Ir al contenido principal

4 Coresma 2025 C

ESTE FILLO MEU ESTABA MORTO E VOLVE Á VIDA

SINAL DE CORESMA

Colocamos o cuarto pétalo da nosa flor no que escribimos: “Este fillo meu estaba morto e volve á vida”.
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Arrepentido (Nº 13)
  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº )
  • OFERTORIO: Na noite escura (Nº 104) 
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (nº 103)

PARA NON PERDER O PASO

Paseniñamente imos debullando este tempo de coresma. Pasado xa o ecuador, sería bo que nos tomaramos un momento para, con tranquilidade e seriedade, botar a vista atrás e revisar se estamos cumprindo o obxectivo que nos propuxemos o mércores da cinza, é dicir, se este tempo está sendo para cada un e cada unha de nós unha experiencia nova, distinta, que nos vai facendo mellores persoas por ser capaces de botar do noso corazón actitudes e comportamentos que non nos deixan responder con sinceridade e alegría á invitación de Xesús de poñer a misericordia no centro. Se é así, que mellor que reunirnos este domingo para agradecelo. Porén, se a realidade é outra, Deus volve darnos unha nova oportunidade para rectificar e cambiar o rumbo da nosa vida. El segue ao noso lado, a súa man segue agarrando a nosa. Cada mañá, asomado á fiestra do faiado, segue confiando na nosa volta.

CO CORAZÓN FERIDO

· Fáltanos misericordia e sóbrannos sacrificios, SEÑOR, SEGUE AGARRANDO A NOSA MAN.
· Fáltanos compromiso e sóbrannos palabras, CRISTO, SEGUE AGARRANDO A NOSA MAN.
· Fáltanos confianza e sóbrannos medos, SEÑOR, SEGUE AGARRANDO A NOSA MAN.

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOSUÉ

E dixo o Señor a Xosué:
- "Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto".
Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Xericó. No día seguinte á Pascua, comeron dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día. E, ó día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmás e irmáns:
Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. ¿Vedes? Hai unha realidade nova.
E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación. Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus.
A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
- Este acolle os pecadores e come con eles.
Entón Xesús contoulles esta parábola:
Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".
Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".
Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".
O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, ¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".
PALABRA DO SEÑOR
UNHA PALABRA QUE AGROMA

· Ás veces, cando nunha conversa se relata un feito que xa coñecemos; cando unha persoa maior (ou non tan maior) nos conta sempre as mesmas historias; cando no telexornal saen sempre as mesmas noticias; cando lemos unha historia que xa sabemos... corremos o risco de desconectar e voar coa imaxinación a outros lugares para vivir outras vidas. O mesmo nos pode ocorrer coa parábola que vimos de escoitar no evanxeo de Lucas, porque... quen non escoitou falar algunha vez da parábola do fillo pródigo, ou mellor dito a parábola do Pai bo?. Si, esa que está no número un das coñecidas; esa que fala dun pai que tiña dous fillos, esa que nos lembra que a misericordia e a tenrura de Deus só atopan un comparativo no amor incondicional dos nosos pais e das nosas nais... Esa mesma.
· E de tan “trillada” que a temos, pensamos que xa non nos pode dicir nada novo, que xa estamos tan afeitos a escoitala que non nos pode aportar nada. Rapidamente identificamos a Deus coma o Pai bo que sempre nos espera e poñémoslle rostro (mesmo nomes e apelidos) do fillo pequeno a aquelas persoas que viven a súa vida á marxe de Deus, aquelas que chamamos indiferentes, ateas, afastadas ou agnósticas. E o fillo maior?... Pois ese interpélanos hoxe dun xeito especial a quen dicimos vivir na casa do Pai. Porque... que estamos a facer as persoas que non abandonamos a igrexa: asegurar a nosa supervivencia relixiosa observando uns ritos baleiros, un cumprimento que nos tranquilice a conciencia, vivindo unha fe que nos adormece dos problemas reais, do aquí e do agora?. Estamos construíndo comunidades abertas que saben comprender, acoller e acompañar a quen busca a Deus ou máis ben parecemos donos de multinacionais, preocupados polo número de persoas que acoden ás celebracións?, levantamos barreiras crentes/non crentes, practicantes/afastados; matrimonios/parellas en situación irregular; homes/mulleres; dominantes/dominados...ou tendemos pontes de achegamento, de diálogo, de amizade, de comprensión...?.
· Á luz da parábola que vimos de escoitar, falar de salvación non é algo abstracto e incomprensible, senón que a salvación supón e concrétase en facer do lugar onde esteamos un espazo de acollida no que ningunha persoa se poida sentir excluída, explotada, ninguneada, silenciada ou desprezada. A salvación de Deus pasa pola salvación de todo o humano.
· Por iso, nós reproducimos o comportamento do fillo máis vello cando:“sempre” obedecemos.... pero esiximos privilexios
cumprimos co programado.... pero pedimos recompensas
estamos satisfeitos porque non marchamos de casa... pero non sentimos a casa como nosa.
facemos todo ben.... pero non queremos perdoar a quen se equivocou
proclamamos a doutrina... pero carecemos de xenerosidade para poñer á persoa por riba da fidelidade á letra
nos sentimos firmes.. pero non nos deixamos aconsellar nin admitimos ternos equivocado
nos comportamos coma os fariseos: cumprímolo todo.... pero non temos nin unha migalliña de espontaneidade, de naturalidade, de sinxeleza.
nos comportamos coma os letrados: sabémolo todo... pero a nosa opción preferencial non é a da xente pobre.
  • nos deixamos arrastrar pola dobre moral e o dobre raseiro... pero non temos inxenuidade evanxélica
  • de tan bos que nos sentimos, somos capaces de reprocharlle a Deus o comportamento comprensivo e misericordioso co irmán ou co irmá, botándolle na cara non ternos dado un año para facer festa. 
  • ... e tamén reproducimos o comportamento do fillo máis novo cando:
  • pedimos talentos, dons, bens.... e malgastámolos enterrándoos e non poñéndoos ao servizo dos demais
  • lle esiximos aos outros, esquecendo o respecto, a caridade e a educación
  • imos polo mundo sen principios nin criterios, simplemente formando parte do anonimato da masa
  • deixamos que nos rouben ou nos pisen os nosos valores e os nosos dereitos
  • nos desentendemos de Deus, esquecéndoo, marxinándoo, manipulándoo, tentando comerciar con El... e mesmo compralo.
  • degradamos a dignidade que Deus pousou no noso corazón, hipotecando a nosa liberdade, vendéndonos ao mellor postor
  • non somos quen de arrepentirnos para volver comezar de novo
· Veña, non desaproveitemos esta nova oportunidade!!!!!!. Poñámonos en camiño cara Deus... Entremos na festa pola porta grande... a da misericordia.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Coresma é tempo de cambio persoal e comunitario, non de palabras baleiras; por iso dicimos xuntos:
GRAZAS, PAI BO, POR DARNOS TANTAS OPORTUNIDADES
Para que a Igrexa se esforce sempre, pero especialmente neste tempo de coresma, en ser corazón aberto á misericordia e ao cambio de actitudes en todas as persoas que a formamos, OREMOS.
GRAZAS, PAI BO, POR DARNOS TANTAS OPORTUNIDADES
Para que nas nosas comunidades deixemos de pasarnos contas uns a outros do moito que fixemos e do bos que somos, e aprendamos a valorar que só seremos capaces de medrar coma persoas cando recoñezamos a nosa fraxilidade e vulnerabilidade, OREMOS.
GRAZAS, PAI BO, POR DARNOS TANTAS OPORTUNIDADES
Por nós, para que na vivencia da nosa fe non nos deixemos ir polo camiño da pasividade, da comodidade, da rutina, senón que unha e outra vez redescubramos na nosa vida a túa presenza sempre sorprendente, OREMOS.
GRAZAS, PAI BO, POR DARNOS TANTAS OPORTUNIDADES
Grazas, Señor, porque unha vez máis dásnos a oportunidade de vivir a fe desde a vida de cada día, axudándonos a descubrir a túa presenza, presenza salvadora, acompañante e sempre, sempre agarimosa. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Cada mañá saes ao balcón
e oteas o abrente por ver se volvo.
Cada mañá baixas saltando as escaleiras
e botas a correr pola eira
cando me adiviñas ao lonxe.
Cada mañá abrázasme fortemente,
sen pedir explicacións.
Cada mañá contratas unha orquestra
e organizas unha festa para min.
Cada maña disme ao oído:
hoxe podes comezar de novo.
(P. Loidi)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...