Ir al contenido principal

MANS UNIDAS

FREAR A DESIGUALDADE ESTÁ NAS TÚAS MANS

(CAMPAÑA MANS UNIDAS)

CANTOS 

• ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
• LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
• OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
• COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESPERTANDO Á RÚAH

Hoxe, segundo domingo de febreiro, celebramos en toda a Igrexa a Xornada de Mans Unidas contra a fame. Baixo o lema “Frear a desigualdade está nas túas mans”, somos convidadas e convidados a abrir os nosos ollos para descubrir os sinais de desigualdade presentes na nosa vida cotiá: explotación laboral, fenda salarial, consumo excesivo...

Só deste xeito, sendo capaces de ver o mundo e no que el acontece cos ollos de Deus seremos capaces de tomar conciencia do feito de que, se queremos que o mundo mude, teremos que mudar nós, teremos que mudar moitos dos nosos hábitos cotiás.

Que o Señor, que nos convoca nesta mañá, sexa alento no camiño.

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

• Porque seguimos mirando pasivamente e non estamos dispostas e dispostos a comprometernos; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA TÚA LEI.
• Porque consumimos en exceso; CRISTO, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA TÚA LEI.
• Porque non nos deixamos interpelar pola túa lei, a lei do amor;SEÑOR, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA TÚA LEI.

 

 

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Se ti queres, podes gardar o precepto,

facer a súa vontade é sinal de intelixencia.

Puxo diante de ti o lume e maila auga:

bota a man ao que prefiras.

Diante de cada home están a vida e a morte: 

o que anceie: iso daráselle.

Pois grande é a Sabedoría do Señor.

Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e El coñece as accións de cadaquén.

Non lle mandou ao home que pecase nin deu pé aos homes falsos.


. PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmás e irmáns:

 

E, mesmo así, o que predicamos entre os perfectos é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo. Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria. Ningún dos xefes príncipes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. Pero como está escrito:

O que o ollo non viu,

o que o oído non sentiu,

e o que non pasou pola mente do home:

iso preparou Deus para os que o aman.

E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos. Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.

Se ó presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.

Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ó xuíz, o xuíz ó garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.

Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.

Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.

Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.

Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ó Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

• Se ti queres, podes gardar o precepto: Estas palabras que escoitamos na primeira lectura, no libro do Eclesiástico, queren ser toda unha chamada de atención que nos esperte. Si, porque moitas veces parapetámonos detrás dunha suposta inmutabilidade das cousas para botar balóns fóra. Si, cantas veces temos dito: eu non podo facer nada para que non haxa fame no mundo, eu non son responsable de que a xente morra de fame, eu non... Mais, sendo persoas honestas, podemos preguntarnos: cantas veces nos aproveitamos da necesidade para pagar un xornal máis baixo do que deberamos?, cantas veces temos comprado cousas que non precisabamos deixándonos levar do consumismo que afoga?, cantas veces á voz da muller lle esiximos un plus para ser escoitada?, cantas veces detrás dese eu non sei ou eu non vallo non hai más que unha escusa para non comprometernos?....Por iso, a frase que escoitamos convídanos a mirar cara adentro para descubrir que, co di o refrán, o querer está en ti!. Cada unha e cada un de nós somos libres: libres para escoller, libres para decidir, libres para actuar....
• Pero eu dígovosFronte a esa visión rutinaria e estática do xosevos, é dicir: este é así, aquel deste outro xeito; isto fíxose sempre, aquilo non se pode cambiar; isto hai que dicilo deste xeito, aquilo supón isto outro … Xesús rompe con costumes e normas para volver recalcar que só se somos capaces de mostrarnos e de actuar con liberdade entenderemos a súa mensaxe e descubriremos que significa levar aos nosos beizos a palabra amor, que nos chama a ser persoas creativas, dialogantes, misericordiosas, esperanzadas e sempre dispostas a facer unha lectura crente da realidade.
• Frear a desigualdade está nas túas mans: se así o facemos, seremos capaces de descubrir que nós temos a obriga de actuar para frear a desigualdade presente no mundo. Si, porque no mundo globalizado no que hai tanta especulación e engano, as persoas que nos chamamos cristiás estamos chamadas a ser:
✓ Voz que clama e busca o ben común
✓ Palabra que defende e non cala ante a manipulación
✓ Cabeza que é capaz de pensar e non deixarse engaiolar pola superficialidade do efémero.
✓ Mans que non dubidan en lavar feridas e curar dores
✓ Corazón para querer a tanta xente que non ten quen se preocupe por ela.

Que esta xornada esperte en nós o compromiso de non esquecer nunca ás persoas que non contan para os que mandan e impoñen. 

 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque nos creaches libres e con capacidade para tomar decisiónsagradecémolo dicindo:

QUE UNAMOS ESFORZOS PARA MELLORAR O MUNDO

✗ Para que saibamos ser Igrexa universal e solidaria, ofrecendo o que temos e renunciando a canto non necesitamos; OREMOS.
✗ Polas nosas comunidades, para que sexamos sempre mans que levanten, acollan e acubillen a quen está á beira do camiño, porque quedou sen forzas, OREMOS.
✗ Por todas as persoas que padecen fame de calquera tipo: de pan, de casa, de dignidade, de escoita, de sorriso, de esperanza, de cultura, de respecto....; OREMOS.
✗ Por cada un e cada unha de nós, para que deixemos de lado o noso pasotismo, a nosa indiferenza e a nosa comodidade e nos abramos á responsabilidade do compromiso solidario que esixe o noso apelido de cristiáns e cristiás, OREMOS.

Señor, porque confiamos en Ti e na capacidade que nos deches de ser libres, agradecemos poder compartir esta oración comunitaria reuníndonos no teu nome e chamándonos a un compromiso real por non deixarnos levar da tentación do cómodo e fácil. P.X.N.S

 

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Señor, desculpa as nosas fraquezas, as nosas caídas, os nosos silencios.

Dános outra oportunidade.

Esquece as nosas negacións, a nosa tibieza, as nosas contradicións.

Ábrenos de novo a porta, acóllenos na túa casa e na túa aperta.

Ti sabes como somos. Perdóanos.

Aquí está do dilema constante e humano, o dobre raseiro:

a piedade suplicada para nós e negada para a outra persoa;

o amor acollido con gratitude mais entregado a contagotas;

a claridade ante a necesidade propia, que se volve cegueira ante o alleo.

Que aprendamos de Ti, que es Deus de misericordia.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor