Ir al contenido principal

1 coresma B 2024

Un corazón roto, ti, Señor, non o desprezas

Cantos

Entrada.- Unha certeza nos guía ( 60) 

Lecturas.- Améstrame, Señor ( 20) 

Ofertorio.- Ergo os meus ollos ( 112) 

Comuñón.- Xesús chamado amigo (  )

Sinal

          Celebramos o primeiro domingo de coresma, e con el presentamos un sinal que nos pode ir axudando a marcar  este tempo penitencial que comezamos o mércores da cinsa.

         Propoñemos unha lenda: “ Un corazón roto, ti, Señor, non o despreces” debaixo dela, ao longo dos cinco domingos, iremos configurando un corazón. A tal fin, cada domingo engadiremos unha parte, de xeito que ao final da coresma teremos conformado todo o corazón.

        

Ollos abertos

 

            Comezamos un novo tempo litúrxico este domingo, a coresma. Corenta días nos que se nos invita a ir revisando as nosas actitudes e comportamentos, para chegar á Pascua co corazón aquecido e reconfigurado. Si, porque son moitas as veces nas que se nos rompe e arrefría por mor de decisións e comportamentos equivocados, que nos fan e fan sufrir tamén ás demais persoas.

         Dispoñámonos entón a facer este percorrido polos vieiros da conversión, da renovación e do cambio interior, para que a coresma sexa tempo de transformación e non simple rutina herdada dos nosos antepasados.

 

 

Corazón misericordioso

 

Ø Por ferir coa nosa palabra. Señor, aquece o noso corazón.

Ø Por impoñer coas nosas actitudes. Cristo, aquece o noso corazón.

Ø Por esquecer a palabra dada. Señor, aquece o noso corazón.

 

Palabra Proclamada

 

Lectura do libro da Xénese 9, 8-15

 

Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:

—«Vou establece-la miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con

tódolos animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas

do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.

Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida

ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a

terra.»

E Deus engadiu:

—«Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con tódolos seres

vivos que vos fan compaña, para tódolos tempos: Poño o meu arco nas

nubes, sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e

apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con tódolos seres

vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.»

Palabra do Señor.

 

Lectura da primeira carta do apóstolo san Pedro 3, 18-22

 

Benqueridos irmáns e irmás:

Cristo morreu unha vez polos vosos pecados, o xusto polos pecadores, para

vos achegar a Deus; sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

Foi daquela cando lles foi proclama-la salvación mesmo ós espíritos

encadeados, que foran rebeldes, cando, nos tempos de Noé, Deus, cheo de

paciencia, estábaos agardando, mentres se construía a arca; dentro dela, uns

poucos, en total oito persoas, salváronse pola auga; esta auga simbolizaba o

bautismo que vos salva a vós, non por ser unha limpeza do corpo lixoso,

senón por se-lo compromiso con Deus dunha conciencia honrada, pola

mediación de Xesús Cristo resucitado, que subiu ó ceo e está á dereita de

Deus, despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.Palabra do Señor.

 

Lectura do santo Evanxeo segundo Marcos 1, 12-15

 

Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ó deserto. Alí permaneceu

corenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras, e servíano os anxos.

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova

de Deus, dicindo:

—«O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e

crede na Boa Nova.» Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

 

Ø    Coresma, tempo de deserto: O deserto desta coresma que estamos a comezar, escoitamos na primeira lectura que Deus sae ao encontro de Noé que conforma con el unha Alianza, un compromiso de responsabilidade mutua, que Noé asume no nome do pobo. Desde ese compromiso entre Deus e pobo, Israel foise configurando como Pobo de Deus que se sabe acompañado e acollido polo agarimo e a tenrura de Deus. Hoxe, neste noso dous mil vinte e catro, aquel Pobo de Deus virou en comunidade eclesial que tamén camiña na Alianza que, en Xesús, Deus estableceu para dar horizonte e sentido ás nosas vidas. Desde esta Palabra proclamada, a coresma convértese en momento especialmente importante e de revisión e esixencia por parte de cada unha e cada un de nós, porque Deus volve saír ao noso encontro cos brazos abertos e en disposición de darnos a mellor e máis grande das apertas; unha aperta sempre enchoupada de misericordia, e con capacidade de acoller e sempre escoitar e acompañar. Non é entón un Deus que se queda na distancia e espera que nós nos acheguemos, ao contrario, El está sempre en disposición de saír ao noso encontro e dicirnos: quérovos/ quérote, ven. Que camiñemos para que, deixando atrás a aridez do deserto coresmal, saibamos descubrir a súa presenza para deixarnos acompañar polo seu proxecto de renovación.

 

Ø    Coresma, tempo esforzo e renuncia.- Neste camiñar ao longo do deserto coresmal, imos descubrino actitudes, comportamentos, xestos, palabras, ausencias, invisibilidades, ignorancias, soberbias, dureza de corazón... que acabaron creando en nós unha coroza de insensibilidade e dureza de corazón, de tal xeito que supuxo que o noso corazón se fose resquebraxando. Este tempo coresmal ten que supoñer pola nosa parte un esforzo por ir deixando atrás todo iso que foi deixando pegada negativa en nós; á vez que nos ía afastando do abeiro de quen temos ao lado e da presenza do Deus amor, que en Xesús nos tende constantemente a man. Por iso, ao longo destes corenta día dásenos a oportunidade de cambiar, revisar, renovar... e volver comezar. Porque, inda que nos custe entendelo, namentres nós facemos do rancor unha actitude que nos custa botar fóra de nós; Deus ofrécenos, unha e outra vez, novas oportunidades para comezar de novo e mirar cara adiante. O futuro está por escribir, e nós somos os seus protagonistas. Non lle deamos entón as costas a este proxecto tan ilusionante que volve poñer diante nosa.

 

Ø    Coresma, tempo de encontro con Xesús.- Porque o deserto non é lugar de chegada, senón lugar de paso, non debemos estancarnos nel; ao contrario, estamos chamados a superalo, a andar cara adiante, de non pararnos sen avanzar. Sendo lugar de paso, o noso horizonte ten que estar sempre marcando camiños de novidade, de cambio, de vida nova e renovada. E aí, atopamos con Xesús. El tamén pasou polo deserto, pero non quedou alí, non quixo deixarse atrapar por el, loitou por superalo e vencer a tentación: acadouno! Seremos tamén nós capaces? Que neste tempo coresmal  nos atopemos con Xesús, para que colléndonos da súa man, saiamos do deserto que nos leva a perdernos entre dunas areosas e sen auga, e comecemos a ser construtores do seu Reino.

 

 

Oración da comunidade

 

         O Señor convídanos agora a unirnos comunitariamente en oración dicindo: Dános un corazón capaz de amar, Señor.

Ø Que como Igrexa chamada a converterse, superemos os medos e renovemos a esperanza de poder cambiar nesta coresma. Oremos. Dános un corazón capaz de amar, Señor.

Ø Que esta coresma que agora comezamos nos faga ver a necesidade de cambiar, e non ter medo a perdoar e pedir perdón. Oremos. Dános un corazón capaz de amar, Señor.

Ø Que nós aproveitemos este tempo de coresma para pararnos e mirar en que nos temos equivocado, en que cousas debemos cambiar, que comportamentos precisamos deixar atrás e comezar de novo. Oremos. Dános un corazón capaz de amar, Señor.

 

Dános, Señor, un corazón capaz de amar sabendo pedir perdón polo dano que temos feito, e pedir perdón polo que nós fixemos. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

Recendo de gratuidade

 

A Coresma é o tempo de graza no que o deserto volve ser -como anuncia o profeta Oseas- o lugar do primeiro amor (cf. Os 2,16-17). Deus educa ao seu pobo para que abandone a súa escravitude e experimente o paso da morte á vida. Como un marido, retíranos para si e susurra palabras de amor aos nosos corazóns.

O éxodo da escravitude á liberdade non é un camiño abstracto. Para que a nosa Coresma sexa tamén concreta, o primeiro paso é querer ver a realidade. Cando no arbusto ardente o Señor atraeu a Moisés e falou con el, inmediatamente revelou-se como un Deus que ve e sobre todo escoita: "Vin a opresión do meu pobo que está en Exipto e oín os seus berros de dor. , provocados polos seus capataces. Si, coñezo moi ben os teus sufrimentos. Por iso baixei para libralo do poder dos exipcios e para levalo daquel país a unha terra fértil e espazosa, a unha terra onde mana leite e mel” (Ex 3, 7-8). Tamén hoxe chega ao ceo o berro de tantos irmáns oprimidos. Preguntémonos: tamén nos chega? Sacúdenos? Conmóvenos? Moitos factores nos afastan uns dos outros, negando a irmandade que nos une dende o principio.   ( Da mensaxe de Francisco para a coresma 2024)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo