Ir al contenido principal

Epifanía 2023

ENTÓN, CANDO O VEXAS, ESTARÁS RADIANTE E O TEU CORAZÓN LATEXARÁ E ENSANCHARÁ 

CANTOS: Panxoliñas

OLLOS DE ESPERANZA

Hai poucos días invitábasenos a acoller a Luz que vén ao mundo para traernos esperanza e paz. Unha Luz que non esmorece, unha Luz que alumea as sombras e as tebras que por veces queren instalarse no noso corazón.
Acoller a Luz fai que se cumpra en nós aquilo que hoxe proclamaremos na primeira lectura, tomada da profecía de Isaías: “entón, cando o vexas, estarás radiante, e o teu corazón latexará e ensanchará”. A manifestación do Señor a todos os pobos, a súa Epifanía, a festa que hoxe nos convoca para rezar en comunidade, invítanos a ensanchar o noso corazón para camiñar levando esa Luz ás persoas que non están, ás persoas enfermas, ás persoas migrantes, ás persoas que pasan por calquera dificultade.
Que a celebración de hoxe nos encha de ánimo para levar a cabo esta fermosa tarefa.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Coma os Magos, prostrámonos diante túa e pedímosche perdón por non termos sabido darche o incenso, o ouro e a mirra das nosas vidas. Dicímosche: SEÑOR, ENSANCHA O NOSO CORAZÓN.
Coma os Magos, prostrámonos diante túa para pedirche perdón polas veces nas que perdemos a ilusión e suplicámosche: CRISTO, ENSANCHA O NOSO CORAZÓN.
Coma os Magos, prostrámonos diante túa e pedímosche perdón por ter renunciado a camiñar ata a Belén da sinxeleza e da humildade. Rogámosche: SEÑOR, ENSANCHA O NOSO CORAZÓN.

PALABRA PROCLAMADA 

 

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;
si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.
Pois, olla, a escuridade encobre a terra
e a negrura os pobos,
pero sobre ti resplandece o Señor
e a súa gloria faise ver sobre ti.
Certo que os pobos camiñarán coa túa luz
e os reis co resplandor do teu alborexar.
Levanta os teus ollos arredor,
todos estes xuntáronse, viñeron a ti.
Os teus fillos veñen de lonxe
e as túas fillas son traídas no colo.
Entón, cando o vexas,
estarás radiante
e o teu corazón latexará e ensanchará,
pois as riquezas do mar traeránchese a ti
e os bens dos pobos virán para ti.
Estarás cuberta dunha chea de camelos,
de dromedarios novos.
Todos eles virán de Sabá.
Virán cargados de ouro e incenso,
e proclamarán lediciosos a louvanza do Señor
Palabra do Señor
Grazas a Deus


PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS

Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.

Palabra do Señor

Grazas a Deus


PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
- ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
- En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
- Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño

Palabra do Señor
Louvámoste, Señor

PALABRA REMOÍDA

Cando o vexas, estarás radiante e o teu corazón latexará e ensanchará: A Luz que nace en Belén viu para quedar con nós, para que non camiñemos na escuridade nin na sombra. Se cada unha e cada un de nós acollemos esta Luz, se lle facemos un oco no noso corazón, toda a nosa vida cobrará un novo sentido: sentido de esperanza e plenitude, sentido de misericordia e compaixón, sentido de empatía e agarimo. Por iso, como nos di a primeira lectura, o noso corazón latexará e ensanchará. Quitemos, xa que logo, a coraza do individualismo e da indiferenza, o xustillo dos prexuízos e deixemos que o noso corazón se ensanche, pois “todos estes xuntáronse, viñeron a ti”. 

Os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo: A festa que hoxe celebramos, a Epifanía, a manifestación do Señor a todos os pobos fálanos, unha vez máis de universalidade. O Deus en quen cremos, no nome de quen nos reunimos e a quen lle rezamos envía ao seu Fillo ao mundo para que toda a humanidade se salve. Hoxe é un bo día para preguntarnos por que tantas veces nós caemos no exclusivismo de crérmonos mellores, de ter a posesión da verdade absoluta. Todas as persoas somos parte dun mesmo corpo, como ben nos lembra Paulo, e todas as partes teñen a mesma importancia. Cómpre non esquecelo.

E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai: Os Magos saíron da súa terra na busca do Mesías, puxéronse en camiño. A pesares dos atrancos, seguiron camiñando e atoparon ao Neno con María. Nós hoxe tamén somos invitadas e invitados a camiñar deixándonos guiar pola estrela da luz de Belén. Unha estrela que non nos conducirá a ningún palacio, senón a un portal. Aí, na fraxilidade e na debilidade do Neno atopamos a Deus. El está aí na debilidade e no coidado, onte, hoxe e sempre: nas persoas maiores, nas persoas enfermas, nas persoas que precisan unha man que as guíe. Os sabios adoran a un Neno que hoxe se nos manifesta en tantas persoas con rostro e nome, que, coma El, pasan polo mundo facendo o ben. 


ORACIÓN COMPARTIDA

Coma os Magos, nós tamén proclamamos a túa louvanza e dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN
  • Pola Igrexa, para que poña a Luz en tantas situacións de dor, de marxinación, de exclusión, de desamor e así todas as persoas poidan ver a manifestación do amor de Deus, OREMOS.
  • Polas nosas comunidades, para que sempre saibamos camiñar con ilusión, alumeando as situacións de tebra presentes no noso mundo coa Luz que nace en Belén; OREMOS.
  • Por cada un e cada unha de nós, para que deixemos que a Luz de Belén ensanche o noso corazón enchéndoo de compaixón e misericordia, OREMOS. 
Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA

Queridos Reis Magos:
ensinádenos a crer en sinais, palabras e persoas,
ensinádenos a camiñar e superar dificultades,
ensinádenos a dar o noso tempo ás persoas pequenas,
ás enfermas, ás que están soas;
ensinádenos a ver a imaxe de Xesús en todas elas,
ensinádenos a non ser conquistadores e conquistadoras,
o voso reino é humilde, feito para o regalo,
ensinádenos a ser espellos de Xesús,
a falar do recén nacido neste noso mundo,
ensinádenos a enxugar bágoas e regalar tenrura.
Ensinádenos a ser amigas e amigos de Deus.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...