Ir al contenido principal

4 domingo CORESMA 2022 C

EN TEMPO DE TANTA XENTE PRECISADA DE REFUXIO, QUE SAIBAMOS ABRIR OS BRAZOS A QUEN VÉN E CHAMA

Sinal

         Seguimos engadindo bágoas ao noso taboleiro coresmal. Desta volta  colocamos a bágoa da soberbia

Cantos

·      Entrada.- Unha certeza nos guía ( 60)

·      Lecturas.- Arrepentido ( 13)

·      Ofertorio.- Ergo os meus ollos ( 112)

·      Comuñón.- Xesús chamado amigo ( )

 


ABRINDO OS OLLOS

         Neste momento o mundo estase a converter en tempo de guerra, de refuxiados, de migrantes, de trata ... e en todas esas situacións sempre están persoas. Non son abstraccións ou teorías; falamos de persoas, seres humanos que están a ser tratados como se fosen cousas que se poden mover no taboleiro dos antollos de quen decide por eles. Porén Paulo fálanos hoxe na carta aos Corintios de que temos que ser embaixadores do proxecto de Deus que nos viu traer Xesús. Embaixador é o representante que fala e actúa no nome de alguén. Para nós ese Alguén é Deus. Non deixemos nunca de traballar para mostralo desde a delicadeza de trato para que ningunha persoa se senta ferida polo noso actuar ou dicir.

ACOLLENDO A MISERICORDIA

·      Porque non sempre a nosa resposta busca colaborar con quen o precise. Señor, que non te tomemos en van.

·      Porque moitas das cousas que dicimos coa boca non son as que están no corazón. Cristo, que non te tomemos en van.

·      Porque nos sobran présas e nos falta sosego e paz interior. Señor, que non te tomemos en van.

 

PALABRA PROCLAMA

Lectura do libro de Xosé

E dixo o Señor a Xosué: "Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto".

Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Xericó. No día seguinte á Pascua, comeron dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día. E, ó día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán. Palabra do Señor.

Lectura da segunda carta aos Corintios

 

Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. ¿Vedes? Hai unha realidade nova.

E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación. Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus.

 

Proclamación do Evanxeo segundo Lucas

Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

Este acolle os pecadores e come con eles.

Entón Xesús contoulles esta parábola:

E dixo tamén:

Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo".Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, ¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".

 

FACENDO DA PALABRA VIDA

 

·       Non cansa Paulo de insistir a novidade do que supón querer facer do proxecto de Xesús guieiro para a vida. Ser vida nova en Cristo, como di El, é esforzarse por aprender a ter unha mirada das persoas e do mundo humanizadora, fraterna, xenerosa, igualitaria, alegre, desinteresada, solidaria, pacífica, igualitaria...acolledora. Por iso o noso esforzo sempre, pero especialmente nesta coresma, ten que ser cambiar as bágoas que nos van afastando deste camiño polos sorrisos que vai mostrando a mirada de Xesús. Porque El, o que quere e ofrece non é máis que amor. Que traballemos por telo sempre presente en cada paso da nosa vida.

 

·       Desde esta mirada non nos importará, como non lle importaba a Xesús, o que digan en contra nosa. E se a el o acusaban de que acolia e comía con pecadores e xente mal vista; non teñamos medo nós cando tamén nos digan que o que facemos non é coma sempre, que as nosas celebracións nos son como as de sempre, que non facemos o que manda a Igrexa (moitas veces esa Igrexa só é a dos que o din).Porque tamén lle ocorreu así a Xesús. Que non teñamos medo a estar con tod@s, a falar de todo, a tende-la man aos proxectos que son para tod@s e non exclúen a ninguén. Nunha palabra, porque queremos ser dos de Xesús, que saibamos recoñecelo en todo canto fai que as persoas sexan máis queridas e máis felices. E isto hoxe é unha urxencia na que se precisa moito corazón aquecido para acoller e escoitar.

 

·       Por iso sempre hai tempo para rectificar, para volver, para darse conta que é necesario dar un xiro no camiño como acabamos de escoitar no evanxeo. Non importan tanto as boas palabras, que engaiolan, si, pero non fan nada máis. Aí se quedan. O que si importa e é necesario, é mostrar a través dos feitos, da capacidade de cambiar, no recoñecemento de que non sempre estamos no que corresponde, que non nos importa recoñecer que non sempre temos a razón e de que temos que estar sempre en actitude de aprender e non de xulgar. Que nunca nos creamos mellores e merecedores de recoñecementos e prebendas. Aprendamos a aledarnos do ben dos demais, da súa alegría, de que lle vaian ben as cousas, do seus esforzos por querer volver a poñerse en camiño, a afastemos de nós actitudes de soberbia e altanería de santidade. Xesús sempre estaba moi pendente dos “santos da porta do lado”; aqueles que se equivocan moito e saben que non son perfectos, pero, conscientes da súa debilidade, saben rectificar e tentar volver a casa coa humildade de quen non pide nada máis que unha aperta sincera e fonda.

 

SENTÍNDONOS COMUNIDADE

Para que este momento de oración comunitaria sexa experiencia de confianza agradecida, dicímoslle aos Señor: Grazas por abrinos os teus brazos

·       Para que sexamos Igrexa solidaria, acolledora, misioneira e sempre sinodal. Oremos: Grazas por abrinos os teus brazos.

 

·       Para que non teñamos medo a escoitar e confiar en quen chega e pide que lle dediquemos un pouco do noso tempo cheo de agarimo acolledor. Oremos: Grazas por abrinos os teus brazos.

 

·       Para que nunca nos creamos mellores ca os demais nin con dereito a xulgar a quen non pensa coma nós nin fai o mesmo que facemos nós e nos esforcemos por comprendelos para querelos como son. Oremos. Grazas por abrinos os teus brazos.

Señor, que non caiamos na tentación de crernos mellores e máis xustos e fieis ca os demais. P.X.N.S. Amén.

PENEIRANDO A REFLEXIÓN

Queridos amigos, agora é evidente que a boa política non pode vir da cultura do poder entendida como dominación e opresión, senón só dunha cultura do coidado, do coidado da persoa e da súa dignidade e do coidado da nosa casa común. Desafortunadamente, a vergoñenta guerra que estamos asistindo demóstrao negativamente.

Creo que para os que pertencedes á miña xeración é insoportable ver o que pasou e está a pasar en Ucraína. Pero por desgraza este é o resultado da vella lóxica do poder que aínda domina a chamada xeopolítica. ..Seguimos gobernando o mundo como un "taboleiro de xadrez", onde os poderosos estudan os movementos para estender o dominio en detrimento dos demais .

A verdadeira resposta, polo tanto, non son outras armas, outras sancións. A verdadeira resposta, como dixen, non son outras armas, outras sancións, outras alianzas político-militares, senón outro enfoque...  É a escola de Xesús, quen nos ensinou como o Reino de Deus se desenvolve sempre a partir da pequena semente. É a escola de Gandhi, quen levou a un pobo á liberdade no camiño da non violencia. É a escola dos santos de todos os tempos, que fan medrar á humanidade coa testemuña dunha vida pasada ao servizo de Deus e do próximo.    

( Francisco, aos participantes no encontro promovido polo centro feminino italiano. 24 de marzo de 2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Pentecoste 2023

Remol. Pentecostes.2023 XUNT@S ANUNCIAMOS O QUE VIVIMOS CANTOS Entrada.- Pedras vivas Lecturas.- Manda o teu Espírito (126 ) Ofertorio.- Recibe Señor ( 31 ) Comuñón.- Quédate, Señor, connosco ( 63 ) ESCOITA ACTIVA   Hoxe é Pentecostes, o remate do tempo de Pascua; o comezo do tempo da Igrexa. Esa Igrexa santa e pecadora; esa Igrexa que por veces ten prestado máis atención á súa imaxe que a servir ás persoas, pero tamén esa Igrexa que ao longo de dous mil anos, entre luces e sombras, ten sido faro de acollida, servizo, solidariedade e loita pola paz.             Cando a Igrexa se deixou levar pola ansia de poder e polo afianzamento como institución, foise afastando do Evanxeo, para converterse en foco de poder e dominio. Porén, cando ten mirado ao Evanxeo, á persoa de Xesús, ao testemuño de homes e mulleres que foron capaces de dar a vida por defender aos máis débiles, mostrouse como relampo de presenza do Espírito Santo e continuadora da misión que Xesús lle encomendou a aquelas persoa