Ir al contenido principal

12 domingo TO 2023

Apostando por unha Igrexa en saída que se sabe chea de cruces

Cantos

Entrada.- Con ledicia vamos 2 )

Lecturas.- Escoita ao Señor  (15 )

Ofertorio.- Pan do ceo ( 53)

Comuñón.- Acharte presente na vida (51)

Mirada agradecida

Aprender, sen vitimismo de ningún tipo, a sabernos persoas humildes danos unha perspectiva da vida realista, sincera e con capacidade para entender que non somos resto espiritual para crernos mellores e desprezar aos demais.

Todas e todos nós recoñecémonos sempre con necesidade de mellorar, de cambiar, descubrir que nos precisamos, porque se prescindimos dos demais  non avanzaremos moito. Esta dose de realismo é a que nos leva a entender no evanxeo que hoxe imos escoitar. Xesús invítanos a poñernos no camiño da colaboración, do recoñecemento das persoas coma iguais, no esforzo por ser persoas xustas e sempre dispostas a tender a man a quen o precise

Fagamos logo deste encontro comunitario do domingo comida fraterna de pan e palabra, que nos empurran a non deixarnos vencer polo vitimismo de quen se sente perseguido para crerse mellor que as demais persoas.

Corazón misericordioso

• Por caer no vitimismo de pensar que os malos son os demais. SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
• Por xustificar a nosa desilusión culpando do que nos pasa aos outros. CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
• Por deixarnos levar polo medo e o infantilismo que nos fai crer peores ca os demais. SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.  

 

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

Un día que pasaba Eliseo por Xunam, unha muller rica porfioulle que quedase a xantar. Desde aquela, cada vez que pasaba por alí, detíñase a comer. A muller díxolle ó seu home: "Escoita, eu sei que ese home de Deus, que pasa sempre por aquí, é un santo varón. Podiámoslle preparar arriba no faiado un cuarto pequeno, cunha cama, unha mesa, unha cadeira e un candeeiro, para que poida descansar, cando pase por onda nós".

Un día que Eliseo pasaba por alí, retirouse ó cuarto e durmiu nel. Pero Eliseoinsistiu: "¿Que se pode facer por ela?". Guehazí dixo: "Unha cousa: ela non ten fillos, e o seu home é vello". 

Entón dixo Eliseo"Chama por ela". El chamouna, e ela presentouse onda a porta. Eliseo anuncioulle: "O ano que vén, por estas datas, terás un fillo no colo".

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus apóstolos:

Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conserva-la vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.

Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. E quen dea de beber a un destes pequenos, anque soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.

Palabra remoída

• A capacidade por saír de nós mesmos  vainos abrindo camiños nos que imos podendo recoñecer que ao noso lado hai persoas dispostas a axudarnos neste camiñar; persoas  que, sen pedir nada a cambio, o que non é doado nesta nosa sociedade marcada polo mercantilismo e o costume de poñerlle prezo a tódalas cousas, son quen de pararse e escoitarnos, compartir o seu tempo con nós, dedicarnos un sorriso ou unha palabra de alento, ánimo e esperanza. Si, inda que as veces nos custe recoñecelas, segue a haber persoas que nos mostran co seu actuar que pensar nos demais é posible, que non é un conto de ficción, que non é unha cousas doutros tempos. Segue a haber persoas que nos transmiten con convicción que outra maneira de relacionarnos, querernos e construír comunidade é posible.

 

• Moitas destas persoas están guiadas no seu actuar pola persoa de Xesús, polo seu testemuño de vida, pola súa proposta de amor e salvación que Nel, Deus, fixo posible a súa presenza. Porque Xesús non é nin unha figura lendaria nin tampouco un heroe de cómic, tan de moda nestes tempos. Xesús, facéndose coma nós, é persoa real de carne e oso; persoa de sufrimento e dor, pero tamén de esperanza e solidariedade; persoa, ao cabo, de presenza humanizadora que ao abeiro da misión que Deus lle encomendou, ofrécese como salvación e sentido da vida, máis alá do curtoplacismo tan ao uso nos nosos tempos. Fronte ás propostas do vivir a tope o presente sen pensar no mañá, en Xesús descubrimos un vivir atope o hoxe para ir facendo camiño cara ao mañá. Un mañá en plenitude e resurrección!

 

• O que nos leva a tomar en serio a maneira de vivir o amor. Descubrindo que o amor non pode vir marcado polo interese, polo que só a nós convén, polo goce momentáneo que logo se apaga, pola utilización das persoas como se non tivesen dignidade e merecesen respecto. No evanxeo Xesús danos hoxe unha mostra de que camiñar querendo telo a El como eixe e sentido da vida, supón pensar menos en nós –o que non quere dicir deixar de pensar en nós, só menos– para ir abrindo ventás desde as que poidamos ver que tamén están as demais persoas, e que non nos conformamos só con velas, senón que tamén somos quen de poñernos a súa par e camiñar ao seu carón, para, deste xeito, camiñar conxuntamente e ir facendo cousas que a todas e todos nos enriquezan. O proxecto de Xesús non se reduce ao eu, esixe, sempre e continuamente, ter o nós comunitario como referencia desde o que avanzar. Acaso non dicimos sempre que somos comunidade? Tomémolo logo en serio! 

 

Oración compartida

Porque a comunidade conforma o noso ser crentes, unímonos en oración para rezar dicindo: Aléntanos a ser camiño compartido.

• Para que sexamos Igrexa que sabe axudar e deixarse axudar, sen crerse perfecta. Oremos. Aléntanos a ser camiño compartido.

 

• Para que nas nosas parroquias non cansemos de traballar para que canto se faga sexa froito da colaboración e da participación de todas e todos. Oremos.Aléntanos a ser camiño compartido.

 

• Para que non caiamos no vitimismo de crer que os demais non nos queren, nos perseguen e nos exclúen, para así xustificar a nosa preguiza de non querer superarnos e buscar espazos de encontro e colaboración. Oremos. Aléntanos a ser camiño compartido.

Señor, que non deixemos de ser nunca camiño compartido que vai conformando comunidades fraternas, solidarias e cheas de esperanza. Por Cristo o noso señor. Amén.

Acougo interiorizado

O que se cre vítima desespera, porque se sente irremediablemente maltratado.Outras veces adopta a actitude de “non hai nada que facer”, “nada vale”, e repíteo unha e outra vez para convencerse. No seu corazón crece o odio cara aos demais, aos que considera responsables dos seus sufrimentos e da súa mala sorte. Ten unha necesidade patolóxica de ser sempre eloxiado constantemente.

vitimismo pode nacer, en moitos casos, do medo a recoñecer as propias faltas. A vítima non se atreve a dicir: “É culpa miña. E teño que afrontar o meu fracaso, o meu problema, con valentía, de cabeza, sen queixas nin arrepentimentos. Vou comezar de novo, se é necesario; Rectificarei, se procede; Vou pedir axuda ou consello a outras persoas de confianza, para saír desta situación”. En vez de defender o feito, prefire enrolarse sobre si mesmo coma un caracol e pechar a súa casa coa baba endurecida do seu rancor. ( Tomás Trigo.  la-confianza-en Dios-evita-el-victimismo)

Comentarios

Chango ha dicho que…
Iste é o guion para o Domingo 13, non o 12.
Unha aperta

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...