Ir al contenido principal

25 domingo TO A 2023

Libres para elixir se emigrar ou quedar

Cantos

Entrada.- Que ledicia (4 )

Lecturas.- As túa palabras ( 113 )

Ofertorio.- Acharte presente (51 )

Comuñón.- Déixate querer ( 61 )

Pórtico

            As comunidades cristiás que conformamos a Igrexa celebramos hoxe a Xornada Mundial da Persoa Migrante e Refuxiada. Unha Xornada que este ano xira ao redor da liberdade como opción e decisión de vida. Só cando unha persoa é libre para tomar decisións poderemos entender as razóns que a levan a saír da súa terra e poñerse en camiño deixando moitas veces atrás a súa familia e todo canto ata ese momento formara parte da súa vida. Para que a liberdade sexa o único que mova ás persoas a migrar precísase coñecer cales son as causas das migracións, sabendo que moitas delas son forzades e non libres.

            Neste mañá na que nos reunimos para compartir a oración comunitaria, preguntémonos se somos quen de superar prexuízos culturais, sociais ou identitarios, que tantas veces nos impiden ver ás persoas como e quen somos: Fillas e fillos de Deus para, desde esta convicción, camiñar sempre na comuñón e non na exclusión 

Perdón

·      Para que superemos prexuízos que nos levan a diferenciar entre persoas. SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTARNOS COMO FILLAS TÚAS E FILLOS TEUS.

·      Para que  non caiamos na tentación de discriminar e diferenciar ás persoas. CRISTO, QUE APRENDAMOS A RESPECTARNOS COMO FILLAS TÚAS E FILLOS TEUS.

·      Para que as nosas decisións non se deixen levar nin da présa nin do arrouto. SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTARNOS COMO FILLAS TÚAS E FILLOS TEUS.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Buscade o Señor mentres se deixa atopar,

invocádeo mentres está cerca.

Que o malvado deixe o seu vieiro,

e que o home pecador (deixe) os seus plans,

que se volva ó Señor para que teña misericordia del,

que (se volva) ó noso Deus

que ¡tanto engrandece ó perdoar!

Pois si, os meus plans non son os vosos plans,

nin os vosos vieiros son os meus vieiros

‑é o Señor quen fala‑.

¡Canto máis altos son os ceos cá terra!

Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,

e os meus vieiros do que os vosos vieiros. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES

 

Irmáns e irmás:

Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.

Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia. Ora, como vivir neste mundo me permite  traballar con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor. Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo

Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos esta parábola:

O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:

‑Ide vós tamén á miña viña, e daréivo-lo xusto.

Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:

‑Pero, ¿que facedes aquí, todo o día sen traballar?

Eles responderon:

‑É que ninguén nos contratou.

El díxolles entón:

‑Ide vós tamén á miña viña.

Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:

‑Chama os xornaleiros e págalle-lo xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.

9Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. O recibilo, murmuraban contra o propietario:

‑Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturámo-lo peso e a caloraza do día.

Pero el replicoulle a un deles:

‑Amigo, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, ¿non teño dereito a face-lo que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.

 

Ecos da Palabra

·      Buscar e atopar son dúas palabras en relación de continuidade. Só quen é capaz de poñerse en actitude da busca, de coñecer máis e mellor, de saír do inmobilismo que tantas veces nos invade pode descubrir outras formas, modos, momentos e situacións que nos axudan a comprender o que se agocha detrás das persoas e das situacións nas que viven. Neste día no que se nos invita a revisar as nosas actitudes e as nosas miradas en relación coas persoas que teñen que migrar ou escapar, tamén podemos preguntarnos se na nosa vida somos quen de poñernos en actitude de busca. Unha actitude que, cando é sincera, ponnos en situación de coñecer e saber sobre persoas e situacións nas que elas viven, afastando de nós a tentación de ser persoas que se deixan manipular ou formar opinión polo que outros, moitas veces interesados, contan, din ou manifestan. Sexamos logo quen de sabernos poñernos en actitude de busca, para que poidamos atopar todo canto nos axude a entender ás persoas, e non a xulgalas.

·      E nese dobre movemento de busca e encontro, quen nos ha mover sempre non pode ser outra que a persoa de Xesús de Nazaret. Aquel que pasou facendo o ben sen diferenciar cores, razas, linguas, status ou lingua. O Xesús que non deixa de proclamar que só desde o sabernos iguais, poderemos sentírmonos, e selo realmente, irmáns e irmás afastados dos prexuízos e das manipulacións interesadas respecto das persoas. Só sabendo poñer a Xesús no centro de todo canto nos guía, seremos quen de aprender a poñernos en camiño e construír unha sociedade máis tolerante, igualitaria e xusta.

 

·      Entendemos logo a razón que leva ao home da parábola que temos escoitado no evanxeo de hoxe, a contratar aos traballadores a todas e calquera hora, e en igualdade, tratándoos co mesmo respecto e dignidade que todos eles sempre merecen. 

Neste noso mundo tan cheo de intereses e pouco dado a pensar nas persoas como centro e razón de ser de canto facemos, que importante é non desviarnos do vieiro desta acollida igualitaria, e sempre respectuosa, da que nos fala Xesús desde a parábola do evanxeo de hoxe. Unha vez máis a Palabra de Deus, vén na noso axuda para iluminar este noso camiñar, tantas veces desenvolvido entre os luscos e fuscos da nosa vida.

 

Oración compartida

Deus convócanos a unir palabra, corazón e acción nesta oración comunitaria que nos invita a rezar xunt@s dicindo: 

SEÑOR QUE A EXCLUSIÓN NON ALENTE O NOSO ACTUAR.

·      Polo Papa Francisco, para que siga a promover e alentar, sen cansar, unha Igrexa ao estilo de Xesús. Oremos.

·      Para que as persoas que gobernan pobos e nacións non fagan da exclusión criterio de gobernanza, nin alenten actitudes de rexeitamento cara ás persoas migrantes e refuxiadas. Oremos.  

·      Por tódalas persoas que perderon a vida, no mar ou noutras rutas de migración, buscando unha situación persoal e familiar mellor. Para que o colo de Deus as teña acollido da friaxe dos nosos prexuízos e barreiras, Oremos  

Acolle e acompaña Señor a nosa oración comunitaria de hoxe. Axúdanos para que non teñamos nunca actitudes de rexeitamento para coas persoas. Por Cristo o noso Señor. Amén.

  

Palabras que alentan

Deus, Pai Todopoderoso,

concédenos a graza de participar activamente

a favor da xustiza, a solidariedade e a paz,

para que a todos os teus fillos e as túas fillas se lles asegure

a liberdade de escoller se migrar ou quedar.

Concédenos a coraxe de denunciar

tódolos horrores do noso mundo,

para loitar contra toda inxustiza

que desfigura a beleza das túas criaturas

e a harmonía da nosa casa común.

Acompáñanos coa forza do teu Espírito,

para que poidamos manifestar a túa tenrura

a cada persoa migrante que pos no noso camiño

e espallar nos corazóns e en todos os ambientes,

a cultura do encontro e do coidado. ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...