4º Domingo da Coresma
CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA
SINAL DE CORESMA
Colocamos a cuarta pedra por riba do altar.CANTO GOZOSO
ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)LECTURAS: A Cristo cantamos (Nº 124)
OFERTORIO: Á beira da nosa esperanza (Nº 123)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESPERTANDO Á RÚAH
Pasado xa o ecuador deste tempo de Coresma, tempo de mudanza, é bo acoller a luz de Cristo, luz que non deslumbra, senón que alumea a tebra e a escuridade que nos impide camiñar con determinación e coraxe cara á Pascua, cara á liberación.
SUPERANDO A DISTRACCIÓN
Porque precisamos a túa luz para poder ver desde o corazón e non desde as aparencias, dicímosche: SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS. Porque precisamos a túa luz para andar na bondade, na xustiza e na verdade, dicímosche: CRISTO, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.
Porque precisamos a túa luz para clarexar as escuridades da nosa vida: SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO PRIMEIRO LIBRO DE SAMUEL
O Señor faloulle a Samuel: Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Ixaí, o de Belén, pois escollín un rei entre os seus fillos".
Cando chegaron e viu a Eliab, pensou: ‑"De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido". Pero o Señor díxolle a Samuel: ‑"Non te fixes no seu bo ver, nin na súa estatura. Ese está excluído, pois Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón.
Ixaí fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo: ‑"Ningún destes é o escollido do Señor".
Samuel preguntoulle a Ixaí: ‑"¿Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle: ‑"Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas". Samuel díxolle: ‑"Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Ixaí mandou que o fosen buscar. Era loiro, de ollos fermosos e de bo parecer. O Señor dixo a Samuel: ‑"Érguete e únxeo, pois é este".
Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns. Desde aquel intre e en adiante o espírito do Señor apoderouse de David.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS
Irmáns e irmás:
Antes, si, erades tebras pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ó Señor. E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, denunciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar. Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ó descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso dise: Acorda, ti que estás a durmir, érguete do medio dos mortos e Cristo iluminarate.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:ü Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
Xesús respondeu:
ü Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
- Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
- ¿Non é este o que estaba sentado pedindo?
Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu". Entón preguntábanlle:
- Daquela ¿como se che abriron os ollos?
El respondeu:
- O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.
Preguntáronlle:
- Onde está ese?
El contestou:
- Non o sei.
Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
- Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "¿Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
Entón preguntáronlle outra vez ó cego:
- ¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?
El contestou:
- Que é un profeta.
Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
- ¿É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo ¿como é que agora ve?
Os pais responderon:
- Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
- Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
El entón respondeu:
- Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
Dixéronlle entón:
- Pero ¿que foi o que che fixo? ¿Como che deu a vista?
Respondeulles:
- Xa volo dixen e non me fixestes caso. ¿Por que queredes oílo outra vez? ¿Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
- Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
O home replicoulles:
- Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista ós meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podía facer nada.
Respondéronlle eles:
- Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
- ¿Cres ti no Fillo do Home?
El respondeulle:
- ¿E quen é, Señor, para que crea nel?
Díxolle Xesús:
- Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
El dixo:
- Creo, Señor.
E prostrouse diante del.
Entón dixo Xesús:
- Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
- ¿E, logo, nós tamén estamos cegos?
Xesús contestoulles:
- Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
Samuel e Ixaí deixábanse levar das aparencias, por iso cando o Señor lle encomenda a Samuel ir unxir o seu escollido para rei, pensaban que sería o primoxénito, ou o máis forte, ou aquel que tiña máis carácter.... Mais o Señor dixérallo ben claro: non vos fiedes das aparencias, pois eu vexo o corazón. Toda unha lección tan necesaria no mundo de hoxe, un mundo artificial, un mundo de escaparate, un mundo de aparencias... Toda unha lección para cada unha e cada un de nós, que seguimos mirando cunha mirada superficial, que só se detén no externo, no físico, no xénero, na idade, nos estudos ou no poder económico. Canto mellor nos iría no noso mundo, na nosa sociedade, na nosa Igrexa se en lugar de buscar líderes que só buscan medrar, que son submisos, que non teñen escrúpulos... buscásemos líderes e lideresas (que tamén deberan existir!!!!) capaces de poñerse no lugar da outra persoa, capaces de acompañar e escoitar, capaces de dialogar para achegar posturas, capaces de tecer redes, capaces de buscar o ben común e non o propio. Precisamos reconducir, precisamos afondar a nosa mirada para sermos capaces de deixar atrás a mirada de turistas para pasar ao nivel de mirar cos ollos de Deus, cos ollos do corazón.
Que ben o entendeu Paulo, que ben llo transmite á comunidade de Éfeso e que ben nolo lembra a nós nesta mañá. Non somos fillas e fillos da tebra, senón da luz. E isto esixe de nós camiñar na bondade, na xustiza e na verdade. Mais nós moitas veces preferimos seguir camiñando na tebra, preferimos seguir actuando ás agachadas para que non nos descubran, preferimos seguir levando contos aquí e alá, preferimos seguir tirando pedras pero iso si, agochando ben a man!. Coresma é un bo momento para poñernos diante do Señor e pedirlle que nos dea forza para examinar a nosa vida á súa luz, á luz de Cristo, que alumea pero non incendia, que alumea pero non dana a vista.
Porque Deus quere que nós vexamos... e nós, coma os fariseos do Evanxeo, en lugar de agradecer a súa luz cuestionamos que nos teña dado a vista en sábado. Canta prepotencia, canta soberbia barata se agocha detrás da nosa suposta luz! Cantas veces miramos por riba do ombreiro ás persoas que para nós son cegas porque son fráxiles, porque son maiores, porque son doutro país, porque... Certamente precisamos a luz de Cristo, e El quere dárnola, quere que sexamos as súas lumieiras desde a sinxeleza, a humildade e a nosa fraxilidade. A que esperamos para acollela?
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
Porque a túa luz, Señor, trae claridade á nosa vida, unímonos comunitariamente para dicirche:- Para que coma Igrexa deixemos que a luz de Cristo alumee as tebras da intolerancia, do silenciamento e do dominio das conciencias, OREMOS.
- Para que as nosas comunidades sexan pequenas lumieiras que transmitan a túa luz escoitando, acollendo, compartindo, erguendo, OREMOS.
- Para que cada unha e cada un de nós aproveitemos este tempo de Coresma para renovarnos interior e exteriormente aprendendo da mirada de Deus, que non se fixa nas aparencias, OREMOS..
FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO
Señor, que aprendamos a mirar coa profundidade dos teus ollos:
Unha mirada desde o corazón, sentíndonos persoas dispostas a axudar.
Unha mirada desde a solidariedade, descubrindo na outra persoa unha irmá.
Unha mirada desde abaixo, desde as persoas pobres e silenciadas.
Unha mirada crítica, de denuncia profética.
Unha mirada profunda, que non xulgue polas aparencias.
Unha mirada de compaixón, capaz de poñernos nos zapatos da outra persoa.
Unha mirada que nos permita descubrirte como camiño, verdade e vida.
Comentarios