Ir al contenido principal

Corpus 2022

SOMOS O QUE DAMOS. SOMOS AMOR

(CORPUS 2022)

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Benaventurados (Nº 118)

LECTURAS: Salve, Santo Sacramento (Nº 117)

OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 54)

COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

ABRINDO O CORAZÓN

Hoxe é o día de Corpus. Hoxe é a festa do amor. O amor que somos, o amor que recibimos e damos. Un amor que é don de Deus, que nos chama á vida, que abre horizontes de esperanza, que nos une en fraternidade.

Hoxe celebramos que o amor é o único que lle dá sentido á nosa existencia, o motor que nos fai evoluir e avanzar, descubrir e proxectar o ben común para unha humanidade á que estamos vinculadas e vinculados a través da Terra, que se ofrece para ser casa común e fogar para todas as persoas.

Nos tempos que vivimos faise imprescindible e necesario facer deste amor faro que se converta en referente para iluminar horizontes de esperanza, de oportunidades e de vida nova capaz de emerxer no medio da dor e da tristura.

Que a celebración que agora imos comezar sexa pulo neste camiño do amor.

UN CORAZÓN MAGOADO

Por non ter feito do amor proposta de vida; SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR.

Por ter renunciado a darlle aos demais o noso amor; CRISTO, GÁRDANOS NO TEU AMOR. 

Polas moitas veces nas que pasamos de longo ou miramos a outro lado sen comprometernos; SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR.

QUE ESCOITA A PALABRA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

Melquisédec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, sacou pan e viño e bendiciu a Abram con estas palabras:

- "Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo,  que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man".

Abram deulle a Melquisédec o décimo de toda a súa presa.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás: 

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña". 

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte. 


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Cando a xente descubriu a Xesús, foino seguindo. El acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:

- Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.

Pero el replicoulles:

- Dádelles vós de comer.

Eles contestaron:

- Pero ¡se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.

Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles ós seus discípulos:

- Colocádeos en grupos de cincuenta.

Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos ós discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.

PALABRA DO SEÑOR

NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 

Nun mundo famento de amor, a Palabra que vimos de proclamar chámanos a, desde a tradición que Xesús nos deixou, compartir os nosos cinco pans e os dous peixes para alimentar a quen ten fame de amor. Isto supón:

- MIRAR CON TENRURA: Temos que aprender a mirar cos ollos de Deus, uns ollos que miran ao profundo da persoa. Nós moitas veces temos unha mirada inquisidora, unha mirada dura e fría, unha mirada superficial.... Porén, Deus sempre mira con tenrura, sempre é quen de poñerse no lugar da outra persoa para sacar o mellor que ten. Nós somos invitadas e invitados a facer o mesmo.

- ESCOITAR CON PACIENCIA: Nun mundo cheo de ruído e de ruídos, nun mundo de présas e carreiras, nós somos urxidas e urxidos a deternos e escoitar: a Deus, ás irmás e aos irmáns e ao mundo. Pero non de calquera xeito, senón que esta escoita debe ser activa, empática e paciente.

- COIDAR A FRAXILIDADE: Se algo nos deixa claro este tempo de pandemia que aínda estamos a padecer é que todas as persoas somos fráxiles e vulnerables. Por iso o estilo que ha caracterizarnos a quen nos dicimos persoas seguidoras de Xesús é o da proximidade e a cercanía, con actitudes de compaixón e tenrura. O mandado do amor úrxenos, porque “cada vez que o fixestes con un destes meus irmáns máis pequenos, comigo o fixestes”.

- COMPARTIR CON XENEROSIDADE: Xesús non despide a xente, senón que invita aos seus discípulos a compartir o que son e o que teñen para que se produza o milagre da solidariedade. Ese compartir moitas veces terá forma económica, mais outras veces terá forma de sorriso, de compaña, de man tendida, de tempo regalado.... En coherencia co mandado do amor, estamos chamadas e chamados a vivir en coherencia con este amor e a reflectilo nas nosas accións e decisións, nun estilo de vida máis sinxelo e austero, nunha forma de ser que leve a facerse pan para as persoas, a tecer redes e relacións cos demais, a contaxiar alegría, esperanza e confianza en que como sociedade, podemos experimentar comuñón e fraternidade. 

- DENUNCIAR A INCOHERENCIA QUE XERA INXUSTIZA: Porque anunciar a Cristo é, ante todo, anunciar as persoas que teñen dereito a vivir. Ser do grupo de persoas seguidoras de Xesús comprométenos a compartir a mellor versión de nós mesmas e de nós mesmos, e a enredarnos e implicarnos na vida da xente. É un compromiso que pon en xogo a nosa forma de mirar, de pensar e de sentir para descubrir unha vida concreta e con nome que nos pide acollida, coidado, protección e sanación. Vivir de forma comprometida significa vincularse, non pasar de longo nin mirar para outro lado.

COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentamos a nosa oración comunitaria dicindo: 

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Desde a túa mirada de amor que te leva á compaixón e á tenrura, infunde na Igrexa a mirada que chega ao corazón das irmás e dos irmáns, unha mirada que sabe ler os sinais dos tempos, unha mirada que levanta os ollos para alcanzar misericordia, OREMOS. 

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Desde a túa escoita paciente e serena, no silencio e na oración, concédenos capacidade de empatía, de diálogo sincero e de palabra acertada, OREMOS. 

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Desde a túa proximidade, que se fai fraxilidade, coidado e respecto pola persoa máis indefensa, enfortece a quen está á beira da xente enferma, descartada, da que non conta, para que sexamos persoas samaritanas de amor, OREMOS.

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Desde a túa xenerosidade, que é baleirarse de si mesmo, enriquece coa túa pobreza os nosos corazóns para que busquemos o ben común e a igualdade e para que traballemos polas persoas que menos poden, OREMOS.

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Desde a túa unidade, únenos a todas as persoas que formamos as comunidades cristiás para que traballemos xuntas no servizo da caridade. Vela polos equipos das Cáritas parroquiais, interparroquiais e diocesana e anima á mocidade a descubrir no exercicio da caridade unha resposta a súa vocación, OREMOS. 

NO TEU AMOR, ENSÍNANOS A AMAR

Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.


PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

Amar é poñer o corazón en xogo. É facerte vulnerable. É darlle a alguén o poder ou a posibilidade de quererte; pero ao mesmo tempo, de ferirte. Non hai volta atrás. Falo. Arriscas. Compartes quen es. Compartes a túa historia. Falas dos nomes que para ti foron fogar, tormenta ou extravío. Daslle a alguén a posibilidade de aceptarte como es. Pero é iso, unha posibilidade, non unha obriga.

O amor non se esixe. Non hai condicións, nin garantías. Non hai seguridade nin certeza. A resposta pode ser a que esperas. Ou pode ser o rexeitamento, que ten moitos rostros, moitos ritmos, moitos momentos e moitas explicacións. Quizais arriscar te encherá de alegría. Ou te deixará feito po. Hai quen na túa vida doe. O reto é seguir sendo humano. Non encerrarte detrás de muros de indiferenza e dureza. 

(José Mª Rodríguez Olaizola)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...