Ir al contenido principal

24 domingo do TO A 2023

NON REDUZAMOS O PERDÓN A UNHA PALABRA BALEIRA. DEIXEMOS TRANSFORMAR O CORAZÓN

CANTOS

·      Entrada.- Arrepentido (13 )

·      Lecturas.- Escoita ao Señor ( 15)

·      Ofertorio.-  Recibe Señor ( 31 )

·      Comuñón.- Ti es camiño e verdade ( 57)

 

MIRADA AGRADECIDA

A palabra perdón é unha desas palabras que, a forza de usala tantas e tantas veces, acaba por perder sentido e forza. Para evitalo debemos esforzarnos porque sexa froito da reflexión, da revisión de comportamentos e actitudes, das gañas e esforzo por cambiar e deixar atrás, de verdade e non teoricamente, todo canto sabemos que foi fonte de desacougo, tristura, desesperanza e dor provocado ás demais persoas e tamén a nós.

O ata setenta veces sete  que escoitaremos  de Xesús quere facernos caer na conta que, sendo difícil, ninguén o pode negar, supón e esixe esforzo permanente para que non quede nunha simple intención. O perdón, concedido ou recibido, é sempre experiencia renovadora e alegre.

Comezamos logo hoxe poñéndonos en disposición de facer do perdón experiencia gozosa e sandadora da nosa vida.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por non deixar que o perdón entre no corazón. SEÑOR, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.

·      Por non ter acadado unha experiencia liberadora do perdón. CRISTO, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.

·      Por non converter o perdón nunha actitude leda e gozosa en nós. SEÑOR, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Xenreira e asañamento son de aborrecer;

o pecador é quen os posúe.

Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,

pediralle razón estreita dos seus pecados.

Perdóalle a inxuria ó teu próximo

e entón ó pregares seranche perdoados os teus pecados.

Home que lle garda a outro xenreira,

¿como lle vai pedir ó Señor que o cure?

De alguén que é coma el non se apiada,

¿e vai rogar polos seus pecados?

Se el, que é carne, mantén a ira,

¿quen lle vai expia-las súas culpas?

Pensa na fin e deixa de asañarte,

recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.

Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,

recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.

Tente lonxe das rifas e minguara-los pecados

pois é o home iracundo quen acende as liortas

e o home pecadento quen perturba ós amigos

metendo a disputa entre os que se levan ben. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Irmáns e irmás:

Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si. Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor. Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para ser dono dos mortos e dos vivos. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Pedro, achegándose a Xesús, preguntoulle:

‑Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:

‑Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo face-las contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:

‑¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!

O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

‑Paga o que me debes.

Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:

‑Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

‑¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. ¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?

E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán. Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

·      O perdón é o contrapunto á vinganza. O primeiro é sandador, renovador, gozoso e capaz de retomar camiños e volver a comezar; a segunda non produce máis que dor, tristura e insensibilidade no corazón da persoa. O perdón sanda. A vinganza é coroza que endurece e dana. No mundo no que nós vivimos cuestiónase moito está visión cristiá da vida que pon o perdón como eixe de todo cambio, de camiños retomados, de recoñecemento de erros e gañas e esforzo por cambiar e volver comezar. Porque este mundo, que entre todas e todos imos construíndo, é un mundo insensible. Por moito que as emocións se convertan en primeiros planos de cámaras de televisións ou obxectivos fotográficos. A insensibilidade da que nos imos rodeando é incapaz de entender que as persoas poden/mos arrepentirse/nos, comezar de novo, deixar a atrás comportamentos e actitudes negativas anteriores. A dureza na que imos crecendo e vivindo fai que a pedagoxía de quen pide perdón sinceramente e de quen o concede con alegría, non só non se entenda senón que tamén se critique e menosprece. Pero, como acabamos de escoitar, a palabra de Deus insiste a tempo e a destempo: o perdón segue a ser hoxe tamén posible.

 

·      A clave para camiñar nesta pedagoxía, hoxe tan novidosa e rompedora, dánola Paulo neste pequeno parágrafo que acabamos de escoitar da carta que lle escribe aos Romanos: Non vivir pensando só en nós, con nós e para nós; é dicir, vivir sen crernos o centro do universo. Influencers da egolatría. E para iso é necesario esforzarnos por saír das nosas propias ensoñacións e narcisismos, das nosas fantasías irreais de crernos os e as mellores sempre e por riba das demais persoas, para comezar a camiñar con sinxeleza, recoñecendo as nosas imperfeccións e erros, e estando en disposición de buscar cambiar, de esforzarnos por non ser sempre o centro de todo, por recoñecer que as demais persoas fan cousas ben, e inda que se equivoquen, coma nós, tamén teñen dereito a rectificar, a cambiar, a poñerse de novo en camiño. Claro que iso non é doado, porque estamos tan afeitos e  afeitas a que nos rían e aplaudan as nosas propias “ocurrencias” sempre, que xa non temos espazo para ninguén máis que para o noso eu. Porén, Paulo déixao ben claro: Só vivindo  para o Señor, e desde El, para os demais, seremos quen de entender que o perdón é alegría, é cambio, é humildade e sempre, sempre empatía solidaria para coas demais persoas.

 

·      E a guinda de toda esta pedagoxía do perdón ofrécenola Xesús coa parábola que hoxe nos propón. Unha parábola que pon de manifesto a nosa propia incoherencia no xeito de actuar. Porque nós, o mesmo que os protagonistas da parábola, tamén somos quen de practicar o que se chama a lei do funil: o ancho para nós e o estreito para os demais. Aplicado a canto vimos dicindo supón ser, e que sexamos, moi condescendentes con nós para non selo coas demais persoas. Como lle ocorreu a un dos protagonistas do evanxeo que vimos de escoitar. Porén, Xesús fai fincapé en que o perdón supón sempre un dobre movemento de ida e volta. Non podemos pedir para nós o que non estamos dispostos nin dispostas a conceder aos demais. Pensemos logo sobre esta palabra que hoxe temos escoitado e fagamos o esforzo de pasala pola nosa vida, pola nosa experiencia cotiá, por canto facemos e dicimos no noso quefacer diario. Non nos vitimicemos facendo sempre verdugos aos demais.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

O Deus do perdón e da misericordia invítanos a gora a compartir a nosa oración comunitaria dicindo: 

SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS DE PERDÓN

·      Para que na Igrexa saibamos recoñecer a sinceridade de quen recoñece o seus erros, e superemos a tentación de crernos mellores e superiores moralmente aos demais. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS DE PERDÓN.

·      Para que no noso día a día veciñal e parroquial non deixemos de ser persoas misericordiosas e sensibles ao perdón que os demais nos solicitan. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS DE PERDÓN.

·      Para que na nosa vida  saibamos camiñar na pedagoxía do perdón que nos ofrece Xesús, superando a tentación de caer no retrouso do rancor e a vinganza. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS DE PERDÓN.

Señor, fainos xente de ben; xente de perdón e misericordia. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

ACOUGO INTERIORIZADO

“Pedro achégase a Xesús…a súa pregunta non é mesquiña, senón enormemente xenerosa: se o meu irmán me ofende, cantas veces lle teño que perdoar? Á resposta de Xesús é contundente…has perdoar sempre, en todo momento de maneira incondicional. Ao longo dos séculos quíxose rebaixar de moitas maneiras o dito por Xesús: “perdoar sempre, é prexudicial; alenta ao ofensor; hai que esixirlle primeiro arrepentimento”. Todo isto parece moi razoable, pero oculta e desfigura o que pensaba e vivía Xesús. Hai que volver a El. Na súa Igrexa fan falta homes e mulleres que estean dispostos a perdoar coma El, introducindo entre nós o xesto de perdón en toda a súa gratuidade e grandeza. E o que mellor fai brillar o rostro de Cristo”. (Pagola)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...