Ir al contenido principal

SAGRADA FAMILIA 2008

E Deus fíxonos familia

PÓRTICO

A luz e a alegría do nacemento de Xesús en Belén enchen as nosas vidas neste tempo de Nadal. Hoxe, festa da Sagrada Familia, contemplamos o misterio de Belén: Xesús, María e Xosé.

Unha familia sinxela que é luz para todas as familias do mundo. Á luz da Sagrada Familia, os bispos invítannos, na Xornada de Familia e Vida, a considerar a importancia da familia e o valor de toda vida humana.

Este ano o lema é unha frase de san Paulo: «Con todo, a nosa cidadanía está no ceo» (Flp 3, 20), o que nós supón e esixe un verdadeiro compromiso como cidadáns no aquí, na terra. Porque o Reino, inda que ten a súa plenitude a carón de Deus no ceo, supón e esixe o noso traballo, para poder gozar desa cercanía, no aquí da terra.

PERDÓN

· Porque moitas veces non somos capaces de respectar a pluralidade existente nas nosas familias, Señor, que sexamos familia no amor.

· Porque moitas veces non poñemos da nosa parte esforzo para crear un clima de entendemento e paz nas nosas familias. Cristo, que sexamos familia no amor.

· Por non conseguir integrar a Deus no camiñar das nosas familias.Señor, que sexamos familia no amor.

REMUÍÑO

Nesta festa da Sagrada Familia, a Igrexa invítanos a contemplar a vida doméstica de Xesús, María e Xosé. Deus feito home quixo nacer, vivir e ser educado nunha familia. A familia é o primeiro ámbito educativo e de integración na sociedade. O «Deus connosco» quixo tamén vivir a experiencia da vida familiar.

O libro do Eclesiástico dinos como Deus bendí ao que honra e respecta ao seu pai e á súa nai. Sen este respecto non é posible a educación. Coa autoridade que Deus lles confiou, os pais deben asumir a súa responsabilidade de ser educadores. Ás veces deberán contradicir os caprichos dos seus fillos para que aprendan o esforzo, o sacrificio, a renuncia, o dominio propio, a confianza, a comunicación... o respecto. Sen valores como estes, a convivencia familiar e social é moi difícil que se vaia construíndo.

San Paulo retoma o tema do cuarto mandamento, «honrarás ao teu pai e á túa nai», como fundamento das relacións familiares. Unhas relacións que han de estar asentadas no amor e respecto mutuo, froito da igualdade e a colaboración entre os membros da comunidade familiar.Así, a humildade, a comprensión, a dozura, o perdón, serán actitudes que axuden a que vaia crecendo esa comunidade de vida e amor, que é a familia.

A Xornada de Familia e Vida, invítanos a considerar unha verdade profunda da nosa vida cristiá e familiar: é o amor e non outras cousas o que vai facendo xermolar e crecer a familia. Sabemos que estamos de paso, pero tamén sabemos que namentres esteamos aquí o noso esforzo ha de ser o de ir sementando pequenas sementes de esperanza, acollida, paz, confianza, diálogo, aceptación do outro, igualdade, aceptación da diferenza... Por que? porque Deus non nos invita a anquilosarnos en estruturas inamovibles e froito dun tempo, senón a poñer no centro de toda relación o amor .Será este o que marcará o camiño da nosa cidadanía no ceo, e non outras cuestións, secundarias aos ollos de Deus. É labor educativo de pai e nai ,facer que estas actitudes sexan as que vaian asentando a relación, a comunicación e o crecemento no seo familiar.

ORACIÓN DÁ COMUNIDADE

Oremos, irmáns, a Deus, Pai e Nai de tod@s nós, e pidámoslle que escoite a oración da súa Igrexa a favor de todas as familias sen exclusión. Digámoslle:

Que asentemos a familia no amor.

Pola Igrexa de Deus, para que sexa a nai con brazos abertos para acoller e perdoar a cantos, desde o amor, queren ser familia, Oremos. Que asentemos a familia no amor.

Que asentemos a familia no amor.

Por tódolos membros do pobo de Deus: o papa Bieito, bispos, sacerdotes, diáconos, relixios@s e leig@s, sempre comprometid@s en difundir a mensaxe evanxélica de respecto a favor de toda vida: non nacid@s, explotad@s, encarcerad@s, enferm@s da sida, sen teito,vell@s, nen@s escravizad@s... Oremos. Que asentemos a familia no amor.

Que asentemos a familia no amor.

Polas autoridades civís, para que teñan sempre presente o valor e a dignidade de toda vida humana, nacida ou por nacer; adulta ou en crecemento, e promovan leis que protexan tódalas vidas e posibiliten o respecto ás familias. Oremos. Que asentemos a familia no amor.

Que asentemos a familia no amor.

Polas familias cristiás, para que transmitan fielmente aos nen@s e aos moz@s a fe en Xesucristo e o respecto a tódolos seus membros: av@s, pais, irmáns... Oremos. Que asentemos a familia no amor.

Que asentemos a familia no amor.

Por todas as familias do mundo, especialmente polas que sofrenas probas do fame, a guerra, o paro ou as catástrofes naturais, para que sentan o apoio de todas as persoas de boa vontade e poidan refacer os seus fogares e as súas vidas. Oremos. Que asentemos a familia no amor.

Escoita, Pai e Nai de misericordia, as nosas súplicas, e axuda ás nosas familias, para que a exemplo da Sagrada Familia sexan santuarios do amor, Igrexas domésticas e fogares que comparten cos necesitados. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

REFLEXIÓN

Nacestes xuntos e xuntos para sempre.

Estaredes xuntos cando as ás brancas da morte espallen os vosos días.

Si; estaredes xuntos aínda na memoria silenciosa de Deus. Pero deixade que haxa espazos na vosa proximidade.

E deixade que os ventos do ceo dancen entre vós.

Amádevos o un ao outro, pero non fagades do amor unha atadura.

Que sexa, máis ben, un mar movible entre as costas das vosas almas.

Enchédevos un ao outro as vosas copas, pero non bebades dunha soa copa.

Dádevos o un ao outro do voso pan, pero non comades do mesmo anaco.

Cantade e bailade xuntos e estade alegres, pero que cada un de vós sexa independente.

As cordas dun laúde están soas, aínda que treman coa mesma música.

Dade o voso corazón, pero non para que o acapare o voso compañeir@.

Porque só a man da Vida pode conter os corazóns.

E estade xuntos, pero non demasiado xuntos.

Porque os alicerces do templo están aparte.

E, nin o carballo crece baixo a sombra do ciprés nin o ciprés baixo a do carballo. (C.G.,El Profeta)

MONICIÓN DE DESPEDIDA

Chegamos, irmáns, ao termo desta celebración. O Señor, que nos convocou neste día da Sagrada Familia, envíanos agora ao mundo para que levemos a todos a boa noticia do plan de Deus sobre a familia, coas nosas palabras e, sobre todo, co exemplo. Que a nosa vida sexa un signo luminoso da esperanza cristiá.

CANTOS

Entrada.- Unha parroquia nova

Lecturas.-Eu soñei / Somos cidadáns

Somos cidadáns dun mundo que necesita debuxar unha pomba,

un corazón en cada un dos homes, e unha ilusión que nunca morra.

Por iso estamos aquí, connosco podes contar,

e deixaremos as maletas a un lado, para ter os brazos desocupados,

o corazón cheo de amor.

Comuñón.- Quédate, Señor, connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...