DEUS ESTÁ FACENDO ALGO NOVO; XA AGROMA: NON VOS DECATADES?
SINAL DE CORESMA
Colocamos hoxe a derradeira bágoa: DESIGUALDADE.
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Arrepentido (Nº 13)
- LECTURAS: Na noite escura (Nº 104)
- OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
- COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
PARA NON PERDER O PASO
Rematamos hoxe o noso camiño coresmal. Xa divisamos Xerusalén, lugar de festa, de banquete compartido, de soedade e morte; pero tamén lugar de resurrección e vida nova.
Por iso nós, con Isaías, tamén sentimos a chamada de Deus, que nos invita a deixar atrás o vello, o antigo, o que non nos fai felices, os desertos da nosa vida para abrir camiños novos, camiños frescos, camiños creativos, camiños de comuñón e sinodalidade. Uns camiños que necesariamente han transitar pola igualdade, porque a dignidade que Deus pousou no corazón de cada persoa úrxenos a afastar de nós a tentación de crérmonos superiores ou mellores ca ninguén.
Por iso a derradeira bágoa é a da DESIGUALDADE, porque nun mundo que clasifica e separa ás persoas polo seu sexo, pola súa cor, polo seu poder económico, pola súa orixe... nós, cristiás e cristiáns, seguimos apostando e traballando por unha casa común na que non se pidan carnés e na que todas as persoas son benvidas.
CO CORAZÓN FERIDO
- Polas moitas veces seguimos aferrándonos ao vello, ao antigo, ao de sempre para agochar a nosa falta de compromiso e creatividade, SEÑOR, MÍRANOS CON TENRURA.
- Porque somos das persoas que tiramos a pedra da murmuración, da calumnia, do insulto, do descreto... e agochamos a man, CRISTO, MÍRANOS CON TENRURA.
- Porque somos persoas rápidas e prontas para condenar e moi lentas para perdoar de corazón; SEÑOR, MÍRANOS CON TENRURA.
ESCOITANDO A TÚA PALABRA
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,
que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.
Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.
¿Non vos lembrades das cousas pasadas? ¿Non comprendedes as cousas antigas?
Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: ¿non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.
Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,
porque porei augas no deserto, ríos no ermo,
para darlle de beber ao meu pobo, ao meu escollido,
ao pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS FILIPENSES
Irmás e irmáns:
Todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ó lixo con tal de gañar a Cristo e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe coma resposta á fe.
Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos.
Non é que eu xa chegase á meta nin que xa teña chegado á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús. Irmáns, eu non boto de conta que a teña alcanzado. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ó que está diante, bulo para pillar o premio ó que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.
Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
- Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
- Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
- Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeulle:
- Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
- Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.
PALABRA DO SEÑOR
GLORIA A TI, SEÑOR XESÚS
UNHA PALABRA QUE AGROMA
As adúlteras deben ser apedradas, segundo a lei. Así razoaban os escribas e os fariseos, os sabios e perfectos do tempo de Xesús... aqueles que se consideraban escrupulosos cumpridores da Lei de Moisés, aqueles que cargaban pesados fardos sobre os ombreiros da xente e non movían nin un dedo para poder axudala, aqueles que a mala fe, tentan poñer en evidencia a Xesús. Que actual, verdade!!!!! Mais Xesús, facendo súas as palabras da profecía de Isaías, estaba facendo algo novo: unha sociedade de iguais, unha sociedade fraterna, unha sociedade na que todas as persoas sumen, unha sociedade na que ninguén se sinta estraño.
Bastou unha mirada, unha simple ollada chea de tenrura e de empatía para que aquela adúltera se sentise como o que era: imaxe e semellanza de Deus. Ata entón aquela muller coñecía dúas miradas: a do desexo ou cobiza e a da condena. Agora os seus ollos cruzan cos dun home que mira nela non un obxecto de pracer nin un branco para as pedras, senón unha dignidade pisada e menosprezada. A de Xesús é unha mirada creadora que pon en pé a unha muller que estaba tirada por terra. Ninguén en nome de lei algunha, de ningún principio nin de ningunha moral ten dereito a marxinar, condenar ou considerar perdida a ningunha persoa. Velaquí o criterio co que Deus nos mira... tamén ás mulleres!!!!!!!
No remate do camiño coresmal convídasenos a mirar cara dentro para reflexionar sobre todas as veces nas que, créndonos en posesión da verdade, puxemos a alguén no medio e medio, para cuestionar, para facer preguntas envelenadas, para menosprezar, para invisibilizar, para humillar, para burlarnos, para xulgar, para apedrar de calquera xeito. No xigantesco patio de veciñanza no que temos convertido o noso mundo gústanos moito tirar a pedra e agochar a man, mais o camiño novo que nos abre Xesús invítanos a mirar e a actuar sempre desde a misericodia. Coresma é unha boa oportunidade para endereitar o rumbo.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Sabedores do valor e da forza da oración comunitaria, rezamos xuntos dicindo:
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS CAMIÑOS NOVOS
- Para que todas as persoas que conformamos a Igrexa e que sentimos que Xesús é guieiro das nosas vidas nos esforcemos por mirar cos ollos de Deus, que non condenan, senón que liberan, OREMOS.
- Para que nas nosas parroquias non caiamos na tentación de ferir ás persoas coas pedras da calumnia, a murmuración, a indiferenza ou a invisibilidade, OREMOS.
- Por cada unha e cada un de nós, para que non teñamos medo de abrirnos á escoita de Deus, que sempre nos sorprende, OREMOS.
Señor, sabémonos necesitados de Ti, e moitas veces caemos na tentación de esquecerte. Dános azos para non deixarnos ir por este camiño. PXNS. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Os teus debuxos no chan tiveron un efecto sorprendente: romperon o círculo moralista e acusador e, a soas contigo, por primeira vez, sentinme libre.
Os teus debuxos no chan foron o primeiro espello non enganoso que me fixo ver o meu rostro triste, o meu ser pobre e vacilante, os meus medos de sempre.
Os teus debuxos no chan crearon un silencio fondo, pois puxeron ao descuberto a tráxica parodia que vivimos cando nos cremos diferentes.
Os teus debuxos no chan devolvéronme a dignidade perdida, cando o teu dedo suave e firme, co po de sempre e coas miñas bágoas perdidas, debuxaron de novo o meu rostro sorrinte.
Despois erguícheste, serenamente miraches os meus ollos, bicáchesme coma ninguén e dixécheslle ao aire: vai e vive; xa sabes.
E eu non me atrevín a abrazarte. Pero levo os teus debuxos do chan tatuados na miña pel para sempre.
Comentarios