Ir al contenido principal

5 domingo TO B 2024

APRENDAMOS A CONVIVIR ADMITINDO A DISCREPANCIA SEN CONVERTELA EN INTOLERANCIA

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Temos unha festa ( 6)

o   LECTURAS: Cantada ao Señor, cantade ao Señor, unha cantiga nova. (  ) 

o   OFERTORIO: Acharte presente ( 51)

o   COMUÑÓN: Todos xuntos  (56)

 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

         En tempo de crispación e enfrontamento, a carta de Paulo aos Corintios que imos escoitar no momento da Palabra, desde a actualidade do seu contido dous mil anos despois de ser escrita, lémbranos que pensar diferente, ter opinións diversas, mesmo ter conviccións e visións de como se ha actuar e comportar, non pode nunca supoñer caer nin na crispación nin na intolerancia. Canto precisariamos, dentro e fóra da Igrexa, as persoas que conformamos hoxe o noso mundo, volver ler este texto desde os ollos do evanxeo e o corazón aquecido de Xesús!

         É desde esta invitación a saber discrepar sen confrontar, desde onde Francisco non cansa de facer chamadas á misericordia, ao respecto e á pluralidade, que non uniformidade, eclesial.

 

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·      Por ter caído tantas veces na tentación de querer darlle leccións de como actuar aos demais. SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN MISERICORDIOSO.

·      Por ter crido que eramos máis fieis ca os demais por vivir unha fe de ritos e costumes. CRISTO, DANOS UN CORAZÓN MISERICORDIOSO.

·      Por non acabar de entender que a Igrexa, e tamén o mundo, son plurais e non uniformes. SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN MISERICORDIOSO.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOB

 

Dixo Xob:

O home ten na terra unha duro labor;

os seus días son coma os do xornaleiro.

Coma o escravo que anceia a sombra,

coma o xornaleiro que agarda o que gañou:

así herdei eu meses baldeiros

e tocáronme en sorte noites de angustia.

Penso para min ó deitarme: ¿cando me hei erguer?

e desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.

Os meus días correron máis axiña cá lanzadeira de tecer

e foxen sen esperanza.

¡Recorda ben que a miña vida é vento,

e que o meu ollo non verá máis a ledicia!

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás:

Porque o mero feito de predica-lo Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. ¡Pobre de min se non predico o Evanxeo! Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. ¿Onde está, logo, o meu premio? ‑En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este Evanxeo me confire.

Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gaña-los máis posibles. 

Cos débiles fíxenme débil, para gaña-los débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa. Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

 

 

ALELUIA    Mt 8, 17:

Cristo asumíu as nosas doenzas

e levou sobre sí as nosas enfermidades

 

EVANXEO     Mc 1, 29-39

Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle tódolos enfermos e endemoñados;  vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero ós demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e mailos seus compañeiros fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:

‑Todos te andan a buscar.

El respondeu:

‑Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.

E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.

PALABRA REMOÍDA

En tempos de desesperanza e desacougo persoal e comunitario, tal e como recolle a lectura do libro de Xob, a fe cristiá non deixa de insistir, unha e outra vez, que só se somos quen de asentala na esperanza, acadaremos sentido, horizonte e paz no noso camiñar cotián. Os tempos que estamos a vivir son de tensión e dificultade, e non só para as persoas crentes, para todas e todos. Parece que nada ou pouco temos aprendido da historia de guerras e enfrontamentos, que tanta morte deixaron e destrución trouxeron. Por iso non podemos nin debemos deixarnos levar polas profecías de calamidade, que nas redes ou mesmo ao noso lado, non fan máis que caer en catastrofismos de negritude e medos incapacitantes. Deus non cansa nin deixa de chamar contra estes agoiros da calamidade, para urxirnos a camiñar, tomando en serio o mundo e a vida que nel imos desenvolvendo, en unir, participar e respectar as diferenzas, de xeito que non sirvan para afastarnos, senón para achegarnos e enriquecernos mutuamente.

E unha primeira resposta a este proxecto de Deus témolo na carta que Paulo lles escribe aos Corintios, e onde non deixa de insistirlles, como tamén nos insiste hoxe a nós, que quen queira camiñar na esperanza, ser capaz de ver a presenza de Deus no noso mundo ou estar en disposición de ter unha mirada de acollida e igualade, ten que ir aprendendo a camiñar e desenvolverse sabendo estar ao lado das persoas, en todas e cada unha das situacións nas que elas, tamén, nós vivan/mos. A urxencia paulina a saber ser débiles coas persoas débiles, e non por pena, senón por igualdade e dignidade compartida, fainos entender a necesidade de irmos tendendo as mans e acompañando camiños diversos e diferentes. Porque Xesús nunca cansaba de dicir aos que camiñaban ao seu lado e aos que o escoitaban que Deus creounos libres e iguais, para conformar unha fraternidade universal. Desde ela estamos chamados/as respectar as diferenzas e a enriquecernos enriquece na pluralidade. O que non se pode facer se non somos quen de aprender que, habendo pasos distintos, sempre podemos irnos acompasando no camiño uns aos outros/as. 

Por este xeito de actuar e comportarse de Xesús, que non distinguía nin creaba diferenzas entre ricos e pobres, importantes e miñasxoias, poderosos e invisibles, é polo que lle prestaban atención e o seguían; por este xeito, que hoxe unha parte da Igrexa parece ter esquecida, era polo que o actuar de Xesús era crible, chamaba atención e conseguía poñer nerviosos aos “cumpridores” de ritos e palabras, pero que tiñan os corazóns coma pedras e a conciencia chea de prexuízos e condenas. Tamén hoxe, tendo como cimento fondo e asentado a oración –tamén nisto Xesús foi mestre-, nós temos que volver ao evanxeo, enchouparnos da súa palabra e do seu espírito, afastarnos da tentación de reducilo a condenas e xuízos trasnoitados que degradan ás persoas e esquecen que todas, sexamos como sexamos, somos fillas e fillos de Deus. E ademais, como dicía Xesús, ante tanto xuízo e prexuízo para cos demais: o que non teña pecado, que tire a primeira pedra!

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Desde a convicción de que a Palabra é alento e invitación ao actuar igualitario, rezamos xunt@s dicindo: 

SEÑOR, QUE NON ACTUEMOS CON PREXUÍZOS

·      Que como Igrexa que somos, nos esforcemos por escoitar, acoller e acompañar, e nunca por xulgar, Oremos. 

·      Que como comunidades parroquiais, non deixemos nunca de alimentarnos da Palabra de Deus; Palabra de vida e esperanza, e non de condena nin exclusión, Oremos. 

·      Para que nós nunca caiamos na tentación de ser profetas de calamidades, esquecendo que só desde a esperanza podemos construír un mundo mellor e unha Igrexa máis pobre, humilde, sinxela e gozosa, Oremos. 

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a fe esixe actuar desde o respecto e a igualdade, e non desde a exclusión nin a condena. Por Cristo o noso Señor. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

A fe é un don precioso de Deus, que abre a nosa mente para que poidamos coñecelo e amalo. El quere relacionarse con nós para facernos participar na súa mesma vida e facer a nosa máis chea de sentido, mellor, máis bonita. Deus ámanos. Pero a fe cómpre ser acollida, é dicir, precisa da nosa resposta persoal, da valentía para poñer a nosa confianza en Deus, para vivir o seu amor, agradecidos pola súa misericordia infinita. É un agasallo que non se reserva só a uns poucos, senón que se ofrece xenerosamente a todos. Todo o mundo debería poder experimentar a alegría de ser amado por Deus, a alegría da salvación. E é un agasallo que non se pode gardar para un, senón que hai que compartir. Se queremos gardalo só para nós, converterémonos en cristiáns illados, estériles e enfermos

O anuncio do Evanxeo forma parte do ser discípulos de Cristo e é un compromiso constante que anima toda a vida da Igrexa. «O impulso misioneiro é un sinal claro da madureza dunha comunidade eclesial» (Bieito XVI, Exhort. ap. Verbum Domini, 95). Toda comunidade é “adulta” cando profesa a fe, a celebra con alegría na liturxia, vive a caridade e proclama sen descanso a Palabra de Deus, deixando o seu propio ambiente para levala tamén á “periferia”, especialmente a aqueles que aínda non tiven a oportunidade de coñecer a Cristo. ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...