Ir al contenido principal

6 domingo Mans Unidas 2024

 

A única especie capaz de cambiar o planeta. O EFECTO SER HUMANO

(CAMPAÑA MANS UNIDAS 2024)

CANTOS


· ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

· LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)

· OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)

· COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESPERTANDO Á RÚAH

Benvidas e benvidos á nosa celebración dominical. Hoxe, festa da nosa Señora de Lurdes, é a Xornada Mundial das Persoas Enfermas. Tamén é segundo domingo de febreiro e celebramos en toda a Igrexa a Xornada de Mans Unidas contra a fame. Baixo o lema “A única especie capaz de cambiar o planeta: o efecto ser humano”, somos convidadas e convidados a abrir os nosos ollos para descubrir os sinais de exclusión tan presentes na nosa sociedade de hoxe como na dos tempos de Xesús.
Porque a enfermidade, a inxustiza, as consecuencias do cambio climático non afectan por igual a todas as persoas. Moitas persoas, irmás nosas, en demasiados lugares do planeta viven a desnutrición, a fame a morte sumidas na desesperanza e na invisibilidade para o mundo rico.
Que a celebración que agora comezamos abra os nosos ollos e o noso corazón: hai desigualdade e inxustiza, hai exclusión. E a nós tócanos actuar.

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

· Porque seguimos mirando pasivamente e non estamos dispostas e dispostos a comprometernos; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA INCLUSIÓN.
· Porque consumimos en exceso; CRISTO, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA INCLUSIÓN.
· Porque non tomamos en serio o teu mandado de coidar a casa común; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA INCLUSIÓN.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO LEVÍTICO

O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:
- "Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha branquexada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes. Trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá gritando: impuro, impuro. Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus. Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven. Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo. 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:
- Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:
- Pois quero, queda limpo.
E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
- Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE



· Na sociedade xudía, o leproso non era só un enfermo. Era, primeiro de nada, un impuro. Un ser estigmatizado, sen sitio na sociedade, sen acollida en ningures, excluído da vida. O libro do Levítico dicíao en termos claros: «O leproso levará as vestiduras rachadas e a cabeza espeluxada… Irá avisando a berros: Impuro, impuro. Mentres lle dura a lepra será impuro. Vivirá illado e habitará fóra do poboado». A actitude correcta, sancionada polas Escrituras, é clara: a sociedade ha excluír aos leprosos da convivencia. É o mellor para todos. Unha postura firme de exclusión e rexeitamento. Sempre haberá na sociedade persoas que sobran.

· Mais Xesús rebélase ante esta situación e, cando se lle achega un leproso, non foxe, senón que escoita e acolle. O leproso non pide ser curado, senón quedar limpo. Quedar limpo do rexeitamento social, quedar limpo da exclusión, quedar limpo do verse sinalado co dedo acusador, quedar limpo da soidade e da marxinación. E Xesús, estremécese e conmovido, alonga a súa man para tocalo e dicirlle: quero, queda limpo. Porque Deus non exclúe nin castiga a ninguén coa marxinación. Por que nós excluímos tantas veces e o que é peor, facémolo no seu nome?

· Porque Xesús veu para poñelo todo do revés: as nosas seguridades, as nosas dúbidas, os nosos comportamentos politicamente correctos, o noso mero cumprimento.... Achégaselle un leproso e El, sentindo mágoa, estende a súa man e cúrao. Que atrevemento!!!!!. Porque non lle gustan os “ghettos”. El veu para liberar, para salvar, por iso non quere que se marxine a ninguén. El prefire arriscar, porque ama. El opta pola integración....E o camiño queda aberto. Fronte dun mundo que exclúe, aparta e invisibiliza a quen é diferente, Xesús aposta por un camiño novidoso e sandador: acoller, integrar, salvar. Canto camiño nos queda por andar dentro e fóra da nosa Igrexa!

· Por iso, a campaña de Mans Unidas que hoxe celebramos invítanos a poñer en práctica o efecto ser humano, porque somos a única especie capaz de cambiar o planeta, capaz de mudar a casa común para que sexa casa na que non se exclúa, casa onde se acolla a todas as persoas, especialmente ás leprosas de hoxe que teñen o nome e o rostro da xente inmigrante, das mulleres maltratadas, das crianzas explotadas e abusadas, da xente maior descartada, da xente cuxa dignidade é constantemente pisoteada no nome dunha economía que mata.

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque nos convidas constantemente a traballar pola inclusión e non pola exclusión, agradecémoscho dicindo:
QUE CONSTRUAMOS PONTES QUE UNEN E NON BARREIRAS QUE AFASTAN 
  • Para que a Igrexa entenda que só será a verdadeira Igrexa de Xesús se nela hai sitio para todas as persoas, sen excluír a ninguén; OREMOS.
  • Polas persoas que, en calquera ámbito, teñen capacidade de decidir; para que actúen en favor da xente máis vulnerable e desfavorecida, promovendo o traballo pola xustiza, o ben común e a igualdade; OREMOS.
  • Polas persoas enfermas e polas que se senten fráxiles; para que sintan como o leproso do Evanxeo as nosas mans dispostas a acoller, integrar e salvar; OREMOS.
  • Por todas as persoas que padecen fame de calquera tipo: de pan, de casa, de dignidade, de escoita, de sorriso, de esperanza, de cultura, de respecto....; OREMOS.
  • Por quen pasou á casa do Pai e nos legou este mundo para coidalo e melloralo, OREMOS.
  • Por nós, para que sexamos persoas coherentes coa nosa fe e nos comprometamos no coidado da casa común; OREMOS.
Señor, porque cremos e confiamos en Ti, agradecemos poder compartir esta oración comunitaria reuníndonos no teu nome e chamándonos a un compromiso real pola inclusión de todas as persoas na casa común que nos regalaches. P.X.N.S.

 

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

“Hai que manter con claridade a conciencia de que no cambio climático hai responsabilidades diversificadas e que corresponde enfocarse «especialmente nas necesidades das persoas pobres, débiles e vulnerables, nun debate a miúdo dominado por intereses máis poderosos. Necesitamos enfortecer a conciencia de que somos unha soa familia humana. Non hai fronteiras nin barreiras políticas ou sociais que nos permitan illarnos, e por iso mesmo tampouco hai espazo para a globalización da indiferenza” (LS 52).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...