Ir al contenido principal

Domund_2008

“A tarefa da evanxelización de todas as persoas,

constitúe a misión esencial da Igrexa“ (EN 14)

TRABALLAMOS POLA GLOBALIZACIÓN DO AMOR

PÓRTICO

Celebramos hoxe a Xornada Mundial das Misións, o DOMUND, na que a Igrexa, cada un e cada unha de nós, tomamos conciencia da universalidade da nosa tarefa evanxelizadora, porque evanxelizar é transmitir alí onde nos atopamos coas nosas palabras, cos nosos xestos, coas nosas obras… en resumo, coa nosa vida, unha nova sinxela, unha nova próxima, unha nova que é alegría: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós.

Que esta celebración que agora imos comezar nos axude a escoitar a chamada de Deus, que nos invita a responderlle coa nosa vida.

O PERDÓN

  • Porque en demasiadas ocasións da nosa vida seguimos tendo dúas caras, e estamos á espreita para coller aos demais nun renuncio ou nun erro, SEÑOR, TEN PIEDADE DE NÓS.

  • Porque non sementamos paz, amor, caridade, misericordia e reconciliación entre as persoas, senón que seguimos deixándonos levar da carraxe, da xenreira e do pasotismo, CRISTO, TEN PIEDADE DE NÓS.

  • Porque co noso xeito de vida consumista e materialista somos cómplices dun mundo no que as desigualdades sociais e económicas abren unha fenda cada vez máis grande entre os seres humanos, SEÑOR, TEN PIEDADE DE NÓS.

REMUÍÑO

  • Vivimos nun mundo no que as persoas non sempre somos tratadas coma tal, senón que en demasiadas ocasións parece que non somos máis ca números que non teñen un rostro detrás: na sanidade, no censo electoral, nas oficinas de emprego, nos xulgados… Tamén na Igrexa?. Pois ás veces, cando escoitamos o discurso dunha parte numerosa dos seus membros, que semellan máis preocupada polos números (económicos e de persoas) que por poñer á persoa no centro do seu pensar, sentir e actuar, poderiamos dicir que si, que tamén arelan unha Igrexa composta por unha masa anónima e preferentemente sumisa.

Por iso hoxe vén coma anel ao dedo que reparemos no que o Señor nos lembra de mans do profeta Isaías: para Deus non hai anónimos, senón que El chámanos polo noso nome, danos un título. En definitiva, para Deus somos alguén, persoas coas que establece unha relación cercana. Quérenos como somos, sabe o que precisamos mesmo antes de pedirllo. E nós, como vivimos na nosa vida esta Boa Nova?.

  • Agradecid@s a Deus por ter confiado en nós, temos que ir xuntando esforzos, mans e corazóns con aqueles que teñen o mesmo empeño ca nós: non deixar que a ninguén lle sexa negada a súa dignidade. Porque o Evanxeo libera de todo aquilo que vai impedindo que sexamos felices. Por iso a nosa misión coma crentes, a tarefa á que estamos chamad@s é evanxelizar, ou o que é o mesmo: anunciar que a dignidade que Deus nos deu a cada un e cada unha de nós debe ser respectada por riba de diferenzas de cultura, credo ou nivel social e económico. Por que non facemos isto realidade?.l

  • Hoxe, no día do DOMUND, somos invitad@s a botar unha ollada a noso mundo e traballar para que xustiza e igualdade deixen de ser unha utopía para pasar a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención, para tod@s nós, os que estamos no primeiro mundo, para que deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir “pobriños” e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza, ou o que é o mesmo, para facerlle sitio na mesa e que compartan o banquete con nós. Tod@s somos Igrexa, tod@s somos fill@s dun mesmo Pai, por que nos deixamos levar dos fundamentalismos que separan a uns en bos e a outros en indesexables?. Hoxe é un bo día para comprometernos na globalización do amor.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentámosche agora a nosa oración, sabedores de que Ti alentas e acompañas o noso camiñar, por iso che dicimos:

QUE VIVAMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Pola Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que saibamos ser testemuñas da Boa Nova do Evanxeo, anunciándolla a todas as persoas, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Polas nosas comunidades, para que sexan verdadeiramente misioneiras, levando a todas as persoas, especialmente ás máis afastadas e marxinadas, a tenrura, a atención, a acollida, a compaixón e a dispoñibilidade que Deus nos pide, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Por todas as persoas que, en calquera ámbito da súa vida, dun xeito ou doutro son misioneiras, traballando a prol da dignificación de todos os seres humanos, erguendo a súa voz para que se respecten sempre e en todo lugar os seus dereitos, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA SOLIDARIEDADE

  • Polos que hoxe nos xuntamos para celebrar e compartir a nosa fe, para que coa nosa vida contribuamos, alí onde esteamos, a instaurar o Reino de Deus no noso mundo, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA SOLIDARIEDADE

Acolle na túa misericordia a oración que che presentamos, para que coa nosa vida sexamos quen de manifestar a Boa Nova do Evanxeo. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

DISCÍPULOS E MESTRES

Señor, ensínanos a mirar ao ceo,

a gustar das cousas de arriba,

a gardar as túas palabras,

a sentir a túa presenza viva,

a xuntarnos cos irmáns e coas irmás,

a anunciar a túa mensaxe,

a escoitar ao teu Espírito,

a sementar o teu Reino,

a percorrer os teus camiños,

a esperar a túa chegada,

a sermos discípul@s.



Señor, ensínanos a vivir na terra,

a seguir as túas pegadas,

a construír a túa comunidade,

a repartir os teus dons,

a saírmos de Xerusalén,

a investir os talentos,

a disfrutar da creación,

a camiñar polo amplo mundo,

a continuar o teu proxecto,

a morrer dando froito,

a ser cidadáns e cidadás.

Señor, ensínanos a gozar coma fill@s

e a vivir coma irmáns e irmás.

Ensínanos a sermos discípulos e cidadáns.

(Ulibarri, Fl.)

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña

  • LECTURAS: Amóstranos, Señor os teus camiños

  • OFERTORIO:Misioneiro serás

  • COMUÑON: Sede o sal

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...