Ir al contenido principal

Domingo 30 TO

NUNHA SOCIEDADE CON TANTA INFORMACIÓN, DESCOÑECEMOS O QUE É FUNDAMENTAL

Pórtico

Moitas veces estamos tan ateigados de información que nos custa descubrir o fundamental, o verdadeiramente importante. Hoxe máis que nunca chéganos a información a todas horas: por medio de internet, de varias canles de televisión, dos teléfonos móbiles... pero a pesares de estar tan ben informad@s, descoñecemos o fundamental, non nos damos conta do que pasa ao noso carón: non sabemos se o veciño ou a veciña está enferma porque non saíu hoxe; danos igual se desaparece mobiliario urbano ou se hai lixo pola rúa... mentres non me cheire a min…

Hoxe a celebración sitúanos no fundamental da nosa fe. O importante é a persoa e non o que a rodea: coche, moto, móbil…

O PERDÓN

  • Porque a nosa vivencia da fe non ten repercusións na nosa vida cotiá, senón que pola contra, serve para esquecernos da realidade, SEÑOR, QUE RESPECTEMOS A DIGNIDADE DAS PERSOAS.

  • Ti, que nos lembras que non é dentro dos templos, senón no medio das rúas onde temos que aprender a vivir a paz que nos desexamos nas nosas celebracións, CRISTO, QUE RESPECTEMOS A DIGNIDADE DAS PERSOAS.

  • Ti, que denuncias o comportamento de quen se limita a dar golpes de peito, pero é incapaz de perdoar a quen o ten ofendido e de comprender a quen non pensa coma el, SEÑOR, QUE RESPECTEMOS A DIGNIDADE DAS PERSOAS.

REMUÍÑO

A Palabra invítanos hoxe a participar do plan de salvación de Deus revisando os nosos comportamentos e as nosas actitudes en relación cos demais. E isto é fundamental non só que o fagamos, senón que tomemos conciencia da importancia e da necesidade de facelo, pois a fe que nós cremos, e que nos invita a seguir a Xesús, non é un conxunto de verdades pechadas e desconectadas da vida, que debemos crer. Non, a fe que profesamos, e que dentro dun momento confesaremos xuntos necesita ser, non só manifestada cos beizos, senón vivida coas obras, co que facemos, co noso actuar de cada día. Por iso non podemos separala da vida: non pode ir por un lado o que rezamos na igrexa e por outro, en total desconexión, o que facemos cada día. A fe cristiá pide, esixe, un comportamento ético acorde co que cremos. Non falamos entón de algo teórico e abstracto, algo que non vemos, senón que falamos da vida, do que está cercano, do recoñecemento real e concreto de Deus nos irmáns. Tendo isto en conta poderemos entón entender o que nos dicían as lecturas que acabamos de ler e que supoñen revisar, por parte de cada un de nós como son os nosos comportamento en relación cos que veñen de outros países, cos que se senten en dificultades pola perda de persoas queridas e necesitan o noso alento, non a nosa compaixón, pero si a nosa axuda. Axuda que pode ser tempo, palabra ou medios económicos. Coma no libro do Éxodo, tamén hoxe se nos pregunta como é a nosa actitude, o noso trato en relación con respecto dos que están a vivir na dificultade e no sufrimento. E se somos capaces de ver neles a presenza do Señor, non buscando aproveitarnos deles, senón acompañándoos, buscando medios e modos para que poidan saír e superar a situación na que agora se atopan. Non pode entón resultar estraño á fe escoitar as tres afirmacións fundamentais da Palabra hoxe proclamada:

  • Non aflixirás nin asoballarás ao forasteiro nin oprimas ás viúvas e aos orfos.

  • Non te portarás coma un usureiro co pobre ao que lle prestas diñeiro.

  • Amarás ao teu Deus e amarás ao teu próximo.

A última non é máis que a consecuencia das dúas anteriores.Amar a Deus supón e esíxenos facer o esforzo de amar aos irmáns. Sabemos que non é doado, pero aí ten que estar a nosa tarefa, o noso esforzo, o noso reto coma cristiáns hoxe. Facer novenas, ir a procesións, participar nas misas… é fácil, só require un pouco de tempo; o outro é moito máis difícil, porque niso vainos a vida. Lévanos a revisar actitudes, principios, valores e mostralos no noso actuar. Esforcémonos!

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pomos agora enriba do altar a nosa oración como ofrenda do noso compromiso de converter a fe en vida. Fagámolo dicindo xuntos:

QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN

  • Para que no medio da Igrexa non aniñen nunca actitudes nin comportamentos excluíntes e contrarios á dignidade que puxeches en cada persoa, OREMOS

QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN

  • Para que nas nosas comunidades non esquezamos nunca que a salvación só será posible se somos capaces de amar a Deus amando aos irmáns, especialmente aos máis excluídos e esquecidos das nosas parroquias, barrios ou aldeas, OREMOS.

QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN

  • Por nós, para que nos deixemos guiar da sabedoría da Palabra de Deus, unha Palabra que hoxe, unha vez máis, invítanos a seguir a Xesús respectando a dignidade dos irmáns, especialmente dos que menos teñen e máis necesitan de nós, OREMOS.

QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN

Señor, dános azos para que non caiamos na tentación de crernos superiores a ninguén, desprezando a cantos non pensan coma nós ou teñen outro xeito de vivir e entender a vida. P.X.N.S..Amén.

REFLEXIÓN

AMAR

Amar é crer no outro.

Amar é descubrir ao outro.

Amar é darse ao outro.

Amar é aceptar ao outro.

Amar é valorar ao outro.

Amar é facer medrar ao outro.

Amar é abrirse con toda sinceridade ao outro.

Amar é buscar a felicidade do outro, e buscándoa, atopar a propia.

Amar é unha experiencia humana, entrañable, de cada día, difícil de describir, sempre máis grande.

O amor é confianza.

O amor é responder ás necesidades do outro.

O amor pónsenos nas mans, para facelo medrar co noso esforzo.

O amor é verdadeiro cando é de cada día e de todos os días.

O amor apóiase no ser, non no ter.

O amor que se traballa, non morre nunca


CANTOS

  • Entrada: Andarei

  • Lecturas: A túa Palabra

  • Ofertorio: Na osa terra

  • Comuñón: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...