fronte ao descarte, unha cultura da compaixón

Estar atentas e atentos : a compaixón nace de ter os ollos abertos para ver o sufrimento dos demais e os oídos atentos para escoitar o seu choro. Así, “abrimos os ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados de dignidade, e sentímonos provocados a escoitar o seu berro de auxilio”.

Achégase a nós : É un criterio que salienta Francisco: «A proximidade como servizo aos demais, si; pero a proximidade tamén como proximidade». “As nosas mans danlle a man, e achegámolas a nós para que sintan a calor da nosa presenza, da nosa amizade e da fraternidade”.

Saír ao encontro: "[O camiño da Igrexa é] non só é acoller e integrar, con valor evanxélico, a quen peta na porta, senón saír a buscar, sen prexuízos e sen medo, a quen está lonxe, mostrándolle libremente o que tamén recibimos libremente”.

Curar as feridas: Ante o sufrimento non abonda coa indignación. Tampouco abonda coa aceptación. As feridas deben ser curadas, aliviadas co aceite do consolo, vendadas con misericordia e curadas con solidariedade e coidado.

Acompañar: “A auténtica compaixón faise cargo da persoa, escóitaa atentamente, aborda a súa situación con respecto e verdade, e acompáñaa no camiño. As persoas verdadeiramente misericordiosas e compasivas compórtanse como o bo samaritano".

( https://www.caritas-santiago.org/actualidad/noticias/frente-al-descarte-una-cultura-de-la-compasion/  )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...