UN CORAZÓN ROTO TI, SEÑOR, NON O DESPREZAS
SINAL DE CORESMA
Colocamos a segunda parte do corazón
CANTO GOZOSO
o ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)
o LECTURAS: Eu soñei (58)
o OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 68)
o COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESPERTANDO Á RÚAH
Este tempo de coresma é unha chamada a seguir con intensidade e firmeza, a Xesús – Cristo. El entregou toda a súa vida ao servizo de Deus e das persoas, e esa entrega vaino levar ata a cruz. Nós, coma os discípulos no monte da Transfiguración, contemplamos o seu camiño e descubrimos nel toda a luz, toda a grandeza, toda a forza de Deus. Por iso, con fe, achegámonos a El e, porque sentimos a súa voz no noso corazón, queremos seguilo.
SUPERANDO A DISTRACCIÓN
· O mundo vive unha forte situación de inxustiza. Pola nosa participación nela, dicímosche, SEÑOR, QUE RACHEMOS O CORAZÓN E NON AS VESTIDURAS.
· Porque permanecemos pasivos ante a opresión que seguen a sufrir as persoas máis vulnerables e débiles, pedímosche, CRISTO, QUE RACHEMOS O CORAZÓN E NON AS VESTIDURAS.
· Porque o noso comportamento de crentes moitas veces non é sinal do Reino de Deus, rogámosche SEÑOR, QUE RACHEMOS O CORAZÓN E NON AS VESTIDURAS.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
Deus puxo a proba a Abraham, chamándoo:
- "¡Abraham!"
El respondeu:
- "Aquí estou".
Deus mandoulle:
- "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
Chegados ó lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.
Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
- "¡Abraham! ¡Abraham!"
El respondeu:
- "Aquí estou".
O anxo dixo:
- “Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".
Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo.
O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo:
- "Xúroche por min mesmo palabra do Señor que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS
Irmás e irmáns:
Se Deus está connosco, ¿quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, ¿como non nos vai regalar todo xunto con El?
¿Quen acusará ós escolleitos de Deus? ‑Sendo Deus o que perdoa, ¿quen os vai condenar? ¿Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presencia. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos".
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
ü Abrahán descubriu na súa propia experiencia que a confianza supón esforzo, traballo e sacrificio. E isto fai que moitas veces nos preguntemos se paga a pena confiar. Porque confiar ten o seu risco, e conleva as veces a incomprensión e mesmo o rexeitamento de quen non nos entende, ou por persoas que pensabamos achegadas a nós. E isto é así porque a confianza móstrase tanto nos momentos nos que todo parece correr ben, como naqueles onde temos a impresión de que as cousas van esmorecendo e nós con elas. E isto pásanos moitas veces, pero especialmente vivímolo na nosa relación con Deus. Nela non pode ser o medo e a submisión a que nos guíe, senón a capacidade de descubrilo como compañeiro no camiño da vida. Un estar que respecta a nosa liberdade e non cae na tentación da manipulación, senón que nos concede a liberdade para poder reflexionar e actuar con responsabilidade e coherencia, sendo nós mesmos e nós mesmas. Crer é gozo, pero tamén sacrificio, paciencia e loita.
ü Se desde a nosa liberdade escoitamos e acollemos a chamada de Deus, poñémonos en camiño. E neste camiño imos descubrindo a súa presenza, e a súa esixencia, que moitas das veces resúltanos doada, pero outras moitas ponnos na decisión de ter que optar e decidir entre cousas que puideran resultarnos atraentes, mais diante das que temos que tomar unha decisión de deixalas ou non porque non concordan co camiño polo que queremos ir: o camiño da fraternidade, unha fraternidade que somos convidados e convidadas a construír desde o perdón, a capacidade de amar, e de ter a forza e a confianza de comezar as veces que sexa posible sen desesperar.
ü Por iso non é de recibo regodearnos no “que ben se está aquí”, no noso Tabor, no noso primeiro mundo, na sociedade da opulencia e do benestar. Ao pé da montaña hai moitas persoas, irmás nosas, que agonizan en tantas e tantas cruces: na cruz do desenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame, da ignorancia, da enfermidade, da soidade, da incomprensión, da marxinación... e que esperan que nós baixemos da montaña máxica e irreal dos poderosos, dos excluíntes e dos duros de corazón para escoitalas, axudalas e comprometernos con elas, axudándolles a levar a súa carga. Se Deus é o sentido da nosa vida, estamos chamadas e chamados a anuncialo, dando a coñecer a súa mensaxe. Deixemos de pasmar mirando ao ceo, baixemos do Tabor e pousemos os pés na terra, onde hai abondo que facer.
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
Manifestémoslle ao Señor que estamos dispostas e dispostos a escoitalo, dando resposta coa nosa vida, e digamos:
ESCOITARÉMOSTE SEMPRE, SEÑOR.
· Para que como Igrexa de Xesús sexamos unha Igrexa acolledora, unha Igrexa que non exclúe, unha Igrexa que escoita a voz de todas as persoas, unha Igrexa que non silencia nin secuestra conciencias, OREMOS.
· Para que nas nosas comunidades nunca perdamos a capacidade de acollida, de compaixón, de escoita… e así sexamos quen de descubrir a Deus, presente en tanta xente crucificada do noso mundo, OREMOS.
· Para que cada unha e cada un de nós camiñemos cos pés no chan e o corazón no Evanxeo, OREMOS.
Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que prestar atención para non caer na tentación de impoñer, mandar ,discriminar ou invisibilizar dentro da Igrexa e tamén fóra dela. PXNS. Amén.
FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO
Deus, amigo noso, dicímosche así: dános entusiasmo para procurar a verdade alí onde se atope. Danos resignación para aceptar as nosas propias limitacións. Danos coraxe para loitar cando todo nos sae mal. Danos lucidez para admitir a verdade e que ninguén nola impoña. Danos forza para preferir o difícil ó doado. Danos valor para rexeitar o vulgar e rastreiro. Danos valentía para loitar contra nosa apatía e desgana. Pedímoscho a ti, Deus noso amigo.
Comentarios