Ir al contenido principal

DOMINGO XX T O

Cando a persoa é o centro, a fe non é letra morta, senón vida e salvación

Pórtico

As persoas temos a manía de colocarnos etiquetas que resaltan as nosas facetas. Así, hai quen nace listo ou torpe, marxinado ou integrado, pobre ou rico…. e tamén bo ou malo. Partindo de aquí, dividimos o mundo en dous cun muro entre eles.
Porén, Xesús dinos que o mundo é a casa de todos e para todos, sen excluír a ninguén, sen poñer etiquetas. Que saibamos abrirnos á súa Palabra, que unha vez máis, nos fala de respecto, igualdade e multiculturalidade.

PERDÓN

• Que non esquezamos nunca que a universalidade da fe, supón e esixe a preocupación e compromiso por cantos temos máis preto, SEÑOR, AXÚDANOS A NON EXCLUÍR.
• Porque en demasiadas ocasións miramos con receo e desconfianza a todas aquelas persoas diferentes a nós na súa cor, na súa cultura, no seu país de orixe, CRISTO, AXÚDANOS A NON EXCLUÍR.
• Porque seguimos vivindo unha fe desencarnada, chea de ritos baleiros, esquecendo a dimensión social de practicar a xustiza que hoxe nos lembra o profeta, SEÑOR, AXÚDANOS A NON EXCLUÍR.



REMUÍÑO
• O desconcerto de Xesús diante da fe da muller cananea: Na vida de Xesús tamén se foi dando unha evolución no xeito de entender e ver as cousas. O Evanxeo de hoxe é unha moi boa mostra disto. Nun principio Xesús, como xudeu que era, ten tamén prexuízos respecto da muller cananea. E coma tal, parece poñer escusas ao que ela lle vai pedindo, pero o trato directo con ela, o ila coñecendo mellor, e non deixarse levar pola primeira impresión ou polo que era costume e tradición en Israel, vai facendo que cambie de opinión. Podemos ver como Xesús acaba pondo a forza en todo este diálogo na riqueza interior, na fe da muller. Tanto é así que todo o demais pasa a un segundo plano. Tamén nós actuamos así?. Ou máis ben somos dos que nos apegamos a formas, costumes, tradicións…letra morta, nunha palabra, na maneira de vivir a fe. É dicir, somos entón de piñón fixo?, buscando máis doado e cómodo, a seguridade que nos dá estar sempre rodeados dos nosos: os que nos rin as grazas, os que nos aplauden, os que asenten a calquera cousa que digamos… somos dos que facemos da fe unha burbulla que non nos deixa entrar en diálogo e contacto con quen pensa e sente distinto, impedíndonos entender, escoitar e comprender ao que ten visión distinta da nosa?.
• Ela, a muller cananea, era para os xudeus: estranxeira, desconcertante, pobre, pagán,alguén a quen non se lle debía nin facer caso nin prestar atención. Pero ela é tamén a representación do novo que se inicia en Xesús: a universalidade. A mensaxe de Xesús non é excluínte, ao contrario, a súa universalidade pon de manifesto a necesidade de superar prexuízos e precomprensións, tan presentes en nós, por desgraza. É este un tema que está moi ben plantexado no Evanxeo de Mateu. Para el non hai oposición entre local e global, entre o propio e o universal; ao contraio, están chamados a manter a tensión entre os dous, sabendo que un leva, necesita ao outro. Que lonxe está esta actitude de Xesús deses ventos que hoxe se escoitan nuns e noutros falando de que se ti si, eu non; e viceversa. Que lonxe deses comportamentos excluíntes que moitos, mesmo aqueles que se din cristiáns e seguidores de Xesús, teñen neste momento no relixioso, no político, no cultural, no lingüístico, no económico…!.A misión concrétase nun lugar e nun tempo, pero a mensaxe, o evanxeo, ten que ser sempre universal: “ide e pregoade”.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos nas mans de Deus e compartamos a nosa oración dicindo xunt@s:

QUE LLE FAGAMOS A VIDA AGRADABLE AOS DEMAIS

• Pola Igrexa, especialmente polos seus pastores, para que saiban descubrir que a fe non se impón, senón que se ofrece desde o respecto a todos e a fidelidade a Xesús, e non á letra das formulacións teolóxicas, OREMOS.

QUE LLE FAGAMOS A VIDA AGRADABLE AOS DEMAIS

• Polas nosas comunidades, para que non sexan guetos pechados en si mesmos, senón que estean sempre abertas a acoller a todas as persoas, sen importar a súa orixe, OREMOS.

QUE LLE FAGAMOS A VIDA AGRADABLE AOS DEMAIS

• Por nós, para que saibamos ir renovando as maneiras no medio, que non o fondo o fundamental, de expresar e sentir a fe; e así poder seguir dando razón da nosa esperanza e atopando en Xesús, o camiño que dea sentido a nosa vida. OREMOS.

QUE LLE FAGAMOS A VIDA AGRADABLE AOS DEMAIS

Señor, que nos esforcemos cada día en facerlle a vida máis feliz a cantos comparten con nós ilusións e proxectos. PXNS. Amén.

reflexión
( LESE O TEXTO DO CANTO “EU SOÑEI” )

Eu soñei que algunha vez, todo o mundo era un fogar,
todo o mundo unha familia, unha familia universal.
Unha casa que eu soñei, coas portas sen pechar,
todo o mundo unha familia, unha familia universal.

Xa se abren fronteiras e caen os muros,
e téndense as mans e vívese en paz,
e fálase en linguas e rézase unidos,
sen medos podemos cantar.

Destrúense as armas, abáixanse os montes,
o mar xa non brúa e amaina o trebón.
E come o famento e o pobre respira,
cantando sen medo a canción.

CANTOS
• Entrada: Andarei a presenza do Señor
• Lecturas: Ide e pregoade
• Ofertorio: Na nosa terra
• Comuñón: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...