Ir al contenido principal

17 Domingo TO A 2023

SEXAMOS CORAZÓNS ESCOITADORES PARA QUE A FE SEXA TESOURO, PERLA E RAPETA QUE RECOLLE, COIDA E ACOMPAÑA!!!!

Cantos

· Entrada.- Pedras vivas
· Lecturas.- As túa palabras, Señor ( 113 )
· Ofertorio.- Recibe Señor ( 31 )
· Comuñón.- Acharte presente ( 51)


Mirada agradecida

Compara Xesús no Evanxeo de hoxe o Reino dos ceos cun tesouro, cunha perla e cunha rapeta que vai recollendo peixes do mar. Volvemos ver entón que a linguaxe sinxela, pero clara, é fundamental para facerse entender; a linguaxe das parábolas. Isto indícanos que para El o importante é saber transmitir a alegría do seu proxecto de amor e salvación non nunha linguaxe de abstracción e filosófica, senón na linguaxe da vida; a linguaxe na que sempre falamos, a linguaxe que nos vai axudando a coñecernos unhas persoas a outras, a linguaxe que transmite que Deus é amor e misericordia. Amor e misericordia que han ser, sempre e sen excepcións, non o esquezamos, os sinais de identidade de quen nos chamamos seguidores e seguidoras seus.
Saibamos tamén nós, ao estilo do Mestre, ser sinxelos na maneira de transmitir e testemuñar a fe achegándonos aos demais desde a alegría de compartir o respecto por ser imaxe e semellanza de Deus.

Corazón misericordioso

· Por non vivir a fe coma un tesouro que temos que conservar e compartir. SEÑOR, QUE TEÑAMOS UN CORAZÓN ESCOITADOR.
· Porque nos falta sinxeleza no trato coas demais persoas; CRISTO, QUE TEÑAMOS UN CORAZÓN ESCOITADOR.
· Polas veces nas que nos faltou alegría e esperanza na vivencia da fe; SEÑOR, QUE TEÑAMOS UN CORAZÓN ESCOITADOR.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle: ‑"Pídeme o que queiras".
E dixo Salomón:
Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. Concédelle, pois, ó teu servo un corazón escoitador, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. ¿Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. E díxolle: ‑"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA DA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:
Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducírmo-la imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns. E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ás multitudes:
O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas: en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna.
Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de tódalas castes. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
‑¿Entendedes todo isto?
Eles responderon: ‑Entendemos.
El concluíu: ‑Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ó dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mailo vello.

Palabra remoída

· As parábolas volven ter hoxe un protagonismo central no evanxeo que vimos de escoitar. Unha centralidade que nos manifesta que para Xesús a linguaxe era fundamental. Porque a través dela facíase entender, á vez que comprendían canto lles quería dicir. El non utiliza nin medias palabras, nin mentiras, nin inexactitudes nin tampouco cambios de parecer. Xesús é claro cando fala, e por iso recorre ás parábolas, porque elas fan posible que de xeito sinxelo, explique, mostre, manifeste e transmita toda a fondura da súa mensaxe e do seu proxecto de esperanza e salvación. Non utiliza a linguaxe para crerse máis importante nin para enganar a quen o escoita. Ao contrario, fala con claridade e sempre, inda que isto lle traia máis dun contratempo, fai da verdade guieiro desde o que relacionarse coa xente.
· E faino así porque o seu corazón era un corazón escoitador, como nos dicía primeira lectura do libro dos Reis. Un corazón escoitador capaz de superar prexuízos, e achegar diferenzas, de relativizar tradicións e de querer, si querer, sen pedir contrapartidas. O corazón escoitador deste Deus ao que nós lle rezamos e en cuxas mans nos poñemos, é o corazón que latexa coa forza e a convicción de saberse comprendido, querido e sandado, a pesares dos atrancos e dificultades que van aparecendo na vida de cada día. Como precisamos de corazóns escoitadores na nosa sociedade, na nosa Igrexa, nas nosas parroquias, na...! porque só deste xeito seremos quen de humanizar á maneira de concretar e vivir a fe, e de abrirnos a descubrir que Deus non esgota o seu proxecto e a súa presenza na realidade material do que facemos. O aquí e alá, o inmanente e o trascendente de Deus, vanse manifestando e interrelacionando de xeito continuado para mostrarnos que sempre o temos da man.
· E é nesta presenza/ausencia desde a que nos invita a construír Reino; non un reino de poder e materialidade, corrupción e engano, senón un Reino de xustiza, de igualdade, de loita contra a discriminación; un Reino de tomar en serio que a fe non nos incapacita para estar no mundo, ao contrario, é desde ela desde como imos facendo posible que as cousas cambien, que deixen de ser nostalxia dun pasado que xa non vai volver, que non se pechen no socorrido apelo ao “sempre se fixo así”, que as tradicións e costumes non sexan simplemente casca que mostre que dentro non hai froito algún, que non desvirtuemos a grandeza dun proxecto de vida que nos dá sentido e evita caer na abulia de que non hai nada que facer e que a vida non ten sentido. Sexamos logo construtoras e construtores do seu Reino para que a fe sexa tesouro, perla e rapeta que recolle, coida e acompaña. Fagamos Reino que humanice este noso mundo tan precisado de acougo!

Oración compartida

Porque Deus é tesouro a enriquecer a nosa vida, unímonos para compartir e dicir: SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS O TEU REINO DESDE A PACIENCIA E A ESPERANZA.
· Para que a Igrexa non deixe nunca de mostrar a alegría do Reino de Deus co seu actuar fraterno, igualitario e respectuoso coa pluralidade e a diferenza. Oremos.
· Para que sexamos parroquias con corazón escoitador, que saiba confortar sen xulgar. Oremos.
· Para que nós, cada unha e cada un dos que hoxe estamos aquí,, non nos deixemos arrastrar polo pasado glorioso da Igrexa, e nos esforcemos de construír Reinado de Deus no hoxe e aquí no que estamos vivindo. Oremos.
Acompaña, Señor, este noso empeño de facer posible o teu Reinado no noso mundo. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Silencio agradecido

Deus chámanos a ser pedras especiais que dean forma ao templo da Casa común que todas e todos conformamos. Esa Casa común na que ninguén é imprescindible, pero todas e todos somos importantes. Somos pedras escollidas persoalmente por El, escollidas para ocupar cada unha o seu lugar, sen entorpecer nin desentoar nesta Casa poliédrica. O Construtor, Deus de alegría e con corazón escoitador, puxo a súa mirada agarimosa en nós. A construción ás veces é dolorosa, pero o resultado paga a pena. Cooperemos con El no seu traballo, desbastando o que El non quere, moldeando e pulindo o que El fai. Se nos centramos na súa xustiza, graza, amor, igualdade e forza, daremos forma a este gran proxecto inclusivo que Deus nos ofrece.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...