Ir al contenido principal

4 domingo TO A

Domingo da Palabra

DEUS SAE NA NOSA PROCURA, E SEMPRE ACABA ATOPÁNDONOS

CANTOS

Entrada.- Que ledicia miña (4) 

Lecturas.- Benaventurados (119)

Ofertorio.- Ti e-lo pan do ceo (54)

Comuñón.- Acharte presente (51) 

 

ESPERTANDO Á RÚAH

Ser persoas que sentimos orgullo do Señor, un orgullo que nos fai persoas ditosas. Esta é a invitación que nos dirixe a celebración de hoxe. Que non sintamos vergoña por manifestármonos e sentírmonos crentes, senón que iso supoña na nosa vida ledicia, gozo, frescura, creatividade e forza para que, canto fagamos, o saibamos poñer na man e protección do Señor. 

A isto convídanos a celebración que agora comezamos. Abramos ollos, oídos e corazón e poñamos a nosa vida, as nosas preocupacións, os nosos problemas, as nosas dúbidas, as nosas alegrías e os nosos logros sobre o altar.

 

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

• Por todas as veces nas que a nosa mala conciencia nos leva a apartarnos de Ti, SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA BENAVENTURANZA.
• Por todas as veces nas que temos esquecido que só na sinxeleza e no respecto dos demais poderemos acadar a túa benaventuranza, CRISTO, GÁRDANOS NA TÚA BENAVENTURANZA.
• Porque con moita facilidade esquecemos todo o bo que pos na nosa vida; SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE SOFONÍAS

Buscade o Señor, todos os pobres do país, que cumpristes os seus decretos, buscade a xustiza, buscade a humildade.

Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.

Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde, e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.

Non farán maldades nin dirán mentiras; non se atopará na súa boca lingua mentireira.

Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmás e irmáns:

Reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza. O contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poder; o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus. Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:

Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.

Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.

Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.

Ditosos os misericordiosos, porque eles acadarán a misericordia.

Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.

Ditosos os que traballan pola pazporque eles serán chamados fillos de Deus.

Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

• Invítanos hoxe o Señor a través da profecía de Sofonías a ir na súa busca. E nós, tentando botar balóns fóra, podemos preguntármonos: onde?. Mais Sofonías tamén nos mostra o destino da nosa busca: as persoas pobres, débiles, fráxiles, aquelas ás que ninguén lles fai caso, a aquelas ás que ninguén lles presta atención. Pobres materiais, pero tamén as múltiples pobrezas coas que nos imos atopando cada día: as persoas maiores, esquecidas, arrinconadas e silenciadas; as crianzas utilizadas, non escoitadas; as mulleres maltratadas, asasinadas e deixadas de lado.... Nós temos que esforzarnos, e ás veces si que é difícil!, por atopar neles ao Señor. El non se esconde. Nós, moitas veces si.

 

• Paulo dinos que como Deus se quere mostrar, faino de xeito que, se prestamos un pouco de atención, poidamos descubrilo nas persoas máis débiles, esas persoas que na universidade da vida aprenderon que o importante é unha cousa ben sinxela: querer e deixarse querer. 

 

• Por iso hoxe Xesús nos presenta o seu programa, un guieiro de vida para todas as persoas que o seguimos. El non cansa de dicir: ditosas as persoas:
1. Pobres
2. Que choran
3. Sufridas
4. Famentas e sedentas de xustiza
5. Misericordiosas
6. De corazón limpo
7. Traballan pola paz
8. Perseguidas por causa da xustiza… 

 

• Porque delas é o Reino dos ceos .Un Reino que comezou xa, do que nós somos continuadores e animadores, e que rematará cando academos a felicidade plena ao seu lado. 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Traballar por ter o corazón limpo ábrenos a porta para entrar na túa benaventuranza. Que esta nosa oración comunitaria esperte en nós a necesidade de abrir portas para deixar entrar nela o aire que renova e limpa, o aire da benaventuranza. Por iso dicimos:

QUE A TÚA BENAVENTURANZA NOS RENOVE, SEÑOR.

 

• Grazas, Pai, por espertar en nós a necesidade de sentirnos membros dunha Igrexa que fiel a túa mensaxe loita por ser benaventurada no mundo de hoxe. Oremos.
• Grazas, Pai, por espertar na nosa comunidade o desexo de achegarnos con amor ás persoas descartadas pola vida, Oremos. 
• Gracias, Pai, por espertar en nós a necesidade de non deixarnos levar pola tentación de facer o que fan todos, invitándonos a ser persoas libres, Oremos. 

Señor, grazas por ofrecernos a capacidade de ser persoas ditosas aprendendo a servir e a dialogar cos irmáns e coas irmás. P.X.N. S. Amén.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Ditosa a xente misericordiosa

 

A xente que se doe dos demais.

A xente de corazón brando ante a miseria.

A xente afectada polas desgrazas alleas.

A xente que ten paixón e tenrura.

A xente que remedia ás persoas necesitadas.

A xente que converte o amor en estruturas sociais organizadas.

A xente que, desde a política, responde aos dereitos das persoas e dos grupos máis débiles.

A xente que non pode ollar o mundo con indiferenza.

A xente que chora con quen chora.

A xente que toma en serio a dor allea.

A xente que se compromete en tarefas de solidariedade e voluntariado.

Porque Deus é iso: un corazón apegado a tódalas persoas que atopan a dor no seu camiño de construción persoal e social. Así nos convocas. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...