CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA
SINAL DE CORESMA
Colocamos a segunda pedra por riba do altar.
CANTO GOZOSO
LECTURAS: Eu soñei (58)
OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 58)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESPERTANDO Á RÚAH
Benvidas e benvidos á nosa celebración comunitaria! No segundo domingo da Coresma, a Palabra convídanos a reflexionar hoxe sobre dúas realidades moi presentes no noso mundo: a migración e o papel das mulleres.Escoitaremos na primeira lectura a invitación que Deus lle fai a Abram a saír da súa terra, a poñerse en camiño cara á terra prometida. El é o primeiro migrante da historia; e o Señor di algo que nos ten que facer reflexionar: “bendicirei a quen te bendiga e maldicirei a quen te maldiga”. Toda unha declaración de intencións para que hoxe reflexionemos ao respecto de como é o noso trato cara ás persoas migrantes, se as acollemos ou se seguimos tendo medos e prexuízos cara elas.
E cando o 8M peta na nosa porta, somos convidadas e convidados a transfigurarnos, a cambiar o rexistro para ser quen de valorar e agradecer o papel das mulleres na nosa sociedade, nas nosas parroquias, nas nosas familias.
Comecemos xa e poñamos por riba do altar as pedras que dificultan o noso camiño!
SUPERANDO A DISTRACCIÓN
- Por non sementar igualdade nos nosos xestos, nas nosas palabras, na nosa vida cotiá; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.
- Por secuestrar a voz das mulleres e negarlles os seus dereitos; CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR.
- Porque seguimos desconfiando das persoas migrantes e seguimos pechándolle a nosa porta; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESESeñor díxolle a Abram:
- "Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei.
Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.
Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.
Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".
Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO A TIMOTEONon teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEOSeis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
- ¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
- Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
- ¡Erguédevos, non teñades medo!
E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
- Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
Hoxe é 8 de marzo, día internacional da muller. Que ben nos acae que este día coincida co segundo domingo da coresma, no que a celebración nos lembra que estamos chamadas e chamados a transfigurarnos. E celebrámolo uníndonos ás voces de tantas e tantas mulleres que dun cabo ao outro do mundo, berran cunha soa voz que queren deixar de ser invisibles, que queren deixar de ser cidadás de segunda clase. É certo que na nosa sociedade se van dando pasos para acadar a tan desexada igualdade; pero non é menos certo que eses pasos non son sempre cara adiante, senón que ás veces atopámonos recuando cando se trata de poñer a cara, a voz, a enerxía ou o tempo para este compromiso. O 8 de marzo pasará, e chegará o 8 de abril, e o 8 de maio e mesmo o 8 de setembro; e a loita pola igualdade seguirá estando presente, porque non se pode reducir a un día.
Hoxe estamos chamadas e chamados a contemplar para transfigurarnos, a contemplar para cambiar, a contemplar para berrar, a contemplar para denunciar. Que sempre sexa 8 de marzo na nosa loita pola igualdade na reciprocidade.
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
Porque queremos, Señor, cambiar as nosas actitudes de rexeitamento ás persoas migrantes e de desigualdade, dicimos:DANOS UN CORAZÓN NOVO
- Para que como Igrexa de Xesús sexamos unha Igrexa acolledora, unha Igrexa que non exclúe, unha Igrexa que escoita a voz de todas as persoas, unha Igrexa que non silencia nin secuestra conciencias, OREMOS.
- Para que nas nosas comunidades nunca rexeitemos a ningunha persoa polo seu xénero ou polo seu lugar de orixe, OREMOS.
- Para que cada unha e cada un de nós camiñemos cos pés no chan e o corazón no Evanxeo, OREMOS.
FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO
Ti, que sobes e acendes a montaña, invítanos a seguirte.O aire que respiramos está contaminado pola mentira, o engano,
a corrupción, o abuso das persoas máis débiles.
Ti, que fixeches da túa vida espello da presenza do Pai,
acompáñanos para que non fagamos da oración nin ermo nin baleiro,
senón experiencia de encontro e acollida.
Ti, que brillas coma o sol,
dános azos para que saibamos afrontar a loita contra as tebras,
que moitas veces crecen no noso corazón.
Ti, que non pasas de largo diante da persoa necesitada,
axúdanos a tomar conciencia de que non podemos
pasar sen mirar para os lados,
e recoñecer a tantas persoas caídas que nos tenden a man
porque esperan de nós acollida, tempo e disposición...
para ser a súa voz, a voz dos que non lles deixan ser voz.
Ti que non quixeches que se puxeran tendas no Tabor,
espértanos do soño de crer que podemos encher o mundo de tendas
que nos fagan esquecer que temos que poñer os pés no chan
para ser os ollos, as mans, a palabra e o corazón
dos irmáns e das irmás cuxa dignidade é, cada día, esmagada.
Comentarios