VIVIR A CRUZ COMO PERSOAS PORTADORAS DUNHA ESPERANZA FINAL
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
OFERTORIO: No colo da miña nai (Nº 49)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
SITUÁNDONOS
Vivimos nunha sociedade que, cada vez máis, evita o sufrimento e a renuncia. A civilización do confort e da comodidade que estamos construíndo non quere escoitar falar diso, e así pouco a pouco imos revestindo o noso corazón dunha coraza para que sexa o máis insensible posible. Así non sufrimos, xustificámonos. Mais iso vainos convertendo en persoas frías e mesmo inhumanas.
Porque, que dicir dunha sociedade que silencia e arrincona ás persoas maiores?, que dicir dunhas xeracións de familias que cortan o máis axiña posible a comunicación intrafamiliar, aínda que vivan xuntos, para evitar conflitos e vivir con maior tranquilidade?, que dicir de quen non sen detén diante dos dereitos máis elementais das persoas, actuando sen ningún escrúpulo, movidos só polo éxito económico, polo triunfo social ou polas ansias de posuír?. Que dicir dunha sociedade incapaz da máis mínima renuncia cando contempla na beirarrúa de enfronte a millóns de persoas que non teñen o básico para vivir?. Non estaremos estropeando a nosa propia vida?. As palabras de Xesús “Quen queira vir comigo, que renegue de si mesmo, que cangue coa súa cruz e que me siga”, moitas veces rexeitadas e desprezadas coma unha moral de xente escrava, poden cobrar de novo toda a súa actualidade e Boa Nova. Que a celebración que agora comezamos nos axude a abrírmonos a Aquel que quere motivar os nosos retos e proxectos.
PEDIMOS PERDÓN
Porque seguimos sen ser capaces de descubrirte na dor da persoa enferma, na tristura da persoa desesperanzada, na mirada perdida da persoa que se sinte sola ou no tempo que non queremos compartir con quen precisa de nós, dicímosche, SEÑOR, A NOSA ALMA TEN SEDE DE TI.
Porque seguimos crendo que o sentido da vida está en ter cartos, poder e prestixio, sen dar entendido que a vida só ten sentido cando se gasta e se desgasta para facer felices aos demais, dicímosche, CRISTO, A NOSA ALMA TEN SEDE DE TI.
Porque son moitas as veces nas que nos deixamos levar (non sei, non podo...) e renunciamos a seguir o camiño que Ti nos marcas, pois supón esixencia, esforzo e compromiso, dicímosche, SEÑOR, A NOSA ALMA TEN SEDE DE TI.
O AGASALLO DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS
Señor, seducíchesme e deixeime seducir;
collíchesme e puideches comigo.
Sirvo a cotío de burla;
a destrución é o meu pan.
Sempre que falo, teño que proclamar:
¡Desastre!;
teño que clamar: ¡Destrución!
A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.
Se digo: "Non me vou acordar máis del, non falarei máis no seu Nome",
entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,
un lume prendido nos meus ósos;
fago forza por apagalo, pero non son capaz.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÁOS ROMANOS
Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual. E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
¡Arreda de min, Satán! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE DÁ VIDA
Poucos aspectos do Evanxeo foron e son tan distorsionados e desfigurados coma a chamada de Xesús a “tomar a cruz”. Moitas persoas teñen ideas confusas sobre a actitude cristiá a adoptar diante do sufrimento. Hai quen lle bota a culpa a Deus de todo o malo que hai no mundo e utiliza esta escusa como xustificación para non crer nel. A sentencia tan escoitada de que “se Deus existise non permitiría que ninguén morrera de fame”, “se Deus existise non permitiría as guerras”, “se Deus existise non permitiría as catástrofes naturais”, “se Deus existise....” é utilizada por moitas persoas como argumento para xustificar o seu afastamento da fe. Por outra banda, tamén hai demasiados profetas de calamidades dentro da nosa Igrexa que se regodean no sufrimento (sobre todo no alleo) para utilizalo como camiño de salvación, polo que non son tampouco infrecuentes sentencias do tipo “hai que sufrir para gañar a vida eterna”, “a enfermidade é unha proba de Deus”, “canto máis se sufra aquí, mellor”... Sen decatarnos (ou o que é pior, decatándonos) estamos a presentar unha idea de Deus falsa, moi afastada da que nos presenta Xesús que nos fala de Deus como un Pai ou unha Nai que non quere o sufrimento, senón que o quere é acompañarnos no sufrimento, que é ben distinto. É un erro crer que unha persoa sigue máis de cerca a Xesús se busca sufrir sen necesidade ningunha, pois o que lle agrada a Deus non é o sufrimento senón a felicidade.
Porque se algo chama a atención do evanxeo que vimos de proclamar neste domingo é o feito de que Xesús afirma que para seguilo hai que cargar coa cruz persoal. É algo moi significativo e moi esperanzador. En ningún momento di que as persoas que o seguimos temos que ser perfectas, sen mancha. Non. Porque nos coñece polo noso nome, porque recoñece o noso rostro, tamén sabe das nosas teimas, das nosas neuras, das nosas fraxilidades e das nosas debilidades. E malia isto, chámanos alto e claro para que, desde a nosa liberdade, o sigamos. Porque nos quere, porque só quere a nosa felicidade.
E seguilo implica tamén axudar a levar as cruces de quen camiña con nós. O individualismo é tamén unha cruz grande na nosa sociedade, unha cruz da que temos que desprendernos. Ao noso lado hai moitas persoas oprimidas por cruces que entre todas e todos nós imos cangando nos seus ombreiros: persoas paradas, persoas enfermas, persoas maiores, crianzas abusadas, mulleres utilizadas como obxectos de pracer.... Non é de recibo que lles deamos as costas. Porque moitas veces buscamos unha vivencia cómoda da fe, collemos o que nos interesa e rexeitamos o que nos complica a vida. Por iso entendemos actitude de Pedro, a quen, coma a nós, lle gustan os aspectos amables do seguimento, pero non o sacrificio. Gústalle o Tabor, pero non o Calvario. A nós, pásanos o mesmo. Hoxe somos convidadas e convidados a vivir a cruz como persoas portadoras dunha esperanza final. Velaí o cerne da cuestión.
REZAMOS EN COMUNIDADE
Poñémonos agora nas mans de Deus, que nos ama e digámoslle:
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Pola Igrexa, para que poñendo sempre á persoa no centro do seu actuar, entenda que a está chamada a gastarse e desgastarse no servizo incondicional, humilde e sinxelo a prol de toda a xente, sen ningún tipo de excepción, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Polas nosas comunidades, para que non convertamos a fe en algo baleiro e estéril, senón que pola contra, sexa o motor que nos leve a traballar por un mundo mellor, no camiño da fraternidade, da xustiza e do amor, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Por tantas e tantas persoas crucificadas no mundo de hoxe, para que sexamos quen, desde a nosa opción por Xesús, de axudarlle a levar a súa carga, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Grazas, Señor, por quereres que a fe sexa a luz que alumee o noso camiño e non un conxunto de normas inútiles que constitúan unha pesada cruz sobre os nosos ombreiros. PXNS. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
Permítenos orar,
non para obter protección contra os perigos,
senón para afrontalos sen temor.
Permítenos pedir,
non alivio á nosa dor,
senón o valor de superala.
Permítenos buscar no campo de batalla da vida,
non persoas aliadas,
senón a propia fortaleza.
Permítenos non suplicar, temerosos e temerosas, pola nosa salvación;
pero si ter paciencia para conseguir a nosa liberdade.
Concédenos,
sentir a túa misericordia nos nosos triunfos.
Deixa que, nos nosos fracasos, atopemos a aperta da túa man.
Comentarios