Ir al contenido principal

1 Domingo Coresma 2022

 ATA QUE A IGUALDADE SEXA COSTUME

SINAL DE CORESMA

Comezamos o tempo de Coresma. Un tempo forte que a liturxia católica volve ofrecernos para celebrar a Pascua co corazón e as actitudes dispostas a non deixarnos levar da rutina nin polo desacougo. Desde aquí, neste camiño coresmal iremos tentando de responder á seguinte cuestión: “Que nos produce bágoas no corazón, dentro e fóra da Igrexa?”. Cada semana iremos colocando unha bágoa que provoca sufrimento. Esta primeira semana, como non pode ser doutro xeito, colocamos unha bágoa coa palabra GUERRA.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Déixate querer (Nº 61)
LECTURAS: Todos xuntos (Nº 56)
OFERTORIO: Sede a sal, sede a luz
COMUÑÓN: Ide e pregoade (nº 55)

PARA NON PERDER O PASO

O pasado mércores comezamos o tempo de Coresma, tempo de conversión e de deserto, tempo de mirar cara dentro para curar as feridas que impiden que o noso corazón latexe enchoupado de misericordia.
Que nos produce bágoas no corazón, dentro e fóra da Igrexa? Esta é a pregunta que se nos invita a respostar neste camiño coresmal. Hoxe, neste primeiro domingo, no que escoitamos o berro da xente de Ucrania, no que os estoupidos das bombas resoan nos nosos ollos, nos nosos oídos e no noso corazón, colocamos a primeira bágoa: a que nos produce a senrazón da guerra que sega a vida de tantas persoas inocentes que se ven condenadas ao exilio, ao esquecemento e á escuridade.
Porque non hai camiño para a paz, senón que a paz é o camiño, comezamos a nosa celebración poñéndonos nas mans e na presenza do Deus da paz e da misericordia.

CO CORAZÓN FERIDO

· Polas moitas veces nas que sementamos bágoas e dor na vida das persoas excluíndoas, silenciándoas, invisibilizándoas; SEÑOR, QUE RECOÑEZAMOS OS NOSOS ERROS.
· Por ter esquecido que Xesús quixo unha comunidade de iguais, sen ningún tipo de discriminación; CRISTO, QUE RECOÑEZAMOS OS NOSOS ERROS.
· Porque pedimos a paz pero as nosas palabras e os nosos actos son moitas veces armas de destrución; SEÑOR, QUE RECOÑEZAMOS OS NOSOS ERROS.

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

O sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, o teu Deus. Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, o teu Deus: Meu pai era un arameo errante, que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente, que o acompañaba. Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume. Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo. Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con grande terror, con sinais e con feitos marabillosos, e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel. Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS

Irmás e irmáns:
- ¿Que di, logo, positivamente a Escritura?
Cerca de ti está a palabra, na túa boca e no teu corazón. Esa é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. Pois é crendo co corazón como se chega á xustificación; e é confesando coa boca como se chega a salvación. Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado. Pois non hai diferenza entre o xudeu e o grego, xa que un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame. E díxolle o Satán:
- Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
Respondeulle Xesús:
- Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
- Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.
Respondeulle Xesús:
- Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
- Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, 10que está escrito: Mandará ós seus anxos para que te garden; e tamén: 11Levarate nas súas mans para que non se manquen quen os teus pés nas pedras.
Xesús respondeulle:
- Está mandado: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
PALABRA DO SEÑOR
GLORIA A TI, SEÑOR XESÚS

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Escoitabamos hoxe na primeira lectura unha sentencia que nos fala da actualidade da Palabra: “chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo”. Esta é a frase desde a cal queremos comezar este tempo de coresma. Queremos escoitar o clamor que cada día vemos e escoitamos ao noso carón e tamén máis alá das nosas fronteiras. Queremos escoitar o clamor das persoas que son maltratadas pola guerra, das persoas que son obrigadas a abandonar o seu país, a súa familia. Queremos escoitar o clamor das persoas que son desposuídas da súa dignidade. E escoitar este clamor non pode quedar nun mero formalismo, nun laio permanente, senón que esixe de nós un cambio de actitudes e un compromiso fondo coas causas xustas do noso mundo. A chamada que se nos fai hoxe desde Ucrania non pode quedar sen resposta, senón debe concretarse nunha resposta en forma de solidariedade e condena da guerra, de todas as guerras.
Porque na base da guerra sempre está a ansia de poder, de dominio. Que ben nolo lembra o evanxeo de hoxe co episodio das tentacións. Crernos mellores, xogar a ser pequenos deuses, poder controlar e dominar todo. Mais ese é sempre un camiño equivocado, porque o que nos fai verdadeiramente felices, o que enche a nosa vida de sentido é traballar pola inclusión e pola fraternidade, seguindo o viero que nos abriu Xesús, que non xulgaba, que non desprezaba, que non excluía, senón que integraba, sumaba e acollía. Oxalá esta coresma nos faga reflexionar e endereitar o rumbo.
E cando xa peta na nosa porta o 8 M, o Día Internacional da Muller, estamos chamadas e chamados a reflexionar sobre o papel das mulleres na Igrexa. Mais alá da tentación fácil de facernos “los ofendiditos” e escandalizarnos porque “as mulleres queren ser curas, era o que nos faltaba”, máis alá disto unha cousa está clara: sendo maioritaria a nosa presenza nas celebracións, como catequistas, nos grupos parroquiais, no voluntariado... estamos vetadas nos órganos que toman decisións. Cantas mulleres vemos representando á institución?, cantas teólogas traballan nas facultades de Teoloxía ou como formadoras nos seminarios?, cantas mulleres teñen voz na toma de decisións que lle afectan a toda a comunidade eclesial?... As mulleres sempre estamos baixo sospeita, sempre somos as tentadoras, sempre somos as reducidas ao silencio, á invisibilización, ao esquecemento. Mais non foi esta a comunidade na que pensou Xesús, quen transgride as normas dunha sociedade fondamente patriarcal. Xesús discutiu de teoloxía coa samaritana, escoitou o berro da muller cananea, conmoveuse polo pranto da viúva de Naím, acolleu ás mulleres no grupo de persoas que o seguiron. As primeiras comunidades cristiás, seguindo o camiño aberto por Xesús, fixeron da igualdade entre homes e mulleres unha das achegas máis radicais á historia da humanidade. Xa é tempo de recuperar todo isto para que a igualdade sexa costume.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Sabedores do valor e da forza da oración comunitaria, rezamos xuntos dicindo:
SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN

  • Para que todas as persoas que conformamos a Igrexa e que sentimos que Xesús é guieiro das nosas vidas non permanezamos indiferentes ao berro de quen sofre por mor da guerra, OREMOS.
  • Pola paz no mundo, para que cese a guerra e sexamos capaces de descubrir que non hai camiño para a paz, senón que a paz é o único camiño, OREMOS.
  • Para que esta Coresma sexa para toda a Igrexa un camiño de deserto, no que, mirando cara dentro e cara fóra sexa capaz de descubrir o traballo a prol da igualdade como tarefa, reto e compromiso, OREMOS.
  • Para que non caiamos na tentación de facer nas nosas comunidades guetos que exclúen a quen é diferente; OREMOS. 
  • Para que non deixemos que o corazón se nos endureza coa pedra que nos fai insensibles á dor e tristura das persoas que nos necesitan, OREMOS.

Señor, sabémonos necesitados de Ti, e moitas veces caemos na tentación de esquecerte. Dános azos para non deixarnos ir por este camiño. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

IMAXINAMOS E CONSTRUÍMOS UNHA IGREXA NOVA
- Unha Igrexa que é comunidade de iguais, onde a muller é recoñecida como suxeito de pleno dereito, con voz e voto en todas partes, onde a muller é valorada polos seus talentos, carismas e achegas ás comunidades.
- Unha Igrexa na que o liderado é compartido entre mulleres e homes, leigas e leigos, persoas consagradas e sacerdotes.
- Unha igrexa paritaria, máis plural e menos xerárquica.
- Unha Igrexa que acompaña sen xulgar toda a diversidade de familias, identidades e orientacións sexuais.
- Unha Igrexa onde as mulleres xa son/somos, e recoñecémonos con autoridade e liderado.
- Unha Igrexa que xa hoxe é semente de futuro.
Vimos de lonxe, somos moitas e alzamos a voz para dicir abonda e esixir unha Igrexa nova que este 6 de marzo de 2022 dá un novo paso adiante.
(Do Manifesto da Revolta das Mulleres na Igrexa. Marzo 2022)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...