A SÚA MISERICORDIA ESTÉNDESE DE XERACIÓN EN XERACIÓN
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
MIRADA AGRADECIDA
Celebramos hoxe en toda a Igrexa a III Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores baixo o lema “A súa misericordia esténdese de xeración en xeración”. É un día para poñer no centro da nosa celebración ás persoas maiores, coas súas vidas cheíñas de experiencia e sabedoría, que tanto nos teñen que ensinar e das que tanto temos que aprender.
Porque unha sociedade que prescinde das persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que invisibiliza ás persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que utiliza ás persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que se esquece das persoas maiores é unha sociedade enferma; unha sociedade que agocha ás persoas maiores é unha sociedade enferma.
E nós queremos sociedades sanas e plurais, sociedades nas que todas as persoas, sexa cal sexa a súa idade, teñan cabida; sociedades nas que as vidas das persoas maiores sexan valoradas coma o que son: unha fonte de experiencia e de sabedoría.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
* Porque moitas veces nós tamén discriminamos e apartamos, xogando a ser pequenos deuses, SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR.
* Porque moitas veces nós tamén caemos no pesimismo e no andanzo de sentir que xa o demos todo e non temos forzas para comprometernos, CRISTO, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR.
* Por non saber agradecer o que as persoas maiores fan por nós; SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA ACOLLEDOR.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
Non hai, fóra de ti, un Deus que se considere de todas as cousas, a quen tiveses que probar que non xulgaches inxustamente; Xa que o teu poder é a fonte da xustiza, seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente. Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder confundindo a audacia dos que o coñecen; así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio gobernándonos con toda consideración, pois na man tes o poderío cando queres. Tamén o xusto debe ter misericordia .Con feitos semellantes ensinaches ó teu pobo que ó xusto lle cómpre ser humano; e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedir o que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO EVANXEO DE MATEU
‑Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo". Os criados preguntáronlle: "¿Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ó collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca". Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
Tal e como nos lembra Francisco na súa mensaxe para a III Xornada Mundial das Persoas Avoas e Maiores:
· A visita de María a Isabel e a conciencia de que a misericordia do Señor transmítese dunha xeración á outra revelan que non podemos avanzar —e moito menos salvarnos— sós e que a intervención de Deus maniféstase sempre no conxunto, na historia dun pobo. Para acoller mellor o estilo de actuar de Deus, lembremos que o tempo ten que ser vivido na súa plenitude, porque as realidades máis grandes e os soños máis fermosos non se realizan nun momento, senón a través dun crecemento e unha maduración; en camiño, en diálogo, en relación. Por iso, quen se concentra só no inmediato, en conseguir beneficios para si rápida e avidamente, en ter “todo enseguida”, perde de vista o actuar de Deus. O seu proxecto de amor, pola contra, atravesa pasado, presente e futuro, abraza e pon en comunicación as xeracións. Para os máis novos trátase de ir máis aló desa inmediatez na que se confina a realidade virtual, a cal moitas veces distrae da acción concreta; no caso das persoas maiores trátase de non facer fincapé nas forzas que decaen e de non lamentarse polas ocasións perdidas. Miremos cara a adiante. Deixémonos plasmar pola graza de Deus que, de xeración en xeración, líbranos do inmobilismo no actuar e dos remorsos do pasado.
· O camiño de María e a acollida de Isabel abren as portas á manifestación da salvación. A través do seu abrazo, a misericordia de Deus irrompe cunha gozosa mansedume na historia humana. Non deixemos soas ás persoas maiores, a súa presenza nas familias e nas comunidades é valiosa, dános a conciencia de compartir a mesma herdanza e de formar parte dun pobo no que se conservan as raíces. Si, son as persoas maiores as que nos transmiten a pertenza ao Pobo santo de Deus. Tanto a Igrexa como a sociedade necesítanas. Entregan ao presente un pasado necesario para construír o futuro. Honrémolas, non nos privemos da súa compañía e non as privemos da nosa; non permitamos que sexan descartadas.
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
Sendo Deus esperanza e vida, fagámoslle o agasallo da nosa oración comunitaria desde a vida que compartimos dicindo:
QUE POÑAMOS EN MARCHA A REVOLUCIÓN DA TENRURA
· Para que a Igrexa que formamos todas e todos nós Señor sexa motor dunha revolución da tenrura que coloque ás persoas no centro, OREMOS.
· Para que nas nosas comunidades as persoas maiores se sintan queridas, acollidas, escoitadas e necesarias, OREMOS.
- Para que nós nunca caiamos na tentación do edadismo, discriminando, utilizando, arrinconando ou invisibilizando ás persoas maiores nas nosas familias, nas nosas comunidades, na sociedade, OREMOS.
Nas túas mans poñemos este momento de oración comunitaria, coa convicción de que a escoitas, alentas e acompañas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Virxe María,
Nai de fe e de esperanza,
modelo para esta humanidade repregada pola indiferenza,
faime persoas dispoñibles coma Ti
para aceptar a vontade de Deus,
para proclamar e encomiar a súa Misericordia.
María, Nai de fortaleza,
Ti que coñeces o noso corazón
non permitas que nos desalentemos.
Entregamos confiadamente as nosas vidas nas túas mans.
Cura as nosas feridas,
que a túa tenrura nos acompañe no camiño.
Que a túa presenza, Nai de amor
nos leve a experimentar a alegría
de ver ás nosas familias unidas.
Axúdanos a transmitir a tenrura e o Amor de Deus
ás crianzas e á mocidade
para que, ademais de rezar con eles e con elas,
podamos rezar xuntos.
Intercede por nós, María, o don do Espírito Santo,
que nos sosteña na nosa debilidade;
infunda no noso corazón o consolo
para poder deixar pegadas de fe entre a mocidade,
o testemuño da beleza da vida,
a certeza de que esta ten un límite
e que máis aló nos espera o abrazo do Pai.
Amén.
Comentarios