Ir al contenido principal

1 Coresma 2025 C

QUE AS PEDRAS SE VOLVAN PAN

SINAL DE CORESMA

Expresión da invitación á conversión á que nos chama a coresma, quere se-lo sinal que este ano propoñemos: unha flor, á que cada domingo iremos engadindo un pétalo cunha frase do evanxeo do día, de tal xeito que ao final da coresma teremos completado este camiño de superar o deserto coresmal, para chegar á pascua da esperanza, da vida e da resurrección.
No pétalo deste primeiro domingo escribimos: “que as pedras se volvan pan”.


CANTO GOZOSO

ENTRADA: Déixate querer (Nº 61)
LECTURAS: Todos xuntos (Nº 56)
OFERTORIO: Na noite escura (Nº 104)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (nº 103)

PARA NON PERDER O PASO

O pasado mércores, mércores da Cinza, comezabamos o tempo de coresma. Corenta días nos que se nos invita a ir ao deserto para que non esquezamos que a nosa é unha fraxilidade de barro que precisa da savia que dea forza e renovación á nosa vida.
A coresma é, xa que logo, un itinerario, un camiño, un tempo de conversión e de cambio. En tempos fríos, escuros, difíciles e violentos como os que vivimos, a Coresma ábrenos un novo horizonte para que nos reprantexemos que a novidade é posible, que as cousas -aínda que ás veces nos pareza o contrario- coa axuda de todas e de todos poden cambiar.
E este camiño facémolo enchoupadas e enchoupados da esperanza que vén de Deus e que nunca defrauda.
Poñámonos a andar!

CO CORAZÓN FERIDO

Porque nos custa poñernos en camiño e saír das nosas zonas de conforto; SEÑOR, LÍBRANOS DA TENTACIÓN.
Por ter esquecido que Xesús quixo unha comunidade unida, unha comunidade de iguais, sen ningún tipo de discriminación; CRISTO, LÍBRANOS DA TENTACIÓN.
Porque nos deixamos invadir polo desánimo, renunciando á esperanza; SEÑOR, LIBRANOS DA TENTACIÓN.

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

Naquel tempo, díxolle Moisés ao pobo:
- Cando presentes as primicias das túas colleitas, o sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, o teu Deus.
Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, o teu Deus:
- Meu pai era un arameo errante, que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente, que o acompañaba. Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume. Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo. Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con grande terror, con sinais e con feitos marabillosos, e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel. Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS

Irmás e irmáns:
- ¿Que di, logo, positivamente a Escritura?
Cerca de ti está a palabra, na túa boca e no teu corazón. Esa é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. Pois é crendo co corazón como se chega á xustificación; e é confesando coa boca como se chega a salvación. Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado. Pois non hai diferenza entre o xudeu e o grego, xa que un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame. E díxolle o Satán:
- Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
Respondeulle Xesús:
- Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
- Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.
Respondeulle Xesús:
- Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
- Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, 10que está escrito: Mandará ós seus anxos para que te garden; e tamén: 11Levarate nas súas mans para que non se manquen quen os teus pés nas pedras.
Xesús respondeulle:
- Está mandado: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
PALABRA DO SEÑOR
GLORIA A TI, SEÑOR XESÚS

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Escoitabamos hoxe na primeira lectura unha sentencia que nos fala da actualidade da Palabra: “chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo”. Esta é a frase desde a cal queremos comezar este tempo de coresma. Queremos reparar no clamor que cada día vemos e escoitamos ao noso carón... e tamén máis alá das nosas fronteiras. Queremos escoitar o clamor das persoas que son maltratadas pola guerra, das persoas que son obrigadas a abandonar o seu país, a súa familia. Queremos escoitar o clamor das persoas que son desposuídas da súa dignidade.
E escoitar este clamor non pode quedar nun mero formalismo, nun laio permanente, senón que esixe de nós un cambio de actitudes e un compromiso fondo coas causas xustas do noso mundo. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmitiu á comunidade de Roma.... e tamén a nós: “se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo”. Confesar a fe non é só de boquilla, senón que temos que confesar a nosa fe coas nosas palabras, si, pero tamén cos nosos xestos, coas nosas actitudes, co noso talante de estar no mundo.
Porque hoxe tamén se nos convida a traballar para que as pedras se volvan pan. As pedras do noso corazón e tamén as pedras do noso mundo. Só desde unha actitude real de humildade e de sinxeleza seremos capaces de recoñecer aquilo que debemos cambiar porque nos escraviza e nos fai persoas infelices. E esas pedras, co noso esforzo e coa axuda de Deus, volveranse pan de sorriso, pan de escoita, pan de colaboración, pan de igualdade, pan de fraternidade. Non caiamos na tentación de seguir cargando con lastres innecesarios que só nos retardan o paso no camiño e esgotan as nosas forzas.
Por iso nos sentimos interpeladas e interpelados polo que o papa Francisco nos di na súa mensaxe de Coresma: “Camiñemos xuntas e xuntos na esperanza”, porque:
1. Non podemos lembrar o éxodo bíblico sen pensar en tantos irmáns e irmás que hoxe foxen de situacións de miseria e de violencia, buscando unha vida mellor para si e os seus seres queridos. Xorde aquí unha primeira chamada á conversión, porque todas as persoas somos peregrinas na vida. Cadaquén pode preguntarse: como me deixo interpelar por esta condición? Estou realmente en camiño ou un pouco paralizado, estático, con medo e falta de esperanza; ou satisfeito na miña zona de confort? Busco camiños de liberación das situacións de pecado e falta de dignidade? Sería un bo exercicio coresmal confrontarse coa realidade concreta dalgún inmigrante ou peregrino, deixando que nos interpele, para descubrir o que Deus nos pide, para ser mellores camiñantes cara á casa do Pai. Este é un bo “exame” para o viandante.
2. Conversión á sinodalidade: A vocación da Igrexa é camiñar xuntas e xuntos, ser sinodais. As persoas cristiçás estamos chamadas a facer camiño xuntas, nunca coma viaxeiras solitarias. Camiñar xuntos significa ser artesáns de unidade, partindo da dignidade común de fillas e fillos de Deus; significa camiñar de xeito conxunto, sen pisar ou dominar ao outro, sen albergar envexa ou hipocrisía, sen deixar que ninguén quede atrás ou senta excluído. Imos na mesma dirección, cara á mesma meta, escoitándonos os uns aos outros con amor e paciencia. Nesta coresma, Deus pídenos que comprobemos se na nosa vida, nas nosas familias, nos lugares onde traballamos, nas comunidades parroquiais ou relixiosas, somos capaces de camiñar cos demais, de escoitar, de vencer a tentación de encerrarnos na nosa autorreferencialidade, ocupándonos soamente das nosas necesidades. Preguntémonos se somos capaces de traballar xuntos como bispos, presbíteros, persoas consagradas e laicado ao servizo do Reino de Dios; se temos unha actitude de acollida, con xestos concretos, cara ás persoas que se achegan a nós e ás que están lonxe; se facemos que a xente se sinta parte da comunidade ou se a marxinamos.
3. Conversión á esperanza, á confianza en Deus e na súa gran promesa, a vida eterna. Debemos preguntarnos: posúo a convicción de que Deus perdoa os meus pecados, ou me comporto coma se puidese salvarme só? Anhelo a salvación e invoco a axuda de Dios para recibila? Vivo concretamente a esperanza que me axuda a ler os acontecementos da historia e impúlsame ao compromiso pola xustiza, a fraternidade e o coidado da casa común, actuando de maneira que ninguén quede atrás?

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Sabedores do valor e da forza da oración comunitaria, rezamos xuntos dicindo:
SEÑOR, AXÚDANOS A CAMIÑAR NA CONVERSIÓN CON ESPERANZA
  • Pola Igrexa, para que non caia na tentación de afrontar este tempo dando consellos a outros de como cambiar e transformarse, senón que, pola contra, dea testemuño co exemplo de que é posible renovarse e cambiar, para dar una resposta máis axeitada aos tempos que vivimos, OREMOS.
  • Polas nosas comunidades, para que nos esforcemos por camiñar xuntas e xuntos na esperanza, OREMOS. 
  • Para que esta Coresma sexa para toda a Igrexa un camiño de deserto, no que, mirando cara dentro e cara fóra sexa capaz de descubrir o traballo a prol da igualdade como tarefa, reto e compromiso, OREMOS.
  • Para que sexamos capaces de cambiar as pedras da indiferenza, do rancor, da discriminación e da desigualdade polo pan da solidariedade, da acollida, da integración e da fraternidade; OREMOS. 
Señor, sabémonos necesitados de Ti, e moitas veces caemos na tentación de esquecerte. Dános azos para non deixarnos ir por este camiño. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Este é un tempo para persoas convencidas.
Tempo de adestramento, exercicio e loita; de mochila lixeira e paso rápido.
Tempo de camiño e discernimento, de conversión e compromiso,
de proba e de encontros no deserto, na estepa, no silencio.
É o tempo dos proxectos de vida, das decisións e desmarques;
ás veces, das transfiguracións.
Tempo de humanidade rota e dividida,
que anhela o paraíso ou a terra prometida.
Tempo de tentacións, tabores e conversións, tropezos, feridas e cegueiras,
perdóns, restauracións e auga viva.
Todo en só corenta días!.
Este é o tempo das persoas novas,
das que soltaron o lastre de ídolos secretos e falsas vaidades
e xa só anhelan misericordia.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...