Ir al contenido principal

2 Coresma C 2025

 ESTE É O MEU FILLO, ESCOITÁDEO

SINAL DE CORESMA

         Colocamos o segundo pétalo da nosa flor no que escribimos: “Este é o meu Fillo, escoitádeo”.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
LECTURAS: Eu soñei( Nº 58)
OFERTORIO: Na noite escura (Nº 104)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (nº 103)

PARA NON PERDER O PASO

Nestes tempos de crise, corrupción, inxustizas, desigualdades e fame; neste tempo de violación de dereitos fundamentais, de desertización e hipocrisías... a desilusión e o abatemento están no aire. Soñabamos inxenuamente con conquistas e transformacións espectaculares, fáciles e inmediatas, sen ter presente nin asumir a lentitude e a necesidade da paciencia.
O texto da Transfiguración que marca este segundo domingo da coresma lémbranos que, a pesares de todo, non debemos acovardarnos nin afundirnos no pesimismo. Hoxe tamén cómpre, tamén é bo e necesario, subir á montaña do encontro con Deus.... e logo baixar ao camiño e recomezar de novo a nosa tarefa.
Que esta celebración nos axude a decatarnos de que deixaremos pegadas de misericordia se amamos a terra e a Deus nun mesmo sentir.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Porque estamos moi rápidos para falar; pero moi lentos para escoitar; SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.
  • Porque precisamos botar fóra de nós a tentación do pesimismo e da desesperanza, que tantas veces peta na nosa porta, CRISTO, LÉVANOS DA TÚA MAN.
  • Porque construímos falsos Tabores nos que nos sentimos tan a gusto que nos despreocupamos das irmás e dos irmáns; SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
Levou Deus fóra a Abraham e prometeulle:
- "Olla cara ó ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes".
Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.
Despois díxolle o Señor:
- "Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".
Abram preguntou:
- "Señor e dono meu, ¿como saberei que será miña?"
O Señor respondeu:
- "Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".
Abram trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. Os voitres descendían á carnada, e Abram espantábaos. Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abram un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.
Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abram viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume. Aquel día fixo o Señor con Abram esta alianza:
- "Aos teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS FILIPENSES

Irmás e irmáns:
Seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. É que moitos dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais. Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo.
Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, ¡seguide así firmes no Señor, queridiños!
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Xesús colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ó monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:- Mestre, ¡que ben que esteamos nós aquí! ¿Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube:
- Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.
Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.
PALABRA DO SEÑOR
GLORIA A TI, SEÑOR XESÚS
UNHA PALABRA QUE AGROMAHoxe a Palabra márcanos unha ruta de viaxe:
* CONFÍA: Abrahán descubriu na súa propia experiencia que a confianza supón esforzo, traballo, e moito sacrificio. Un sacrificio que nos pode facer cuestionar esa confianza. Porque confiar ten o seu risco, e conleva ás veces ser incomprendidos ou mesmo rexeitados por quen non nos entende, ou por aqueles que pensabamos que eran achegados a nós. E isto é así porque a confianza mostrase tanto nos momentos nos que todo parece correr ben, como naqueles onde temos a impresión de que as cousas van esmorecendo e nós con elas. E isto pásanos moitas veces, pero especialmente vivímolo na nosa relación con Deus. Nela non pode ser o medo e a submisión a que nos guíe, senón a capacidade de descubrilo a El como quen sabe estar ao noso lado en todos os momentos da vida.
* SAE: Unha vez que confías, cómpre dar un paso máis.... liberarse das ataduras. Sae do teu templo, das túas costumes relixiosas, do teu culto rutinario e baleiro, de todo aquilo co que cres poder comprar a Deus. Sae de ti mesmo, do teu illamento, do teu refuxio, das túas seguridades, dos teus complexos… despóxate do teu poder, dos teus bens, da nosa prepotencia cultural…. Porque para camiñar cómpre ir o máis lixeiro posible.
* SUBE: O camiño ás veces é costa arriba, pero paga a pena. É unha chamada á superación. Non todo o camiño é chan; pero nel iremos atopando cos acontecementos da vida e descubrindo a presenza do Señor. Non teñamos medo, non nos deixemos levar polos profetas de calamidades. Hai moito camiño por percorrer... e que non todo é liso e chan. Atoparemos pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor vai con nós

* ESCOITA: Pedro falaba moito, e non sabía o que dicía. Na nosa sociedade, na que son moitos os discursos, na que hai saturación de palabras, onde todas e todos din que teñen algo que ofrecer, ás veces queda pouco tempo para a reflexión e podemos deixarnos levar polo que nos resulta máis gracioso, cómodo ou fácil. Por iso cómpre que saibamos facer silencio para poder escoitar a Palabra de Deus, o berro dos irmáns e das irmás, as sinais da historia. Porque…escoitar é confianza e compromiso.
* BAIXA: O evanxeo da Transfiguración do Señor que vimos de proclamar é un lóstrego ás nosas conciencias para saír do papanatismo que moitas veces nos invade. É verdade que Paulo nos lembra que somos cidadáns do ceo, pero iso non é quere dicir, como moitos pensan, “estar nas nubes”, pasar das cousas da terra, vivir desarraigadas e desarraigados do momento e da circunstancia na que se vive, sen compromisos concretos, sen preocupacións polas cousas e polas persoas, sen ler e interpretar “os sinais dos tempos. Cidadán e cidadá do ceo terá máis ver co feito de proxectar a nosa vida desde os valores de Deus, estando presentes no noso entorno con toda intensidade para poñer en cada acontecemento, por pequeno que sexa, un sentido sobrenatural, en persoas que viven con estilo transcendente e que xusto por iso non escapan das responsabilidades que teñen como membros da sociedade.
* DEIXA PEGADA: Tabor e Calvario son dous montes que enmarcan a vida pública de Xesús. Tabor e Calvario compleméntanse e enmarcan o discurso da existencia cristiá. Hai que subir ao Tabor desde a rutina da vida para ver, para coller folgos e esperanza no camiño; pero non hai que perder de vista a terra, non sexa que o resplandor e os destellos do Tabor se convertan en fogos artificiais, e a esperanza se desvaneza en ilusións. Tabor e Calvario son tamén dous xeitos de posicionarse na vida e fronte a vida. Nós, que estamos no Tabor da sociedade do benestar, miramos o mundo coma o reino da liberdade, cheo da luz dos Dereitos Humanos, lanzado cara ao progreso, o desenvolvemento, o crecemento... Pero fronte desta visión, moitas persoas viven no Calvario, é a sociedade doente de quen que agoniza na cruz do subdesenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame innecesaria, do salario e da pensión discriminada. Por iso non é de recibo que digamos “que ben se está aquí” e que fagamos oídos xordos aos berros de tantas e tantas persoas que piden xustiza. Hai que baixar da montaña máxica, do falso Tabor no que poñen as súas tendas os poderosos, porque os cristiáns e cristiás temos a obriga de mostrarlles a estas persoas que Deus está con elas. Hoxe tamén se nos di a cada unha e a cada un de nós: “Este é o meu Fillo, escoitádeo”.


DESDE A ORACIÓN COMPARTIDACon confianza na túa misericordia, compartimos este momento de oración comunitaria dicindo:
SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA
Pola Igrexa, para que neste camiño da coresma sexamos quen de transformarnos, de quitar todo o accesorio, que tantas veces nos impide achegarnos con liberdade e naturalidade ás persoas do noso tempo, OREMOS.
Polas nosas comunidades, para que non deixemos pasar este tempo de graza que é a coresma, senón que o aproveitemos para deixar atrás canto nos fai persoas infelices, insolidarias e superficiais OREMOS.
Por nós, para que escoitemos a túa voz que nos fala nas persoas que viven na desigualdade, nas que sofren, nas que están enfermas, nas excluídas, nas que carecen de oportunidades, nas paradas, nas presas, nas que son vítimas da violencia, OREMOS.
Seguimos rezando polo papa Francisco; para que nestes momentos de enfermidade e fraxilidade Deus sexa o seu alento e a súa forza, OREMOS.Grazas, Señor, porque fas que este camiño da coresma sexa un camiño de conversión, de esperanza, de atoparnos con nós mesmos e contigo. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Cando nos esquecemos de nós,
cando nos esgotamos no servizo aos últimos,
cando vencemos a tentación de calquera apego,
cando aceptamos o sufrimento coma compañeiro,
cando soubemos perder,
cando xa non pretendemos gañar,
cando compartimos o que precisabamos,
cando arriscamos polo pobre,
cando enxugamos as bágoas do inocente,
cando rescatamos a alguén do seu inferno,
cando nos metemos no corazón do mundo
cando puxemos a nosa vontade nas mans de Deus,
cando nos purificamos do noso orgullo,
cando nos baleiramos de tanto consumismo superfluo,
cando nos sentimos feridos...
brilla en nós, gratis, a luz de Deus,
sentimos a súa presenza que recende a primavera,
nun perfume que envolve e reanima
Xa non precisamos outros tesouros.
Deus acompáñanos, fálanos, protéxenos.
Sentímonos nun mar de felicidade.
E se non estamos nas nubes,
é un Tabor que se nos ofrece de balde
para que disfrutemos xa o presente
e camiñemos firmes e sen temores.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...