Ir al contenido principal

Domingo 28 TO

Nas vacas gordas e fracas, El segue ao noso lado
PÓRTICO
Sabemos dar consellos, impartir doutrina, explicar as Escrituras, instruír na oración, falar de Deus… Temos o mercado aberto para toda aquela persoa que queira vir e mercar. Lemos e estudamos a Boa Nova. Sabemos ensinar; pero practicamos o que ensinamos?. Sabemos indicar claramente o camiño; pero son na nosa vida o que son na nosa palabra?. Falamos e anunciamos ledicia, paz, plenitude; pero probamos algo diso?. O mercado interior é tal que se non somos quen de apreciar co noso uso e coa nosa ledicia o que aos outros lle propoñemos, baixará a demanda.
Que a celebración que agora comezamos nos ensine a nos axude a aprender a disfrutar da Boa Nova e do banquete, para poderllo repartir a todas as persoas.

O PERDÓN
  • Porque non estamos dispost@s a cambiar o noso traxe e así seguimos vestíndonos co gris do individualismo, do materialismo, do pasotismo, SEÑOR, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN.
  • Polas demasiadas ocasións nas que nos escudamos na afirmación e na crenza de que “as cousas son así porque Deus o quere”, botando balóns fóra e eludindo a nosa responsabilidade, CRISTO, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN. 
  • Porque non estamos dispost@s a saír de nós mesm@s para ir ao encontro e invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos que ninguén invita, acolle ou acompaña, SEÑOR, VISTE DE FESTA O NOSO CORAZÓN.
REMUÍÑO
  • En tempos de crise como son os que estamos a vivir, a lectura que vimos de escoitar de Paulo, é toda unha chamada para que os que nos consideramos seguidores de Xesús aprendamos a estar no mundo: ”hoxe sei vivir na miseria e na fartura”. De verdade poderíamos nós dicir o mesmo?. Máis ben nós estamos moi acostumados a vivir na fartura, pero pouco ou nada na miseria; é dicir, na dificultade, no sacrificio, no esforzo, no aforro... situacións, mesmo valores, que sendo importantes para ir facendo a personalidade de cada un de nós, témolos deixado de lado. Por iso en momentos de dificultade económica, cultural, política, relixiosa... rapidamente nos vimos abaixo, desanimámonos, e como se di agora, entramos en estado de depresión, e todo nos vai desesperanzando e desilusionando. Nesta situación, é bo non esquecer o que de alento supón a Palabra de Deus que vimos de escoitar. Madurar, crecer, supón aprender a afrontar os retos que a vida nos vai pondo diante, deixando atrás o fácil, a queixa, o laio, a nostalxia, para comezar a afrontar as situación e a tentar darlles resposta. Unha resposta que non temos que ir buscando solos; a comunidade, aquela da que tantas veces falamos, e pouco nos esforzamos por construír, ha ser a compañeira de viaxe neste camiño.
  • Diante das dificultades non debemos perder a nosa capacidade de análise, de reflexión, sen deixarnos levar nin do primeiro que se nos ocorra nin do que nos resulte menos esforzado. Coma Paulo, tamén temos forzas grazas a quen nos fai fortes, grazas a quen nos reúne hoxe aquí; grazas a quen nos vai acompañando no camiño da nosa vida. Sabemos da súa presenza e sentimos a súa forza?. Ou non?. Porque ao mellor, se non é así, teríamos que preguntarnos se de verdade debemos levar o nome de seguidores seus; se de verdade se nos nota que El é o que dá sentido á vida, e así o vivimos; se El é quen nos vai dando folgos para que a desesperanza e o desalento non aniñen na nosa vida.
  • Porque sabemos que está, inda que moitas veces queiramos ignoralo, podemos chamalo, pois ben seguro que o atoparemos El convídanos, pero estaremos preparados para aceptar a invitación?. Se somos egoístas, corruptos, mentireiros, envexosos, soberbios, escravos de non sei cantas cousas, racistas, insensibles á dor humana...como imos aceptar a invitación de quen nos di que sexamos acolledores, solidarios, libres, xustos, sinceros?. El segue chamando, pero de nós depende que sexamos ou non do grupo dos escollidos. Tomémolo en serio, e deixemos atrás unha fe pechada, integrista e ritual.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Hoxe domingo, día tamén do Pilar, Deus invítanos a responder ao seu seguimento fixándonos no actuar de tantos homes e mulleres, que como María, souberon dicir si a Deus. Fagámolo dicindo xuntos:
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
Pola Igrexa, para que saiba dicir si a Deus desde a fidelidade ao mundo de hoxe; e semente coa súa presenza, a súa palabra e as súas accións a imaxe dun Deus acolledor, xusto, esperanzado e comprometido coas preocupacións das xentes de hoxe. OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos impliquemos en cambiar canto non nos fala de Deus, unindo vontades e forzas para que as cousas muden, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
Por todos nós, para que respondamos á invitación do Señor, cunha vida renovada e cunha fe madura e comprometida, sendo conscientes da vixencia de mostrar a todas as persoas a ledicia de seguir a Xesús, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
Señor, dános azos para que este curso que agora estamos a comezar, dea froitos de boas obras e compromiso a favor dos máis necesitados en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN
Cando veñades, non esquezades traer a vida,
quentiña entre os brazos.
Non sexades espectadores.
Traédea tal e como é, vida vivida:
con ventos e silveiras,
e tamén tecida con lazos de paz e amor.
Vinde sen maquillaxe.
Traede a dúbida, o desencanto, o berro de protesta.
Vestídevos de todo aquilo que se leva hoxe.
Pero o voso interior que chegue ben espido,
con fame de banquete, con arela de festa,
aberto de par en par á vida nova.

CANTOS
  • Entrada: Vinde axiña
  • Lecturas: Xa nos tes aquí 
  • Ofertorio: No colo de miña nai
  • Comuñón: Esa é María

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...