Ir al contenido principal

5 domingo TO A 2023

Se non deixamos que a Palabra alumee a nosa vida, só seremos noite tenebrosa

Cantos

Entrada.- Que ledos hoxe estamos

Lecturas.- Traguede pra quen escoite palabras de luz

Ofertorio.- Eiquí están Señor

Comuñón.- Ide e pregoade; Deixade esta terra

 

ESPERTANDO Á RÚAH

Unha vez máis, e xa van...moitas, a Palabra de Deus chámanos a contrastar con ela os nosos comportamentos, as nosas miradas das persoas e do que no mondo ocorre, o noso xeito de ser, estar e tratar aos demais no noso día a día. Si, porque se a Palabra non nos fai mirar cara dentro de nós para movernos e cambiar nin nos leva a pensar de que maneira vai renovando, alentando, transformando a nosa vida, non podemos dicir máis que a nosa relación con ela é de morte, de tebra, de escuridade de pura retórica. Porén, tanto a lectura de Isaías como o evanxeo de Mateu volven a facernos caer na conta de que se non somos capaces de poñer en relación a Palabra que escoitamos coa vida de cada día, a Palabra faise prescindible, porque só se queda en retrouso apagado e sen vida.

       Non deixemos que iso nos pase. Prestemos atención á Palabra e esforcémonos porque sexa ela a que nos vaia axudando a superar a rutina, os costumes ou preguiza dunha fe sen capacidade de cambiar as cousas.

 

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

·      Porque non nos deixamos transformar pola túa Palabra. SEÑOR, LÉVANOS DA MAN.

·      Porque non deixamos renovar pola túa Palabra. CRISTO, LÉVANOS DA TÚA MAN.

·      Porque non nos deixamos acoller pola túa Palabra. SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Di o Señor:

¿Non é acaso reparti-lo teu pan co famento

e acoller na túa casa os pobres sen pobo?

Cando véxa-lo espido, vísteo

e non te escondas da túa propia carne.

Entón resplandecerá a túa luz coma a alba

e a carne nova da túa ferida brotará logo.

Si, a túa xustiza camiñará diante de ti

e a gloria do Señor pechará a marcha.

Entón clamarás ó Señor e responderache,

pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".

Se apartas do medio de ti o xugo,

o sinalar co dedo e a palabra mala,

se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,

e fárta-la gorxa aflixida,

entón a túa luz brillará na escuridade

e a túa tebra será coma o mediodía.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

En canto a min, irmáns, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciárvo-lo misterio de Deus. Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. E eu presenteime diante vosa cunha sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e maila miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Vós sóde-lo sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sóde-la luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a tódolos da casa. Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos CeosPalabra do Señor.

 

 

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

         Os profetas non se deixaban levar pola tentación do poder, da corrupción ou de modelar a Deus a imaxe e semellanza do que lle conviña e lle resultaba cómodo e instalado nunha fidelidade externa e de rito. Para eles era fundamental entrar no profundo da Palabra de Deus que eles facían chegar ao pobo e aos seus dirixentes. E ao non deixarse dominar, denunciaban a mentira dos gobernantes, o engano ou a busca do propio interese. Pero a súa mensaxe non só se dirixía aos gobernantes. Cando falaban facíano con liberdade e para todo o pobo, por iso moitas veces, porque non gustaba o que dicían, eran encarcerados, perseguíanos ou expulsados da súa terra. Os profetas eran persoas valentes que non calaban diante da inxustiza, que non se agochaban baixo o amparo e protección dos poderosos, que non calaban cando o actuar de quen tiña que ser exemplo de servizo e coidado só buscaba riqueza e comodidade. Viñan sendo a conciencia crítica nunha sociedade moi dominada polo medo, o control e o sometemento.

·      Neste contexto, resultan moi clarificadoras as palabras que acabamos de escoitar na primeira lectura do profeta Isaías. Tan clarificadoras que ben poderían ter sido ditas para nós e hoxe, nun mundo no que cada vez uns poucos o teñen todo e os máis van quedando sen nada; nun mundo no que os pequenos e non importantes son ignorados, namentres que os poderosos e famosos copan telexornais, xornais e portadas de revistas; nun mundo no que a información segue nas mans do que teñen cartos e poder, namentres os que non “famosean” son invisibles, esquecidos, cando non esmagados polos que buscan fama, cartos, poder e dominio. Que actualidade e canta falta fan tamén hoxe, quizais máis ca nunca, os profetas para este noso tempo de pantallas, individualismo, présas ou consumismo compulsivo!. Simplemente lembremos dúas das frases que temos escoitado na primeira lectura:

 

·      ¿Non é acaso reparti-lo teu pan co famento e acoller na túa casa os pobres sen pobo?

 

·      se lle quitas ó famento a gana que ti sentes, e fárta-la gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade.

 

·      E Xesús, coa sinxeleza no seu xeito de falar e a capacidade de facerse entender, dille aos que o escoitaban; dinos aos que o escoitamos: Vós sóde-lo sal da terra... Vós sóde-la luz do mundo:

 

o   Como crentes no mundo de hoxe non estamos chamados a facer cousa grandes e importantes;tampouco grandes esforzos nin sacrificios, ao contrario. Xesús invita –segue invitando– a actuar con sinxeleza, a ser persoas sinceras, a non enganar aos demais, a facer da verdade o noso mellor tesouro. Porque só deste xeito, si, só deste xeito, poderemos ser luz e sal neste noso mundo tan falto de luz e sal, e tan cheo de ansias de poder, de violencia, de sometemento dos demais, de mentira e control das conciencias, de buscar entretementos que nos impidan pensar e descubrir que nos enganan, que xogan con nós, que nos utilizan, só e  exclusivamente para os seus propios fins. Como diciamos arriba: que faltan nos fan hoxe os profetas que non se deixan dominar nin avasallar!

 

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

       Porque queremos, Señor, seguir o camiño dos profetas, e non vivir unha fe que non sexa sal e luz, dicimos: 

QUE A TÚA LUZ ILUMINE A NOSA VIDA.

·      Para que sexamos unha Igrexa que non se deixe nin avasalar nin dominar polo poder, o control e a ansia de ser importante e sexamos luz para o mundo. Oremos.

 

·      Para que conformemos comunidades cristiás sinxelas, honestas, solidarias e capaces de ser sal de esperanza e renovación. Oremos. 

 

·      Para que nós non nos deixemos dominar polo cómodo, preguiceiro e burgués á hora de vivir a fe e saibamos ser persoas esforzadas por ser sal e luz nun mundo no que se esquecen a crianzas e maiores. Oremos

 

Señor, axúdanos a ter unha fe asentada na honestidade e capaz de percorrer a nosa vida como savia que dá pulo a traballar polo ben das persoas máis débiles e esquecidas. Por Cristo o noso señor. Amén.

 

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Hai que buscar e amar ao Señor nos pobres e, como cristiáns, debemos estar atentos se nos afastamos deles". E iso é o que fan os axentes e voluntarios das actividades sociosanitarias da Igrexa: "Vós sodes o bosque que medra cada día en silencio e mellora a calidade do aire”, porque “a promoción contra a explotación, este é o bosque que medra mentres a deforestación do descarte arrastra violentamente”... "A pobreza e o rexeitamento ofenden ao home, desfiguran a súa dignidade; son como cinzas que apagan o lume que se leva dentro. Polo tanto, para os crentes os pobres son os vicarios de Cristo. E iso ten que notarse no concreto: "Os que pertencen a unha clase acomodada, sobre todo se son cristiáns, están chamados a compartir o que teñen cos que están privados do necesario, aínda se pertencen ao mesmo pobo. Non se trata dunha cuestión de bondade, senón de xustiza. Non é filantropía, é fe".

       Pero a axuda dos cristiáns debe ser sostible e integral. “mais que repartir bens, que sempre serán necesarios, é mellor transmitir coñecementos e ferramentas que fagan autónomo e sostible o desenvolvemento” ( Francisco no Congo.2023)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...