Ir al contenido principal

13 domingo TO C 2022

CANDO CAMBIAMOS A LIBERDADE POLO MEDO, A FE VÓLVESE SERVILISMO

Canto gozoso

Entrada.- Seguirei os teus pasos (103)

Lecturas.- A túa Palabra (25 )

Ofertorio.- Deixate querer (61)

Comuñón.- Non vou só (60)

Ollos abertos

Seguimento e liberdade son os eixes da Palabra de Deus que hoxe imos proclamar, pero son tamén os eixes polos que Xesús nos invita a desenvolver a nosa vida. Sen eles a fe vólvese ideoloxía e dogmatismo, e o noso testemuño rito baleiro de contido. Traballemos entón para que non deixemos de vivir a fe como un camiño de seguimento da mensaxe de Xesús desde a liberdade de quen sabe tomar decisións desde a convicción, o discernimento e a coherencia de vida.

Corazón misericordioso

Para que non deixemos que ninguén manipule a nosa conciencia. SEÑOR, ALÉNTANOS NO CAMIÑAR.

Para que sexamos nós os que manipulemos e utilicemos aos demais. CRISTO, ALÉNTANOS NO CAMIÑAR.

Para que non confundamos seguirte con ritos e costumes. SEÑOR, ALÉNTANOS NO CAMIÑAR.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

Dille o Señor a Elias: unxe a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah, por profeta, teu sucesor. Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que araba con doce xuntas, levando el a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto.

Eliseo deixou os bois e foi correndo atrás de Elías. E díxolle:  "Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo". El respondeulle:  "Vai, pero volve logo, pois xa ve-lo que fixen contigo". O da-la volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de arar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois foise con Elías e quedou ó seu servicio. Palabra do Señor.


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

Cristo liberounos para que vivamos en liberdade. ¡Estádeme, logo, ben firmes nel! ¡Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!

Irmáns, a vós chamáronvos á liberdade. Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. 

Pois quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e vos deixedes guiar por El. 

O froito do Espírito é o amor, a alegría, a  paz, a paciencia, o agarimo, a bondade, a formalidade, a mansedume e o dominio de si. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Cando se ía cumpri-lo tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, 

non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. O veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:

 Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?

Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño, díxolle un:

 Seguireite, vaias onde vaias.

Respondeulle Xesús:

 As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousa-la cabeza.

Díxolle a outro:

 Sígueme.

Pero el contestoulle:

 Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.

Respondeulle:

 Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anuncia-lo Reino de Deus.

Outro díxolle tamén:

 Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.

Contestoulle:

 Quen despois de pó-la man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus. Palabra do Señor.


Palabra remoída

A liberdade é un pilar fundamental sobre o que se asenta a fe cristiá. E isto sabíao moi ben Paulo; el que fora perseguidor dos primeiros cristiáns, foi descubrindo como actuaban con liberdade e sen medo, dando testemuño das súas conviccións con liberdade. A pesares dos atrancos, persecucións, calumnias que deles dicían. Pois con esa mesma liberdade deberiamos movernos e actuar tamén nós hoxe en día. E isto, bótase tanto en falta. Os cristiáns temos demasiados medos e complexos que nos levan a reducir a nosa vida de fe a cumprir ritos ou participar en celebracións litúrxicas, pero estamos moi lonxe do actuar libre que nos leve a non ter medo a expresar, ben fundamentadas, as razóns que nos moven a crer e a comprometernos en aquelas causas nas que a dignidade das persoas, crentes ou non, está en xogo, ou non se lle recoñece. Que bo momento, logo de escoitar este texto de Paulo, para que nós reflexionemos con paz interior e nos preguntemos se somos verdadeiramente libres para expresarnos, comprometernos e testemuñar coas cousas que facemos a nosa fe.

Xesús, seguindo esta xeira de liberdade fálanos hoxe de seguimento. E seguimento non en abstracto, en xeral ou ao chou; el fala de seguimento no concreto de cada un e cada unha de nós. Un seguimento que nos leva a preguntarnos que fago eu, alí onde estou, para facer visible e presente a mensaxe de Xesús. É dicir, que fago eu para poñer a persoa sempre no centro do meu actuar. Que fago eu para superar prexuízos que me levan a distinguir e diferenciar ás persoas segundo a cor da pel, o país onde naceron, os cartos que teñen, a relixión ou o xénero. Que fago eu para non caer  nunha maneira de facer as cousas mediocre, rutinaria, plana e, como diría o papa Francisco, non caer na “ acedia”, é dicir, caer na desgana, na preguiza, na insubstancialidade de todo o que facemos e de como nos relacionamos. Como se actuamos así, poderemos dicir que somos seguidores e seguidoras de Xesús?

O seguimento é dispoñibilidade acción, compromiso, alegría, amabilidade, empatía, preocupación polas persoas, implicación en formarse para poder deste xeito cambiar as cousas para ben, Clarifiquémonos logo e preguntémonos por onde queremos levar a nosa vida; quen va ser o guieiro que a conduza; a que estamos dispostas e dispostos a renunciar, e tamén, a que estamos dispostos e dispostas a comprometernos e levar a cabo. Da nosa resposta persoal e do noso compromiso, sairá a coherencia, ou non, do seguimento de Xesús, a verdade das nosas conviccións e do noso querer estar no mundo non para aproveitarnos dos demais e si para servilos. E xa haberá sempre alguén que quede só para enterrar os mortos!, 

Oración da comunidade

Na liberdade á que nos chama a Palabra de Deus, participemos da oración comunitaria dicindo: Señor, que vivamos a fe con liberdade e alegría.

Para que a Igrexa sexa transmisora da fe desde a fidelidade a Xesús e non dese o apego ao poder. Oremos. Señor, que vivamos a fe con liberdade e alegría.

Para que nas nosas parroquias nos deixemos agarimar pola invitación de converter a nosa vida nun servizo ás persoas que están solas, enfermas e precisadas de ser escoitadas. Oremos. Señor, que vivamos a fe con liberdade e alegría.

Para que nos despeguemos de todo canto nos aparta de facer o ben e buscar camiños de unión, colaboración e participación. Oremos. Señor, que vivamos a fe con liberdade e alegría.

Grazas, Señor, por seguir invitándonos a túa confianza. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.


Recendo de gratuidade

Fronte ao liberalismo e ao capitalismo, é a liberdade a que nos rescata de toda opresión e inxustiza. E supón entón, de forma imprescindible, a liberación de toda escravitude, dominación e mal co ben común que promove as condicións sociais e históricas que aseguran a vida, dignidade e dereitos humanos de toda persoa. Non hai realmente liberdade alí onde non hai solidariedade, ben común nin xustiza social-global que nos vaia liberando do mal e inxustiza da fame, miseria e pobreza, da explotación laboral (traballo lixo e indecente) e do desemprego, das guerras ou violencias e da destrución ecolóxica, do machismo ou do non respecto á vida en tódalas súas fases, dimensións e formas. Deformase a liberdade cando, no seu nome, se producen ou lexitiman todas estas inxustizas e ataques á vida-dignidade das persoas.                                          

(https://blog.cristianismeijusticia.net/2017/10/11/libertad-liberacion-integral-pensamiento-desde-america-latina )


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...