Ir al contenido principal

25 Domingo TO C 2025

 NON É MÁIS FELIZ A PERSOA QUE MÁIS TEN, SENÓN A QUE MENOS PRECISA

CANTO

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

  • LECTURAS: Xesús chamado amigo (Nº 89)

  • OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)

  • COMUÑÓN: Pan do ceo (53)

OLLOS ABERTOS

As persoas que temos a sorte de ter nado na cara amable do mundo, coidamos que os cartos son solución para todo. Invítasenos a vivir nun mercadeo constante, e mesmo parece que todo e todas as persoas se poden mercar, que sempre hai un prezo para poñerlle ás nosas accións, aos nosos valores, á nosa vida. 

Mais a realidade vainos demostrando que non é así, que as cousas verdadeiramente importantes da vida, aquelas que enchen o noso corazón de alegría, non se poden mercar cos cartos: unha aperta, o sorriso da persoa que queremos, unha sorpresa....

Non é en ter onde atopamos sentido, senón na solidariedade que nos abre aos demais e na sinxeleza de quen busca vivir con dignidade e ser feliz vivindo co necesario, sentindo que as pequenas cousas seguen a ser importantes.



CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por non termos sabido descubrir e transmitir o que significa a austeridade, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.

  • Polas veces nas que nos creamos falsas necesidades que nos invitan a comprar, a acaparar, a posuír cousas que en realidade non precisamos, CRISTO, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.

  • Porque seguimos equivocados, pensando que a fe tamén é reducible a un negocio no que se paga polos favores recibidos, esquecendo a gratuidade e o amor, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.



PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS


Escoitade isto, vós que asoballades o pobre e exterminades a xente humilde do país; vós que dicides: "¿cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo e o sábado para fornecer o gran traficando ata co salvado, para minguar a medida, aumentar o prezo e defraudar con balanza falsa, para mercarmos por diñeiro o mendigo e o pobre pola débeda dun par de sandalias?".

Xura Iavé pola soberbia de Xacob: "Endexamais non esquecerei os seus delitos.


PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

Benquerido irmán:
Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea baseada no pleno respecto mutuo e na decencia. Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade.
Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou coma rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑digo a verdade e non minto‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús díxolles tamén ós seus discípulos:Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
O administrador púxose a cavilar: "¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. ¡Ora! ¡Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: "¿Ti canto lle debes ó meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
Despois preguntoulle ó segundo: "¿Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Por iso eu avísovos:
Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE ALUMEA A NOSA TEBRA

Como diciamos no pórtico, no noso mundo parece que todo ten un prezo. Todo pode comprarse, tamén as persoas, e se cadra aínda máis nestes tempos de crise: económica, moral, de valores.. Como nos tempos de Amós, moitos tamén seguen preguntándose a que país poderemos mandar os cartiños para telos seguros, onde poderemos conseguir man de obra barata, quen estará máis desesperado para facernos este traballo por menos soldo... En definitiva, estamos pagando as consecuencias de facer sinónimos cartos e felicidade, de axeonllarnos diante do deus mercado, de deshumanizar a economía...e iso fai que pouco a pouco o noso corazón se vaia corrompendo e busque escusas para venderse ao mellor postor. Xa non hai ideais, xa non hai coherencia, xa non hai honestidade, xa non hai…. Vendemos todo!. A corrupción está á orde do día. Unha meirande parte dos nosos representantes públicos non se decata de que son simples xestores, e malgastan ou estafan os cartos que son de toda a cidadanía, recortando logo drasticamente en asuntos sociais nos que non cabe recortar. Quen sae prexudicado?. Pois, coma sempre, as persoas máis débiles.
E a esta compra-venda tampouco é allea a nosa Igrexa, que en demasiadas ocasións esquece que o seu é vivir na gratuidade e na austeridade. E é que no fondo tomos temos algo de comerciantes, e é tan tentador vivir en pecado!. Parécenos que a Eucaristía na que rezamos aos nosos defuntos ten máis valor se nos cobran o estipendio correspondente e se é unipersoal ou unifamiliar; cremos que se chega antes ao ceo se no funeral hai tres ministros en vez dun só; pensamos que somos mellores se poxamos por levar aquel santo na procesión....E, pola banda dos que mandan, a cousa non está mellor. Pagámoslle a un compañeiro porque nos vén presidir unha celebración o día da festa, cobramos estipendios abusivos, pensamos que é unha boa parroquia aquela na que os seus fregueses teñen un bo nivel económico, estamos dispostos a presidir celebracións coma churros se nos pagan convintemente. Pararnos, falar coa xente, escoitar.... menudas chorradas!!!!!!!. O único importante é o culto, sobre todo ao deus mercado, que fai medrar a nosa conta corrente. En resumo, en moitos casos tanto xerarquía como laicado cremos que se pagamos polos servizos relixiosos, estamos mellor xustificados e temos máis dereitos.
Por iso que ben nos vén repetir o que o Señor nos lembra no evanxeo; aquilo de que non podemos servir a Deus e aos cartos, porque amaremos a un e aborreceremos ao outro. E isto é o que está a pasar na nosa igrexa: non só que o deus son os cartos, senón tamén que os “representantes de Deus” fixeron un becerro de ouro, o dos cartos, diante do que se prostran esquecendo que son a gratuidade, o amor e o servizo, os camiños que temos que andar. Unha vez máis, a Palabra chámanos a sermos coherentes, a non deixarnos corromper, a sermos fieis e responsables no pequeno, nesas cousas miúdas que van tecendo a nosa vida, a non esquecermos que os cartos non dan a felicidade. Axúdanos, Señor, para que a corrupción, ningún tipo de corrupción, aniñe no noso corazón.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentámosche agora as nosas peticións comunitarias dicindo:

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Pola Igrexa, para que nunca esquezamos que só teremos autoridade moral cando abandonemos o comercio para sermos servidores da xente, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

  • Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, OREMOS.

SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA

Deus, que en Xesús pronuncias unha palabra radical sobre a imposibilidade de servirte a Ti e aos cartos, axúdanos a sermos radicais tamén e a traballar por unha economía sometida ás leis da ética e do amor. PXNS.

LUZ PARA O CAMIÑO

Xesús, Mestre bo,
ensínanos o camiño para vivir solidariamente.
Axúdanos a converter o noso corazón duro
nun corazón sensible e cércano a todas as persoas que sofren.
Ensínanos a saber descubrir a dor, o sufrimento e as necesidades da xente.
Danos a sinxeleza precisa para conmovernos diante do próximo
e para acudir na súa axuda.
Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,
que aprendamos a dar todo o que temos:
as nosas cousas, o noso tempo, o noso esforzo, a nosa vida enteira,
para que outra xente viva máis e mellor.
Axúdanos a ter compaixón, que non é lástima,
senón solidariedade activa e compromiso coa outra persoa.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...