Ir al contenido principal

A exaltación da Cruz 2025

SEMENTAR ESPERANZA: VELAÍ A NOSA TAREFA

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Amig@s nas penas e na festa amigos 

  • LECTURAS: Señor Xesús (Nº 52)

  • OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

  • COMUÑÓn: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe é a festa da Exaltación da Cruz. E pode ser que nunha sociedade coma a nosa, que busca apaixonadamente a comodidade e o máximo benestar, haberá xente que se pregunte polo sentido desta festa. Porén, se cadra máis ca nunca, cómpre lembrar que cando celebramos a cruz non enxalzamos o sufrimento, a inmolación e a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade dun Deus que quixo compartir a nosa vida... e a nosa morte. A cruz é a revelación do noso destino: o triunfo de Cristo é a vitoria de todas as persoas.

Ninguén nos vai quitar as dificultades, a dor, os problemas, as preocupacións; pero si sabemos que todas elas poderán ser superadas naquel en que pomos a nosa forza, a nosa esperanza, a nosa vida. Aquel que soubo superar o fracaso e abrirse á esperanza. Tamén a nós, seguidoras súas e seguidores seus, convídasenos neste día a non esquecer que a morte, todas as mortes -non só as físicas-, que se producen no noso mundo, poden ser vencidas. Fagamos un exercicio de memoria e lembremos como tantas cousas que noutro tempo nos parecían imposibles, hoxe están acadadas. E aí non paramos, a historia, a nosa historia é lineal, non cíclica, sempre aberta á esperanza e ao futuro. Por iso a cruz é sinal de contradición e superación: o mal foi vencido, a esperanza está a chegar.

Participemos sen nostalxia, pero si con fe da celebración que agora comeza.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Pola dureza do noso corazón, que nos fai insensibles diante do sufrimento de tantos e tantas irmáns e irmás nosos, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Porque somos moi dados a xulgar, condenar e crucificar aos demais; pero non mostramos a mesma dispoñibilidade cando se trata de dar oportunidades, de perdoar ou de acompañar, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Por ternos quedado na crucifixión, sen camiñar cara á resurrección, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

PALABRA QUE SALVA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

O pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: ‑"¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?" O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: ‑"¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!" Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés: ‑"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS FILIPENSES

Cristo, con ser de condición divina,

non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;

senón que se espiu do seu rango,

asumiu a condición de escravo;

fíxose un home normal e presentouse coma tal

abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,

¡e a morte na cruz!

Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un título que está por riba de calquera título

para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo

no ceo, na terra e mais no abismo,

e para que toda lingua proclame

para gloria de Deus Pai

que Xesús Cristo é o Señor.


PALABRA DO SEÑOR 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DE XESÚS SEGUNDO XOÁN


Díxolle Xesús a Nicodemo:

  • E ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

  • O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían. Tampouco era un embaucador que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tanta xente que pon a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres?. É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo. 

  • Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño. 


FRATERNIDADE ORANTE

Con agradecemento porque Deus non enviou ao seu Fillo ao mundo para xulgar, senón para salvar, dicimos:

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

  • Pola Igrexa, por todos e todas nós, para que non nos ocupemos tanto de xulgar e condenar como de salvar e acoller, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

  • Polas nosas comunidades, para que a fe sexa alento que nos empurre a crear espazos de colaboración, perdón, acollida e misericordia, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

  • Por tantas persoas que viven na cruz, nas distintas cruces que temos creado neste mundo deshumanizado: a cruz da guerra, a cruz da violencia, a cruz do roubo da dignidade, a cruz da desigualdade, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

  • Por cada unha e cada un de nós, para que sempre sintamos na nosa vida a ledicia de que Deus envía ao seu Fillo non para xulgarnos, senón para salvarnos, OREMOS. 

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

Grazas, Señor, porque día a día nos dás mostras da túa misericordia e nos mostras a túa salvación no noso quefacer cotiá. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

A miña forza e o meu fracaso es ti.

A miña herdanza e a miña pobreza.

Ti a miña xustiza, Xesús.

A miña guerra e a miña paz.

A miña libre liberdade.

A miña morte e a miña vida.

Palabra dos meus berros.

Silencio da miña espera.

Testemuña dos meus soños.

Cruz da miña cruz.

Causa da miña amargura.

Perdón do meu egoísmo.

Crime do meu proceso.

Xuíz do meu pobre pranto.

Razón da miña esperanza.

A miña terra prometida es Ti.

A Pascua da miña Pascua.

A nosa gloria por sempre, Señor Xesús. Amén.

(P. Casaldáliga)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...