NON Á CULTURA DO DESCARTE
SINAL DE CORESMA
No noso intento de responder á pregunta sobre que é o “Que nos produce bágoas no corazón, dentro e fóra da Igrexa?”, engadimos nesta terceira semana a bágoa coa palabra DESCARTE.
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Eu soñei
- LECTURAS: Na noite escura
- OFERTORIO: Na nosa terra
o COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos
PARA NON PERDER O PASO
Descarte. Esta é a palabra que hoxe resoa nos nosos oídos á luz da Palabra que imos proclamar. Si, porque como ben nos advirte o papa Francisco, vivimos nunha sociedade que descarta ás persoas, excluíndo e apartando a aquelas que non dan rendemento: persoas maiores, crianzas, persoas enfermas, persoas con diversidade funcional, persoas dependentes... As persoas son consideradas como bens de consumo, que poden ser usados e tirados, escravizados, excluídos ou sometidos á desigualdade é a falta de recursos e de dereitos. Mais este non é un bo xogo, porque a dignidade que Deus pousou no corazón de cada persoa esixe respecto e inviolabilidade sempre.
Non entremos no xogo, mais tampouco quedemos como espectadoras e espectadores. Abramos o corazón para escoitar o clamor das persoas descartadas e alcemos a voz para defender a súa dignidade.
CO CORAZÓN FERIDO
· Porque nós moitas veces tamén descartamos e ignoramos a quen non pensa coma nós, SEÑOR, QUE NON XOGUEMOS AO DESCARTE.
· Porque nos falta paciencia para respectar os diferentes ritmos das persoas; CRISTO, QUE NON XOGUEMOS AO DESCARTE.
· Por ter un corazón de pedra que nos impide escoitar o clamor de quen sofre, SEÑOR, QUE NON XOGUEMOS AO DESCARTE.
ESCOITANDO A TÚA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía. E dixo para si: "Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira".
En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira: ‑"¡Moisés! ¡Moisés!"
El respondeu: ‑"Aquí estou".
Díxolle Deus: ‑"Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada". E engadiu: ‑"Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob".
Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.
O Señor díxolle: ‑"Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel, ós lugares dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos.
Moisés replicou: ‑"Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: ¿E cal é o seu nome? ¿Que lles direi eu entón?"
Deus respondeulle a Moisés: ‑"EU SON O QUE SON". E engadiu: ‑"Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós". E mandoulle aínda: ‑"Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións.
Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Porque eu non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos comeron o mesmo alimento espiritual, pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo. Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron.
Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.
Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos. ¡De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!
Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. Xesús respondeulles:
- ¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
‑Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:
- "Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".
PALABRA DO SEÑOR
UNHA PALABRA QUE AGROMA
§ “Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos”. De novo neste domingo da Coresma somos invitadas e invitados a abrir os ollos, os oídos e o corazón para poñerlle rostro e nome a tantas persoas que ao noso lado son descartas por unha sociedade que só busca o rendemento económico e que só se move polo poder e polos cartos. Porque só se somos capaces de entender que “os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angustias das persoas do noso tempo, sobre todo das persoas pobres e das que sofren, son á vez os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angustias das persoas discípulas de Cristo” estaremos dando razón da nosa fe e da nosa esperanza. Saber escrutar os sinais dos tempos para poder descubrir neles a Deus é fundamental na praxe cristiá. O discernimento, como ben nos lembra o papa Francisco é un proceso fundamental.
§ “Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel”. Mais non abonda con escoitar, senón que a escoita e o discernimento son o paso previo á acción. De que nos vale sensibilizarnos se logo non actuamos? De que nos vale compadecernos se permanecemos inmóbiles ante o sufrimento? A Coresma é, xa que logo, unha nova oportunidade que Deus pon na nosa vida para que miremos cara adentro e sexamos capaces de mudar.
§ “Señor, déixaa aínda un ano máis”. E este cambio temos que facelo sendo plenamente conscientes de que é un plan a longo prazo, pois é todo un proxecto de vida. Moitas veces caemos na efervescencia e na inmediateza de querer resultados xa, sen darnos tempo e sen respectar os ritmos, propios e das demais persoas. A parábola da figueira que hoxe escoitabamos no evanxeo quere ser unha declaración de intencións: precisamos coidados, precisamos tempo, precisamos unhas persoas das outras, precisamos sentírmonos queridos, valorados e acollidos, porque somos fráxiles, porque somos dependentes, porque nos necesitamos. Que a Coresma nos axude a endereitar o rumbo.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Rezamos ao Deus que non descarta a ninguén e digámoslle:
GRAZAS POR QUERERNOS COMO SOMOS
· Para que a Igrexa, instrumento de salvación, non descarte a ningunha persoa nin renuncie a escoitar todas as voces, OREMOS.
· Para que nas nosas parroquias sexamos capaces abrir ben os nosos ollos e os nosos oídos para poder coñecer os sufrimentos e as ledicias das persoas que as conformamos, OREMOS.
· Por cada unha e cada un de nós, para que esteamos dispostas e dispostos a facer o camiño do discernimento que nos leva ao compromiso, OREMOS.
Grazas, Señor, por espertar en nós o compromiso por non torcer a cara ante as persoas que son descartadas por calquera causa. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
A doutrina cristiá non é un sistema ríxido e pechado en si mesmo, pero tampouco é unha ideoloxía que cambie co paso das estacións; é unha realidade dinámica que, permanecendo fiel ao seu fundamento, renóvase de xeración en xeración e compéndiase nun rostro, nun corpo e nun nome: Xesucristo resucitado. Grazas ao Señor resucitado, a fe ábrese de par en par ao noso próximo e ás súas necesidades, desde as máis pequenas ás máis grandes. Por tanto, a transmisión da fe require que se teña en conta ao seu destinatario, que se coñeza e se ame concretamente.
O contexto sociocultural actual está a erosionar progresivamente a conciencia do que fai que a vida humana sexa preciosa. De feito, a vida valórase cada vez máis pola súa eficiencia e utilidade, ata o punto de considerar como “vidas descartadas” ou “vidas indignas” as que non se axustan a este criterio. Nesta situación de perda dos valores auténticos, ráchanse tamén os deberes de solidariedade e fraternidade humana e cristiá.
En realidade, unha sociedade merece a cualificación de “civilizada” se desenvolve os anticorpos contra a cultura do descarte; se recoñece o valor intanxible da vida humana; se a solidariedade se practica activamente e se salvagarda como fundamento da convivencia.
(Papa Francisco, Discurso aos participantes na Asemblea Plenaria da Congregación para a Doutrina da Fe, 30/1/2020)
Comentarios