Ir al contenido principal

6 Domingo TO C 2022 Mans Unidas

A NOSA INDIFERENZA CONDÉNAAS AO ESQUECEMENTO

                                   (CAMPAÑA DE MANS UNIDAS)

CANTOS 

·      ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

·      LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)

·      OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)

·      COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

OLLOS DE ESPERANZA

Hoxe, segundo domingo de febreiro, a Igrexa invítanos a ensanchar a mirada e o corazón máis alá dunhas fronteiras artificiais, construídas desde o egoísmo, para poder descubrir a súa presenza e a nosa irmandade en tantas persoas que teñen fame.

Si, porque hoxe celebramos a Xornada de Mans Unidas contra a fame. O lema deste ano: “A nosa indiferenza condénaas ao esquecemento”, é toda unha chamada a saír do individualismo e do andazo que tantas veces nos paraliza.

Hoxe pode ser un gran día, pode ser o día no que comecemos a camiñar en comunidade. Non desaproveitemos esta invitación de Deus, que nos chama a ser persoas benaventuradas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*    Porque deixamos que a indiferenza aniñe no noso corazón, preocupándonos só do que nos afecta a nós; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DA INDIFERENZA.

*    Porque co noso xeito de vida contribuímos a que a desigualdade medre; CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DA INDIFERENZA.

*    Por ter pechado a porta do noso portal a quen non pensa, non reza, non ama ou non actúa coma nós, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DA INDIFERENZA.

 

PALABRA PROCLAMADA 

 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Así fala o Señor:

Maldito o home que confía no home:

pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.

Será coma un cardo no ermo, non verá vir a fartura;

habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.

Bendito o home que confía en Deus:

a súa esperanza é o Señor.

Será coma unha árbore transplantada xunto á auga,

que bota as súas raíces para o regueiro;

non notará cando veña a seca,

e a súa follaxe estará frondosa;

nos anos de seca non terá preocupacións,

pois non deixará de dar froito.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmás e irmáns:

Se se predica que Cristo resucitou dos mortos, ¿como é que andan algúns de entre vós dicindo que non hai resurrección dos mortos?.

Pois, se os mortos non resucitan, tampouco Cristo está resucitado. E, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión: estades aínda nos vosos pecados.

Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. Ora, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós somos os máis dignos de compaixón entre todos os homes.

Pero non: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Xesús detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón. Coa mirada posta nos seus discípulos, Xesús dixo:

Ditosos vós os pobres, porque voso é o Reino de Deus.

Ditosos os que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.

Ditosos os que agora chorades, porque riredes.

Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home: alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.

Pero, ¡ai de vós, os ricos, porque xa acadastes a vosa satisfacción!

¡Ai de vós, os que agora estades fartos: xa pasaredes fame!

¡Ai de vós, os que agora rides: xa choraredes e xa laiaredes!

¡Ai, cando todos falen ben de vós: o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PALABRA REMOÍDA

Moitas veces ocórrenos que a forza de escoitar unha noticia que perdura e que se alonga no tempo, afacémonos a ela e xa non nos afecta. Despois do primeiro impacto que nos causa (sexa positivo ou negativo) logo deixámonos ir e acostumámonos á súa presenza nas nosas vidas e xa nos esvara. Temos bos exemplos disto que vimos dicindo a diario: as mulleres que morren vítimas da violencia, as persoas que morren pola pandemia, as persoas contaxiadas coa Covid, as persoas que quedaron no paro, as persoas que... Poñemos o piloto automático, pensamos “outra vez co mesmo” e deixamos que a indiferenza aniñe no noso corazón. Esquecemos que, detrás deses datos numéricos e estatísticos hai persoas con nomes e apelidos; persoas coma nós; persoas irmás nosas. E iso é moi perigoso, porque ser indiferente é o peor que lle pode pasar a alguén. Ser indiferente é ser invisible, é non contar, é non existir. 

Coa xornada que hoxe celebramos pasa un pouco isto. Segundo domingo de febreiro, campaña de Mans Unidas, facemos un donativo para tranquilizar a nosa conciencia e concedémoslle uns segundos da nosa vida ás persoas que pasan fame. E logo, a outra cousa, bolboretiña. Mais todos os días son segundo domingo de febreiro, porque o traballo pola igualdade e o desenvolvemento está no cerne das persoas que nos dicimos seguidoras de Xesús.

E para que nos lembremos, para que non caiamos no Alzheimer espiritual que denuncia Francisco, o Evanxeo que vimos de proclamar dinos ben clariño que as persoas pobres, as persoas famentas, as persoas tristes... as persoas descartadas por unha ou por outra causa son as preferidas de Deus, son as meniñas dos seus ollos. Porén, nós seguimos rexeitándoas e, como denuncia o profeta Xeremías, estamos retirando a Deus do noso corazón.

Hoxe é un bo día para facer un exercicio de memoria que nos permita lembrarnos de que nós, coas nosas actitudes, coas nosas palabras, co noso antitestemuño moitas veces tamén facemos que a desigualdade que xera a inxustiza medre. Porque o verdadeiro desenvolvemento humano cimentarase no cambio de actitudes: de donos e propietarios do mundo a moradores e coidadores, que loitan por unha vida digna, na casa común, para toda persoa.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

Rezamos agora a Deus presentando a oración comunitaria e dicindo:

 

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS IRMÁS E IRMÁNS

 

Para que toda a Igrexa sexa capaz de acoller a invitación de Deus a camiñar na benaventuranza de poñer no centro o ser e non o ter, OREMOS.

 

Polas nosas parroquias, para que non permitamos nunca que ningunha persoa caia no esquecemento ou na indiferenza, OREMOS.

 

Por todas as persoas que, desde Mans Unidas ou desde outras organizacións, traballan para erradicar a fame e as desigualdades do mundo, para que atopen en Deus a forza e en nós a colaboración que precisan, OREMOS.

 

û  Por cada un e cada unha de nós, para que para que non esquezamos que os xestos cotiáns e sinxelos da nosa vida: non estragar a comida, reciclar e reutilizar as cousas, consumir menos.... son bos antídotos contra a desigualdade, OREMOS.

 

Grazas, Señor, porque te fas un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

 

MIRADA DE ESPERANZA

 

Señor, Pai/Nai de toda a humanidade

que creaches a todos os seres humanos coa mesma dignidade,

infunde nos nosos corazóns un espírito fraternal.

Inspíranos un soño de reencontro, de diálogo, de xustiza e de paz.

Impúlsanos a crear sociedades máis sanas e un mundo máis digno,

sen fame, sen pobreza, sen violencia, sen guerras.

Que o noso corazón se abra a todas as nacións da terra,

para recoñecer o ben e a beleza que sementaches en cada persoa,

para tecer lazos de unidade, de proxectos comúns,

de esperanzas compartidas. Amén

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...