Ir al contenido principal

3 Coresma A 2023

CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA



SINAL DE CORESMA

Colocamos a terceira pedra por riba do altar.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Na noite escura (Nº 104) 
LECTURAS: A auga do Señor (Nº 125)
OFERTORIO: Oh, Señor, escólleme (Nº 62)
COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

ESPERTANDO Á RÚAH

Canta sede nos temos producido por andar ás carreiras! Canta sede innecesaria temos creado polo noso afán de facer moitas cousas de vez! Canta sede de desacougo temos provocado co noso intento de encher con cousas, sumadas unhas a outras, o déficit de espiritualidade, de contemplación, de fondura e transcendencia!!!!. Porque cando só nos intentamos soster sobre cousas materiais, empequenecemos e acabamos por sentir desacougo e desamparo, porque o ter ou o facer en si mesmos, nin enchen nin dan sentido á vida.
Disto é do que nos vai falar hoxe o evanxeo: de atinar ben na escolla para que as nosas sedes sexan colmadas, e non precisemos encher tempo para evitar atoparnos co baleiro das cousas que non enchen.
Sigamos logo por este camiño de auga fresca que nos ofrece este tempo do coresma

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

  • Porque precisamos saciar a nosa sede paz interior; SEÑOR, QUE A TÚA AUGA LIMPE O NOSO CORAZÓN 
  • Porque non sempre te buscamos a Ti para saciar a nosa sede de sentido da vida; CRISTO, QUE A TÚA AUGA LIMPE O NOSO CORAZÓN. Porque os nosos desacougos prodúcenos mananciais secos e cheos de tristura; SEÑOR, QUE A TÚA AUGA LIMPE O NOSO CORAZÓN.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO


O pobo, sedento, seguía queixándose por auga a Moisés:
- "¿Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, ós nosos fillos e á nosa habenza?"
Moisés clamou entón cara ó Señor:
- "¿Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme".
O Señor respondeulle:
- "Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a vara coa que bateches o Nilo, e camiña. Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti baterás o penedo, e sairá auga del para que o pobo beba".
Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel. Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono á proba, preguntando: "¿Está o Señor connosco ou non?".

 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:
Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén entrada a esta gracia na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de logra-la gloria de Deus.
E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (anque por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer); pero Deus demostróuno-lo seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


Chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacobe a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacobe. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
- Dáme de beber.
Preguntoulle entón a muller samaritana:
- ¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
- Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
Replicoulle a muller:
- Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacobe, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
- Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
A muller suplicou:
- Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
- Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
- Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora é xa agora en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
- Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar tódalas cousas.Díxolle Xesús: 
- Son eu, o que está falando contigo.
Moitos samaritanos daquela vila creron nel.
Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller: 
- Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

O pobo de Israel queixase porque ten sede, escoitabamos na primeira lectura. Ten sede porque vai camiñando polo deserto; e como ben sabemos, os desertos sempre producen sede. Que ben acaída esta imaxe para este tempo de coresma! Si, porque son tantas as sedes que precisamos saciar!; sede de atopar alguén de confianza a quen poder contarlle o que sentimos. O que nestes tempos nos que non temos tempo para nada e sempre imos ás présas, é tan difícil! Pero si, precisamos saciar a sede de sentar e falar, en confianza, do que nos pasa, o que sentimos, o que nos doe, o que nos rebela, o que nos fai infelices, o que... e precisamos facelo con tranquilidade e sen buscar a queixa, senón o diálogo pausado e sandador que vai saciando todas esas nosas sedes que tanto dano nos van facendo. 
Procurar saciar todas esas sedes é o que nos leva a acadar a paz, á tranquilidade interior, á confianza que fai posible que non teñamos medo a volver comezar ou a non desesperarnos ante un momento difícil e doloroso na vida. Busca-la paz é o que fai posible que a pesares de que veñan outras sedes, non nos deixemos desesperar nos desertos que imos atopando na vida e dos que nos custa tanto saír. Sede e deserto son dúas imaxes que nos axudan a entender a razón e o por que deste tempo de coresma. Porque, como vimos dicindo desde que comezou a coresma, o corazón, se non somos capaces de saciar sedes e desertos, vaise volvendo pedra incapaz de sentir, querer e quererse. E ben sabemos que iso non é o que quere Xesús de nós. . 
El o que quere de nós, como acabamos de escoitar no evanxeo é unha actitude de superación – inda que as veces nos custe ou nos pareza imposible de acadar-; unha actitude de non deixarnos abandonar nos desertos da nosa vida; unha actitude que non renuncia a saciar as sedes que tanto nos fan sufrir e tanta dor nos producen. A samaritana non entendía moi ben da sede da que lle falaba Xesús, por iso lle custaba tanto comprender como aquel xudeu se parara alí e se puña a conversar con ela. Pode tamén ocorrernos a nós que non entendamos que para curar a sede precisamos primeiro darnos conta de que a temos, pois só así tentaremos buscar como saciala. Que a auga que atopemos sexa a de Xesús. Esa auga clara e limpa que, a pesares da calor do día e da dureza da area do deserto, non se deixa vencer por elas e segue na procura da auga da fonte que só Xesús nos pode dar.

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque a túa auga, Señor, trae frescura á nosa vida, unímonos comunitariamente para dicirche:
GRAZAS POLA AUGA QUE CURA A NOSA SEDE
· Que tamén nós, Señor, saibamos ser Igrexa que ofrece gratis a túa auga liberadora que alenta e purifica a nosa vida, OREMOS
· Que tamén nós, Señor, nos esforcemos por ser comunidades que acollen a túa auga para sandar as feridas de tantas persas que temos ao lado feridas pola dor e a fraxilidade na vida, OREMOS.
· Que tamén nós, Señor, nos deixemos limpar pola túa auga; auga que cura, tranquiliza, esperanza e renova, OREMOS.
Señor, que a fonte da túa auga vaia regando o noso corazón ata convertelo en oasis de alegría e paz. P.X.N.S. Amén.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Señor, hoxe témoste sentido como o manancial que nunca seca despois de tantas noites e días, de séculos de historia, de apagar a sede de mil xeracións, Porque ese manancial es ti, Señor. E estás a agardar que vaiamos coa xerra da nosa vida, para enchela do sentido e da loita que sempre nos ofrece a túa auga.

Canta sede temos, en tantos momentos da vida!, mais acudimos a Ti, deixando de lado outras fontes. Porque en Ti nace a auga en abundancia; auga de frescura para os nosos corpos, tantas veces cansados polos avatares da vida.

Grazas, Señor, por ser manancial inesgotable de auga viva.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...