Unha fe celebrada desde a identidade recibida e compartida
CANTOS
Entrada.- Pedras vivas
Lecturas.- Canta o sol (22)
Ofertorio.- Na nosa terra ( 36)
Comuñón.- Eu soñei ( 58)
Mirada de agarimo
A festa de Santiago Apóstolo volve reunirnos ao redor do altar para compartir e celebrar a fe desde o amor á cultura e á lingua na que adoitamos expresarnos, e a unión fraterna á xente coa que cada día vivimos a fermosa experiencia de compartir unha mesma terra e unha mesma identidade.
Somos galegas e galegas que queremos dar grazas a Deus pola fe recibida e polo testemuño daquel que, sendo seguidor da primeira hora, é para nós referencia de fidelidade e compromiso evanxélico: o Apóstolo Santiago.
Comecemos con ledicia a celebración desta mañá.
Corazón misericordioso
· Por facer da precipitación e da présa eixes da nosa vida. SEÑOR, DÁNOS ACOUGO.
· Por deixar que os noso comportamentos nos afasten do Evanxeo. CRISTO, DÁNOS ACOUGO.
· Por ser excesivamente testáns nos noso erros. SEÑOR, DÁNOS ACOUGO.
Palabra proclamada
Proclamación da Palabra recollida na segunda carta de san Paulo Apóstolo ós Corintios
Irmáns e irmás:
levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece como forza de Deus, e non nosa. Apértannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito ‘’creo e por iso falo’’, tamén nós cremos e por iso falamos. Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda El. Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a gracia, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.
Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateo
Achegóuselle a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, postrándose para pedirlle algo. El preguntoulle:
-¿Que queres?
Respondeulle:
-Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle Xesús:
-Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
-Podemos.
Xesús replicou:
-O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.
O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
-Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos.
Palabra remoída
· De confianza en Deus faláballe Paulo aos Corintios na primeira lectura. A confianza daquelas persoas que saben que non son as présas as mellores compañeiras á hora de tomar decisións, á hora de pararse e pensar cal é o camiño polo queremos seguir, polo que queremos orientar a nosa vida. E moitas veces, non ter isto en conta, acaba levando a que trabuquemos camiño, decisións ou sentido que queremos para a nosa vida. E isto acaba sendo así porque esquecemos, como ben lle dicía Paulo aqueles cristiáns da primeira hora, somos de barro, por moito tesouro que teñamos e queiramos conservar. E ser de barro supón sabernos precisados dos demais, sabernos débiles, sabernos con capacidade de trabucarnos e trabucar a outras persoas. E como nos custa entender e asumir isto! Porque, como nos gusta mandar, impoñer, dirixir... sobre as demais persoas!; mesmo, as veces, queremos dirixir as decisións de conciencia doutras persoas. Como se nos considerásemos mellores ou moralmente superiores. De aí que Paulo lles diga, a modo de lección a non esquecer, a aquel grupiño de persoas cristiáns da primeira hora, como ha ser o seu testemuño de vida e fe: sede humildes, porque se o vaso de barro quebra, podemos acabar perdendo tamén o tesouro que contén: a fe.
· Sobre iso vai tamén o Evanxeo deste día. Os Zebedeos non tiñan a humildade como un valor nin como unha virtude a ponderar no seu comportamento, de aí que non se corten ao mandar a súa nai que se achegue a Xesús e pida para eles a diferenza respecto aos demais. É claro que o espírito de sinodalidade, diriamos hoxe , non ía moito con eles. Máis ben, querían situarse no que logo se converteu no carreirismo clerical de quen busca os primeiros postos, o poder, o mandar e dirixir aos demais, o tentar acadar sempre pare eles os primeiros postos, o darse importancia sentíndose diferentes, sempre por enriba, das demais persoas. E claro, iso si que non ía, por moito que dixeran que estaban dispostos ao que fose por acadalo, co sentido da mensaxe de Xesús, nin tampouco co testemuño que Del aprenderan e recibiran. Como tampouco vai coa liña pastoral que o papa Francisco quere hoxe para Igrexa, a pesares das voces contrarias ao seu maxisterio que non deixan de facer barullo e protestar pola perda dos seus privilexios.
· E a sinodalidade invita a miar para tódolos lados, a abrir os brazos e tender a mans para unir e camiñar sen exclusións, escoitando, prestando atención ao que se di, non buscando impoñer a opinión propia... a sinodalidade remite a ter sempre os oídos atentos, os ollos ben abertos e o corazón latexando con quentura de fraternidade. Porque só así se pode facer do Evanxeo camiño compartido de identidade e terra; de cultura e fala; de unión desde a que compartir fe e mais vida.
Oración compartida
Na festa de Santiago e no Día de Galicia, unimos palabra e corazón para dicir sentíndonos pobo:
GRAZAS POR SENTIRNOS POBO QUE COMPARTE FE E VIDA.
· Para que a Igrexa se esforce por respectar, valorar e utilizar a lingua dos pobos para celebrar a fe. Oremos. GRAZAS POR SENTIRNOS POBO QUE COMPARTE FE E VIDA.
· Para que nas nosas parroquias non deixemos de agradecer na nosa lingua as apertas de amor que Deus vai poñendo no noso camiñar comunitario. Oremos. GRAZAS POR SENTIRNOS POBO QUE COMPARTE FE E VIDA.
· Para que nós nunca sintamos vergoña da terra na que temos nacido, e do legado que nos teñen deixado, con tanto esforzo, os nosos antepasados: lingua, cultura e fe. Oremos. GRAZAS POR SENTIRNOS POBO QUE COMPARTE FE E VIDA.
Seguindo as pegadas do Apóstolo Santiago, Señor, tamén nós queremos camiñar na humildade e no servizo a quen nos precise. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Aloumiño agarimoso
A fidelidade á Palabra tamén esixe, en virtude da dinámica da encarnación, que a mensaxe se faga presente, na súa integridade, non só á persoa en xeral, senón tamén á persoa concreta, á persoa de hoxe, a quen agora se anuncia o mensaxe. Cristo fíxose contemporáneo dalgunhas persoas, falando a súa lingua. A fidelidade que se lle debe. esixe que continúe esta contemporaneidade.
En calquera proceso interpretativo, e máis aínda no que se refire á palabra de Deus, a persoa do intérprete non é allea ao proceso en si, senón que está implicado nel e posto en discusión con todo o seu ser (Paulo VI).
Comentarios