Ir al contenido principal

2 de Coresma 2022

FACENDO PRESENTE A DEUS VISIBILIZANDO ÁS PERSOAS

SINAL DE CORESMA

No noso intento de responder á pregunta sobre que é o “Que nos produce bágoas no corazón, dentro e fóra da Igrexa?”. Engadimos nesta segunda  semana, e ao abeiro da celebración do oito de marzo, a bágoa coa palabra INVISIBILIDADE.

 

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Non vou só ( 60)
  • LECTURAS: Ergo os meus ollos cara os montes (112)
  • OFERTORIO: Na noite escura (104) 

COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (63)

PARA NON PERDER O PASO

Invisibilidade. Diciamos que esta é a bágoa desde a que se nos invita a reflexionar neste segundo domingo de coresma. Si, porque ao noso redor segue a haber moitas persoas invisibles nas que ninguén se para nin ás que ninguén lles fai caso. Unha invisibilidade que está en tódolos tramos de idade e xénero. Porque invisibles son as crianzas, invisibles son tamén as persoas maiores e invisibles son aquelas persoas que viven en situacións de precariedade e nas que ninguén repara. E como ben sabemos, toda invisibilidade provoca dor, sufrimento e, en non poucas veces, moitas bágoas. Que non sexamos nós quen de provocalas.

CO CORAZÓN FERIDO

·      Por ignorar e darlle ás costas ás persoas que só buscan ser recoñecidas e valoradas. Señor, non nos deixes da túa man.

·      Por non saber facer da coresma tempo de conversión e cambio. Cristo, non nos deixes da túa man.

·      Por non ser capaces de ser tenrura de Deus para non facer invisible a ninguén. Señor, non nos deixes da túa man

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 Levou Deus fóra a Abraham e prometeulle: ‑"Olla cara ó ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes". Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.

Despois díxolle o Señor: ‑"Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".

Abram preguntou: ‑"Señor e dono meu, ¿como saberei que será miña?"

O Señor respondeu: ‑"Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".

Abram trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. Os voitres descendían á carnada, e Abram espantábaos. Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abram un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.

Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abram viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume.Aquel día fixo o Señor con Abram esta alianza: ‑"Os teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

Irmáns, seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. É que moitos ‑dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar‑ pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais. Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo, reproducindo en nós a  gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo.

Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, ¡seguide así firmes no Señor, queridiños! Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ó monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:

‑Mestre, ¡que ben que esteamos nós aquí! ¿Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?

Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube:

‑Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.

Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

·      De visibilidade se nos fala hoxe nos textos da palabra de Deus que temos escoitado. Unha visibilidade que nos mostra a imaxe de Deus que non se pecha no seu torreón illado e afastado do que lle pasa ás persoas; ao contrario, Deus presentase como Aquel que está ao lado, que camiña xunto a, que non escapa nin nos deixa sos. Non o fixo con Abrahán, tampouco, como di Paulo, cos que estiveron e compartiron sorrisos e bágoas con Xesús moito menos cando se mostra a Pedro, Santiago e Xoán no Tabor. Deus é, e sendo está sempre súa é unha presenza de amor, solidariedade e sempre, sempre de esperanza. Nunca nos dá as costas. Inda que nós moitas veces, coas nosas andrómenas, somos incapaces de recoñecelo.

 

·       E se Deus está sempre preto, a carón, con isto estanos a dicir que tamén nós temos que saber estar á carón de quen nos precise, en todo momento e sempre. Mesmo agora diante de tantas situacións de  dor, tristura, invisibilidade, violencia, morte... El está. Estamos tamén nós? Ou limitámonos a seguir, ou facer a vida, a través dunha pantalla de plasma; ao lonxe, en diferido. Porque se Deus non da nunca as costas, a nós úrxesenos a seguir as súas pegadas e avanzar ao lado de quen poida precisarnos. O que supón ter unha actitude de dispoñibilidade, escoita e praxe concreta de tender a man e acompañar. 

·      Un acompañamento que ten moitas formas e se ha facer para con moitos rostros. Porque en todos eles estamos chamadas e chamados a recoñecer o rostro de Deus. Como diciamos no canto aquel que tantas veces moveu a nosa oración: “Deus está aquí. Tan certo coma o aire que respiro, tan certo como a mañá se ergue, tan certo como que o seu canto podémolo escoitar”. E o seu canto sempre pon o corazón e a mirada nas persoas. Tódalas persoas, pero especialmente as que son vítimas das persoas máis poderosas. E destas, as vítimas, hoxe hai, e en todas partes, tantas! Por iso, como ocorreu con Xesús e os que estaban con El no Tabor, a nosa misión non é crear persoas invisibles, senón visibilizar dando voz, palabra, rostro, vida, fraternidade ás persoas. E isto só se pode, a diferenza do que pensaba Pedro, poñendo os pés na terra e o corazón no que lle pasa aos homes e mulleres cada día.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

       Rezamos ao Deus que facéndose visible, vainos chamando a nós a visibilizar o seu proxecto de amor, dicimos: Que os nosos ollos sexan de fraternidade.

·      Para que como Igrexa non escondamos nunca a verdade, nin teñamos medo a ser a voz das vítimas para que se escoiten.  Oremos.  Que os nosos ollos sexan de fraternidade.

·      Para que sexamos parroquia que viva, comparta e celebre sabernos persoas preocupadas e ocupadas en facer visible que vivir a fe esixe preocuparnos por quen temos ao lado, Oremos. Que os nosos ollos sexan de fraternidade.

·      Para que esa coresma sexa tempo que nos axude a deixar atrás as bágoas que se esquecen das persoas, as ignora, lles dá as costas e as destrúe deixándoas soas, Oremos. Que os nosos ollos sexan de fraternidade.

Grazas, Señor, por espertar  en nós o compromiso por non torcer a cara ante as persoas que sofren e se senten esquecidas. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Nós precisamos ir a un lugar apartado, subir á montaña nun espazo de silencio, para atoparnos a nós mesmos e percibir mellor a voz do Señor. Isto facemos na oración. Pero non podemos permanecer alí. O encontro con Deus na oración impúlsanos novamente a baixar da “montaña” e volver á parte baixa, á terra cha, onde atopamos a tantas persoas ir aflixidas pola fatiga, enfermidade, inxustizas, ignorancias, pobreza material e espiritual. Aos irmáns e irmás que pasan dificultades, estamos chamad@s a levar os froitos da expere3incia que temos de Deus, compartindo a graza recibida” (Francisco. Do libro da Cáritas para Coresma/Pascua 2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...