Ir al contenido principal

5 Coresma 2023 A

CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA

SINAL DE CORESMA

Colocamos a quinta e derradeira pedra por riba do altar.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Arrepentido (Nº 13)
LECTURAS: Na noite escura (Nº 104)
OFERTORIO: Amigos nas penas
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESPERTANDO Á RÚAH

Chegamos hoxe ao quinto e derradeiro domingo deste tempo de coresma. Un camiño no que se nos convidaba a facer mudanza, a cambiar de sitio aquilo que está mal colocado ou a desbotar aquilo que sobra, porque nos fai dano.
Comezamos o camiño no deserto; logo subimos ao Monte Tabor. Baixamos e Cristo ofrecéusenos coma auga viva que sacia a nosa sede e como luz que alumea as nosas tebras.
Hoxe imos un paso máis alá: diante de tantos sinais de morte como hai no noso mundo: violencia, desigualdades, inxustizas, silencios... Deus preséntasenos como a Vida con maiúsculas, e chámanos a arredar a pedra das nosas sepulturas para ver así a gloria de Deus presente na nosa vida.


SUPERANDO A DISTRACCIÓN

Ti sentiches a dor da morte do teu amigo Lázaro. Porque o noso corazón en moitos casos é un corazón de pedra, incapaz de doerse diante da traxedia de tantos e tantos irmáns e irmás nosos que teñen que deixar atrás o seu país, a súa cultura, a súa familia para buscar un futuro mellor, SEÑOR, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA.
Ti buscaches consolo en Marta e María. Porque en demasiadas ocasións a nosa autosuficiencia e a nosa soberbia impiden que compartamos os nosos problemas e preocupacións coa nosa familia, cos amigos, coa xente que nos quere, CRISTO, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA.
Ti disnos “Eu son a resurrección e a vida”. Polas veces nas que o noso pesimismo nos impide descubrir tantos e tantos sinais de vida que pos a mans cheas ao noso redor, SEÑOR, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

Por iso profetiza e dilles: así fala o meu Señor, Iavé:
Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, dígoo e fágoo.

 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:
Os que viven conforme aos baixos instintos non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Había un enfermo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta. María fora a que unxira ó Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
- Señor, mira, o que amas está enfermo.
O oílo, dixo Xesús:
- Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles ós discípulos:
- ¡Vaiamos outra vez á Xudea!
Os discípulos respondéronlle:
- Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus, ¿e vas ir outra vez alí?
Xesús replicou:
- ¿Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
En dicindo isto, proseguiu:
- Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
Dixéronlle entón os discípulos:
- Señor, se dorme, curará.
Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
- Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. ¡Así que vamos onda el!
Díxolles entón Tomé ‑o chamado Xemelgo‑ ós outros discípulos:
- ¡Vaiamos tamén nós morrer con el!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros: moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
- Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
- Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
- Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
- Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?
Ela respondeu:
- Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
- O Mestre está aquí e chama por ti.
Ela, ó oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle:
- Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
O ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
- ¿Onde o puxestes?
Contestáronlle:
- Señor, vén ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "¡Ai que ver como o quería!"
Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?"
Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
- Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
- Señor, xa cheira, que leva catro días.
Xesús contestoulle:
- ¿Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
- Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
- ¡Lázaro, vén para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
- Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

Nas portas da Paixón e da Pascua do Señor, a memoria de Xesús que chama por Lázaro (“ven fóra”) e pola súa irmá María (“O mestre está aquí e chama por ti”), convértese nunha chamada á vida en plenitude, a participar desde agora na resurrección. Se a chamada fose para ter a mesma vida que xa estaba a vivir, de pouco serviría. Sería prolongar aínda máis as dores e sufrimentos desta vida e forzar ao pobre Lázaro a ter que atravesar dúas veces as terribles portas da morte. Pero Xesús sabe que moitas veces somos como mortos en vida, que temos morta a ilusión, a esperanza, a solidariedade, a ledicia de vivir, a capacidade de loitar para que rompa o día dunha vida nova.
Por iso hoxe o Señor chámanos a cada un e cada unha de nós, coma a Lázaro, para que saiamos das nosas sepulturas:
  • Da sepultura da rutina na que vivimos demasiado afeitos aos nosos ritos relixiosos, demasiado ben estruturados, demasiado esquematizados. Deixémonos sorprender!.
  • Da sepultura da desesperanza. Vivimos no desencanto, sen lugar para as utopías. Atrevámonos a soñar!.
  • Da sepultura do medo e da incapacidade. Parécenos que xa non podemos, que xa non servimos, que non conectamos...Recuperemos a ilusión e a fe en nós e na xente!.
  • Da sepultura das nosas tristuras e dos nosos illamentos, que nos fan mediocres e infelices. O Señor é unha festa interminable, descubrámolo!.
  • Da sepultura do egoísmo, respirando o aire fresco da multiculturalidade, da alteridade. Contáxiate coa fraternidade!!!!.
Desde que Xesús nos dixo “Eu son a resurrección e a vida”, todo ten un novo sentido, todo se pode esperar, todo se pode soñar...mesmo o imposible.Iso foi o que lle aconteceu a Marta na pasaxe evanxélica que vimos de proclamar. Ela estaba morrendo de pena e de dúbidas, e por iso “sae ao encontro de Xesús”. E Marta resucitou porque confesou e creu. Non só sabía servir, senón tamén escoitar a Palabra. E non só creu, senón que soubo comunicarlle a súa fe e a súa esperanza á súa irmá.
Estamos dispostas e dispostos a resucitar?

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque Ti es a vida, Señor, unímonos comunitariamente para dicirche: 

GRAZAS POR CHAMARNOS A UNHA VIDA NOVA 

  • Para que coma Igrexa aproveitemos este tempo de Coresma para reflexionar sobre os sinais de morte presentes na nosa vida, e así poidamos resucitar a unha vida nova, OREMOS.
  • Para que nas nosas comunidades, como fixeron Marta e María, saibamos buscar medios que nos axuden a endereitar o rumbo; OREMOS.
  • Para que cada unha e cada un de nós fagamos silencio no noso corazón para escoitar a voz do Señor, que nos chama a saír das nosas sepulturas, OREMOS.

Señor, Ti es a resurrección e a Vida. Axúdanos a ser capaces de ir morrendo a un corazón de pedra para camiñar cara un corazón de carne, un corazón quente. P.X.N.S. Amén.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Nos momentos duros, míranos con misericordia.
Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.
Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.
Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.
Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.
Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.
Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.
Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.
E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.
Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.
Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.
Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.
Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...

5 Pascua 2024

Só sabendo rectificar seremos quen de superar os nosos prexuízos CANTOS * ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5) * LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus (Nº26 ) * OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36) * COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51) ALENTANDO O CORAZÓN   Dinos a lectura dos Feitos dos Apóstolos que imos proclamar hoxe, que os discípulos de Xerusalén non se fiaban de Saulo, tíñanlle medo, por iso non acababan de crer a súa conversión fose verdadeira. Como lle custaba fiarse daquel que os perseguira e polo que moitos deles acabaron no cárcere! Algo así tamén nos pode pasar hoxe a nós cando facemos da desconfianza a maneira de achegarnos ás demais persoas; cando non nos fiamos do que nos din ou do que fan aqueles que noutro tempo non eran dos nosos. Pero os Apóstolos foron quen de esforzarse por superar os seus prexuízos, e acabaron acollendo e aceptando a Saulo entro os do seu grupo. Que tamén nós saibamos vencer os nosos prexuízos e volver confia...