Domingo da Palabra
UN DOMINGO PARA REIVINDICAR A FORZA DA PALABRA
Blog Xa nos tes aquí
CANTOS
ENTRADA.- Escoita ti (Nº 26)LECTURAS.- As túas palabras, Señor, son espírito e vida
OFERTORIO.- Recibe, Señor (Nº 31)
COMUÑÓN.- Gracias, Señor, graciñas (Nº 50)
ESPERTANDO Á RÚAH
Hoxe celebramos en toda a Igrexa o domingo da palabra. E podemos preguntarnos como é isto? a palabra non se proclama tódolos domingos? Pois claro que si, só que o papa Francisco quixo remarcar con esta celebración a centralidade e forza que a Palabra ten sempre nas celebracións e na vida. Por iso é tan importante lela despacio, fixándonos en cada unha das letras e parágrafos; sen deixarnos levar das présas que nos levan a que non a entendamos nin nos enteremos da mensaxe que nos transmite.Porque a Palabra é o gran tesouro que Deus nos vai ofrecendo cada día. E, como xa sabemos, os tesouros, porque son verdadeiros agasallos, temos que coidalos e traballar para que sigan a ter sempre valor.
SUPERANDO A DISTRACCIÓN
- Porque non sempre facemos da Palabra agasallo que nos motive. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE ESCOITAR A TÚA PALABRA.
- Porque moitas veces confundimos a túa Palabra coa nosa palabrería. CRISTO, QUE NON DEIXEMOS DE ESCOITAR A TÚA PALABRA.
- Porque deixamos que a túa Palabra nos esvare, sen esforzarnos por acollela e vivila. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE ESCOITAR A TÚA PALABRA.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Así como nun primeiro momento humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí, así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicáche-lo xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presencia, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín.
Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
o bastón de quen o oprime : rompíchelos coma o día de Madián.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.Pois, irmáns, polos de Cloe cheguei a saber que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo". ¿Pero é que Cristo está dividido? ¿É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? ¿Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predica-lo Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán.Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte brillou unha alborada.
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo: Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. Díxolles: Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
Luz e escuridade son dúas palabras en contraste. Non pode haber luz cando estamos ás escuras; porén, tampouco pode haber escuridade se hai luz. Na linguaxe da fe ámbalas dúas aparecen moitas veces para expresar o sentir e vivir das persoas que temos a Deus como guieiro. Quen se confesa crente, non pode facelo na tebra, nas escuridade, ás escuras porque acabaría perdéndose e facendo que outras persoas se perdesen. Por iso cando nos referirmos a Deus utilizamos sempre a imaxe da luz, do que ilumina, do que resplandece, do que fai que os noso ollos superen, non que se adapten, todo canto traia situacións que teñan que ver coa escuridade: dor, tristura, desesperanza, fracaso... a confianza en Deus é sempre pulo; porque El é a luz, para non deixarnos vencer nin dominar por todo canto non ofrece a nosa vida máis que negritude.
E para iso a Palabra que proclamamos cada domingo, e que, sen ser nas celebracións, lemos tamén nas nosas casas, quere ser o medio a través do que nos vai chegando a Luz da presenza de Deus nas nosas vidas. Sen Palabra a Luz dificilmente chegaría, porque a través da Palabra váisenos mostrando como Deus se foi e vai facendo presente na vida de todas e todos nós. De aí que a Palabra ilumine, aclare, alente, fortaleza ou libere. Só desde Ela e con Ela seremos capaces de confesar, no actuar no medio do mundo no que cada unha e cada un de nós se desenvolve, que Dicir creo en Deus ten sentido e paga a pena. A pesares das dificultades, atrancos ou desacougos que poidamos sentir.
E diante deste proxecto tan esperanzador e aquecido, como non imos querer resaltar a súa forza e a súa presenza dedicándolle un domingo para que o teñamos sempre presente, para que valoremos a súa importancia e o seu lugar nas celebracións e na vida!
Sen a Palabra non seriamos capaces nin de comprender nin de concretar que Deus é alguén, non algo nin cousa; sen a Palabra non seriamos quen de comprender a marabilla do seu proxecto de amor para o mundo; para nós; sen a Palabra non sería nunca posible que o mundo avance para que sexa cada vez menos fortaleza impenetrable e se vaia virando en a Case común na que compartir, vivir e celebrar a presenza do Deus que en Xesús foi quen de pasar ada tebra á luz.
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
Convocados e convocadas ao redor da presenza da Palabra, rezamos comunitariamente dicindo:ALÉNTANOS E ALÉDANOS COA TÚA PALABRA.
Para que na Igrexa non deixemos nunca de valorar a forza da Palabra para que as comunidades cristiás vivamos na esperanza. Oremos.
Para que deixemos que a Palabra alimente a reflexión sobre a vida e nos leve a actuar buscando que sexa luz que clarexe e oriente o noso camiño. Oremos.
Para que saibamos buscar tempo e acougo para coñecer, reflexionar, rezar e facer da Palabra de Deus eixe desde o que camiñar cada día. Oremos.
Grazas, Señor, por facernos caer na conta da forza que a túa Palabra nos ofrece neste noso andar dando razón da nosa esperanza. P. X.N.S. Amén.
Comentarios