SEÑOR, DÉIXAA AÍNDA UN ANO MÁIS
SINAL DE CORESMA
Colocamos o terceiro pétalo da nosa flor no que escribimos: “Déixaa aínda un ano máis”.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Xesús, chamado amigo (Nº 89)LECTURAS: Eu soñei( Nº 58)
OFERTORIO: Na noite escura (Nº 104)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (nº 103)
PARA NON PERDER O PASO
“Castigo de Deus“ é unha expresión que adoitamos escoitar cando sucede algunha traxedia. Pronunciar esta frase produce consolo a quen considera que Deus é un xuíz severo que, con frialdade, examina a vida e as obras dos seus fieis, ditando sentencia condenatoria para os culpables. Ao fin e ao cabo, “Deus premia aos bos e castiga aos malos”, dixéronnos desde crianzas.Porén, estas afirmacións non se corresponde cun Deus que parece calar as máis das veces diante da inxustiza, da dor e da opresión humana. Para algunhas persoas Deus non intervén sempre, senón que manda un recado de cando en vez, a modo de escarmento, para que esteamos á espreita.
Pero é este o rostro do Deus de Xesús?. A resposta, unha vez máis, vén da man da Palabra, que nos lembra que non, que Deus non é partidario de escarmentos, senón que ten unha paciencia infinita. Por iso ninguén debe tomar o seu nome en van, utilizando a traxedia humana como mecanismo de xustificación propia.
Que a celebración que agora comezamos, neste terceiro domingo da Coresma, nos axude a non utilizar o nome de Deus para xustificar os nosos complexos, os nosos infantilismos e as nosas ansias de poder.
CO CORAZÓN FERIDO
- Por non dar entendido que criar á xente miúda, construír unha familia, coidar aos pais e ás nais maiores, cultivar a amizade ou acompañar a quen precisa de nós non é desaproveitar a vida, senón vivila desde a súa verdade máis plena; SEÑOR, DANOS OUTRA OPORTUNIDADE PARA CAMBIAR.
- Porque son demasiadas as ocasións nas que culpabilizamos a Deus do que en realidade é froito da nosa incompetencia e da nosa incoherencia; CRISTO, DANOS OUTRA OPORTUNIDADE PARA CAMBIAR.
- Por non dar entendido que o feito de que a terra sexa sagrada esixe de nós un compromiso fondo e serio por coidala; SEÑOR, DANOS OUTRA OPORTUNIDADE PARA CAMBIAR
ESCOITANDO A TÚA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Moisés pastoreaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía. E dixo para si: "Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira".En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira:
- "¡Moisés! ¡Moisés!"
El respondeu:
- "Aquí estou".
Díxolle Deus:
- "Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada".
E engadiu:
- "Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob".
Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.
O Señor díxolle:
- "Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel, ós lugares dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos.
Moisés replicou:
- Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós.
Mais eles preguntaranme: ¿E cal é o seu nome? ¿Que lles direi eu entón?"
Deus respondeulle a Moisés:
· "EU SON O QUE SON".
E engadiu:
· "Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós".
E mandoulle aínda:
· "Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS
Irmás e irmáns:Eu non quero que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos comeron o mesmo alimento espiritual, pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo. Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron.
Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.
Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos. ¡De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. Xesús respondeulles:· ¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao viñador:
· "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?"
El respondeulle:
· "Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".
PALABRA DO SEÑOR
UNHA PALABRA QUE AGROMA
· “Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos”. De novo neste domingo da Coresma somos invitadas e invitados a abrir os ollos, os oídos e o corazón para poñerlle rostro e nome a tantas persoas que ao noso lado son descartas por unha sociedade que só busca o rendemento económico e que só se move polo poder e polos cartos. Porque só se somos capaces de entender que “os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angustias das persoas do noso tempo, sobre todo das persoas pobres e das que sofren, son á vez os gozos e as esperanzas, as tristuras e as angustias das persoas discípulas de Cristo” estaremos dando razón da nosa fe e da nosa esperanza. Saber escrutar os sinais dos tempos para poder descubrir neles a Deus é fundamental na praxe cristiá. O discernimento, como ben nos lembra o papa Francisco é un proceso fundamental. Pero... canto nos custa: as présas, o individualismo, a inconstancia, a falta de compromiso... van aniñando no noso corazón e recubríndoo dunha coraza de indiferenza e insensibilidade.· “Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel”. Mais non abonda con escoitar, senón que a escoita e o discernimento son o paso previo á acción. De que nos vale sensibilizarnos se logo non actuamos? De que nos vale compadecernos se permanecemos inmóbiles ante o sufrimento? O Deus de Israel sabe o que sucede e sente a dor dos homes e das mulleres de todos os tempos, de toda a historia, coma se fose propia. Que lonxe está esta imaxe de Deus que nos achegan os textos bíblicos da que nós, coma Igrexa transmitimos ao noso redor coas nosas obras.
· “Señor, déixaa aínda un ano máis”. O Deus que nos revelou Xesús de Nazaré non é un garda de tráfico que estea á espreita tratando de cazar infraccións para poñer despois un castigo, senón que ten máis que ver coa imaxe dunha persoa paciente que volve ano tras ano para ver se a figueira deu froito. Toda unha declaración de intencións: precisamos coidados, precisamos tempo, precisamos unhas persoas das outras, precisamos sentírmonos queridas, valoradas e acollidas, porque somos fráxiles, porque somos dependentes, porque nos necesitamos. Que non fagamos oídos xordos á coresma, unha nova oportunidade que Deus pon na nosa vida para que miremos cara dentro e sexamos capaces de mudar.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Con confianza na túa misericordia, compartimos este momento de oración comunitaria dicindo:SEÑOR, GRAZAS POR COIDAR DE NÓS
- Pola Igrexa, para que o arrouto de crerse por riba do ben e do mal dea paso á reflexión de sentir a necesidade de escoitar todas as voces, sen exclusións; OREMOS.
- Para que non esquezamos nunca que o noso esforzo ten que ser vivir en comunidade, superando o individualismo de crernos mellores, superiores e máis importantes; OREMOS.
- Por nós, para que este tempo de coresma sexa a auga, o abono e o sol que fagan posible que deamos froito; OREMOS.
- Seguimos rezando polo papa Francisco; para que nestes momentos de enfermidade e fraxilidade Deus sexa o seu alento e a súa forza, OREMOS.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Señor:Non é a primeira vez que vés
e que a figueira mostra as súas follas arrogantes
-verdes, grandes, ásperas, sen froito-, enganándote.
Sabes que ocupa un terreo fértil,
que suaches e cansaches coidándoa para que dera os mellores fillos.
E foi inútil.
E, aínda que tes ganas de cortala, o teu corazón resístese.
Cavarás a súa terra, botaraslle esterco de novo…
Déixaa un pouco máis.
Déixanos un pouco máis, Señor, e cóidanos.
Comentarios