Ir al contenido principal

1 Coresma 2023 A

CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA

SINAL DE CORESMA

Comezamos o tempo de Coresma. Un tempo forte que a liturxia católica volve ofrecernos para celebrar a Pascua co corazón e as actitudes dispostas a non deixarnos levar da rutina nin polo desacougo. Cada semana iremos colocando unha pedra por riba do altar que quere simbolizar que estamos dispostas e dispostos a deixar atrás o corazón de pedra para cambialo por un corazón de carne, quente e que latexe ao compás do Evanxeo.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Déixate querer (Nº 61)
LECTURAS: Todos xuntos (Nº 56)
OFERTORIO: Sede a sal, sede a luz
COMUÑÓN: Ide e pregoade (nº 55)

ESPERTANDO Á RÚAH

O pasado mércores comezamos un camiño no que se nos invita a facer mudanzas, a cambiar aquilo que temos que cambiar, a mover de sitio aquilo que está desordenado ou fóra de lugar, ou simplemente a mellorar no que andamos frouxas e frouxos.
Coresma é un tempo, é camiño no que nos atopamos con Xesús, que nos dá forzas neste camiño de conversión para sermos capaces de cambiar os momentos de egoísmo por momentos de desprendemento; de cambiar as nosas palabras desalentadoras por palabras de alento e vida.

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

Coresma é tempo de graza. Perdón por non sermos persoas agradecidas para con quen nos tende a súa man; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.
Coresma é cinsa. Perdón por facer que as nosas relacións queden sempre en nada. CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR.
Coresma é alegría. Perdón por non ser motivo de alegría, senón de desgraza. SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva. O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller:
- "¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
A muller respondeulle:
- "Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
A serpe insistiu:
- "De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.

 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS


O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a todos os homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; aínda que o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron todos os demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza e o don de Deus rebordaron sobre todos. Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da graza e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para todos os homes a xustificación que dá a vida. Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

O Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
- Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
Pero el respondeu:
- Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, dicíndolle:
- Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
Xesús respondeu:
- Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
- Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
Entón replicoulle Xesús:
- Arreda, Satán, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

O pasado mércores comezabamos en toda a Igrexa un novo camiño, unha nova xeira: o camiño coresmal. Atrás deixamos o entroido, que nos invitaba a poñer máscaras, a ser quen non somos, a ocultar a nosa verdadeira autenticidade. Fronte isto, a Coresma vainos invitando ao longo de cinco semanas a quitar esas caretas coas que nos agochamos, coas que queremos aparentar o que non somos. Dá medo, si, porque pode ocorrer que non nos guste o que imos descubrindo. Dá medo, si; porque nos produce vertixe quedar á intemperie, descubrir a nosa identidade real. Dá medo, si; porque se cadra pensamos que algunhas persoas que criamos amigas nos darán de lado. Dá medo, si... pero temos que facelo, porque non podemos vivir sempre agochados detrás dunha máscara, finxindo ser quen non somos.
Ó longo do noso camiño somos conscientes da presenza do mal ó noso redor e mesmo dentro de nós. Na sociedade de hoxe, coma naquela dos tempos de Xesús, son moitas as tentacións que nos rodean e que mesmo ás veces nos abafan: a sede de poder, a abundancia de bens materiais, o éxito a calquera prezo....Ás veces parécenos que “todo vale”. Pero porque non todo vale, Ti ensínasnos que somos quen, coa forza do Espírito, de vencer o mal co ben; Ti ensínasnos que por riba de todo debemos buscar facer a vontade de Deus, marcándonos o camiño a seguir: a pobreza, o servizo, a humildade. Hoxe, no comezo do tempo coresmal é un bo momento para mirar cara dentro e empezar o camiño da nosa conversión.

 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

       Porque queremos, Señor, comezar o camiño coresmal que nos leve a vivir a novidade da Pascua, dicimos: 

SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN

·      Porque somos de verdade culpables e rebeldes á túa vontade, SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.

·      Condenamos á persoa inocente, blasfemamos e incitamos ao mal; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN

·      Desprezamos cousas respectables, desprezamos as túas palabras; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.

·      Criticamos aos demais, cometemos inxustizas, oprimimos ao próximo; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.

·      Endurecemos o noso corazón, revestímolo coa coraza do individualismo e do consumismo; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.

·      Seguimos malos camiños, abandonamos os teus mandamentos; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.

Señor, Ti déixaste conmover pola nosa humildade. Escoita a nosa oración e fai que cheguemos cun corazón quente á celebración da Pascua. P.X.N.S. Amén.


FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Señor, Pai e amigo. Vimos onda Ti con corazón contrito. Dános a túa forza para que comecemos a vivir o Evanxeo do teu Fillo como Boa Nova de graza e conversión. Fai que o noso xexún sexa un no rotundo a todas as actitudes que nos atan e nos afogan; que as nosas privacións sexan a prol das persoas que sofren. Que a túa presenza nos acompañe nesta tarefa e nos dea folgos para acoller este camiño con ansia sempre renovada. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...