Ir al contenido principal

1 Advento 2008

RISCA AS NUBES DO NOSO CORAZÓN E ENCHÓUPANOS CO TEU AMOR
SIGNO DO ADVENTO (A ELIXIR)
1.- O trevo da esperanza: recortamos as catro follas dun trevo en cartolina. Colocamos un taboleiro diante do altar. Cada domingo poñeremos en cada folla unha actitude que destacamos durante esa semana e colocarémola no taboleiro. O derradeiro domingo quedará completado o noso trevo de catro follas do Advento. Esta primeira semana a actitude que destacaremos é AGARDAR.
2.- O leccionario aberto, nun lugar ben visible do templo, no Evanxeo do día.
PÓRTICO
O Advento é tempo de conxugar, de conxugar os verbos que van expresando o movemento ao que se nos invita no noso ir abríndonos camiño cara á acollida do Deus que nace. Así: agardar, converterse, velar, orar, confiar, esperanzar serán o verbos que nos vaian invitando a preparar corazón e cabeza para acoller a Aquel que chega.
Que tamén nós, que hoxe nos xuntamos para comezar este tempo de renovación e preparación interior, saibamos camiñar cos brazos abertos para acoller de verdade, e non no inmobilismo das figuras dos beléns, a quen vén no nome do Señor e se nos manifesta en tantas situacións que precisan da nosa presenza e das nosas mans.
O PERDÓN
Por non dar entendido que o Reino é tarefa, misión, quefacer apaixoante e comunitario ao que tod@s estamos chamad@s, SEÑOR, ESPÉRTANOS E VARRE AS NOSAS RUTINAS.
Porque somos pesimistas coas persoas e co futuro, como unha defensa e un xeito de non comprometernos coa realidade., CRISTO, ESPÉRTANOS E VARRE AS NOSAS RUTINAS.
Por ter convertido o tempo de Advento nunha carreira de consumismo: roupa folclórica, lotaría, agasallos, comida… en lugar de descubrilo coma unha nova oportunidade para achegarnos a Deus, SEÑOR, ESPÉRTANOS E VARRE AS NOSAS RUTINAS.
REMUÍÑO
Na dificultade que se achega tantas veces na nosa vida, descubrimos a man do “Alfareiro” que nos vai modelando á súa imaxe, que é capaz de facer e por en nós canto supón levarnos a que, desde a nosa liberdade, poidamos elixir o que nos fai sentírmonos mellor, o que nos converte en persoas felices e con gañas de abrirnos á colaboración cos demais. É verdade que moitas veces nós esquecemos, ou ignoramos, esa súa presenza, o seu proxecto, todo canto vai colocando á nosa beira para facernos verdadeiramente humanos. Deste xeito a vida vaise convertendo, pouco a pouco e sen cáseque darnos conta, en baleiro, fastío, escuridade... levándonos a caer na mediocridade más triste e vulgar. A pesares deste noso decidir ser así, El segue ao noso lado, sufrindo e alegrándose daquilo que nós imos facendo; é máis, non só sigue connosco, senón que nos ofrece continuamente oportunidades, situacións, proxectos... para que tentemos reorientar a vida. Un destes quere ser o Advento, este tempo litúrxico que hoxe comezamos.
O Deus que esperamos e que nos ama, é un Deus sorprendente:
Sorprendente, porque non é un Deus ocasional ou de episodios, é o Deus connosco que quere estar no medio de nós, no centro da nosa existencia, non nas marxes.
Sorprendente, porque pode chegar á noitiña, a medianoite,á amañecida… en calquera momento. A súa presenza e a súa vinda non está ligada a momentos privilexiados e a lugares especiais.
Sorprendente, porque para acollelo hai que vivir o hoxe en plenitude, o que non significa preparar un espectáculo grandioso na súa honra, senón vivir na súa casa e ser responsables dela, pois deixouna nas nosas mans e sinalounos a nosa tarefa.
Sorprendente, porque nos invita a discernir os sinais dos tempos, a andar polo vieiro da xustiza, aínda que nos teñamos que familiarizar co conflito.
Sorprendente, porque non vén esixir ou pedir contas, senón a dar.
E este Deus sorprendente que chega en calquera momento ten que ser esperado coas portas abertas de par en par: con mans traballadoras, ollos liberados e corazón cheo de tenrura. Nin o medo, nin a angustia, nin o agobio, nin a despreocupación son actitudes dignas. Hoxe o comezo do Advento é un bo momento para lembrarnos de que:
Con este tempo comezamos unha nova etapa e unha nova oportunidade de salvación.
Que Cristo segue vindo, ás veces baixo a forma dun emigrante, desprazado, marxinado ou neno; ás veces baixo feitos liberadores e alegres; e non poucas veces baixo a forma de paixón e morte.
Que para descubrilo cómpre ter o oído fino, os ollos limpos, o corazón aberto e comprometerse no presente con perspectiva de plenitude e futuro, coa mirada fixa nel.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, pos diante de nós unha nova oportunidade de afondar e revisar a nosa vida. Que estas catro semanas que hoxe comezamos, nos leven, de verdade, a poder vivir con toda a forza a ilusión e a esperanza que nos trae o nacemento de Xesús, caxato no camiño da nosa vida. Nesta confianza, dicimos xuntos:
QUE A NOSA ESPERA DEA FROITOS DE CAMBIO
Que a Igrexa, nai e mestra, saiba exercer coma tal á hora de presentar este tempo de Advento como momento privilexiado de cambio e renovación de persoas e estruturas, OREMOS.
QUE A NOSA ESPERA DEA FROITOS DE CAMBIO
Polas nosas comunidades, para que sexamos pregoeir@s da salvación que chama ás nosas portas, visitando aos enfermos, acompañando a quen está só, integrando a quen está esquecido, OREMOS.
QUE A NOSA ESPERA DEA FROITOS DE CAMBIO
Por cada un e cada unha de nós, para que comprometid@s de xeito positivo co presente, traballemos por unha sociedade máis xusta e fraternal, axudando a todas as persoas a erguer a cabeza e a descubrir os novos sinais que aparecen no abrente, OREMOS.
QUE A NOSA ESPERA DEA FROITOS DE CAMBIO
Señor, en Ti pomos a nosa confianza, pois sabemos que a pesares das nosas testeiras,Ti sempre segues a confiar en Nós. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Esperarei a que medre a árbore para que me dea sombra;
pero estercarei a espera coas miñas follas secas.
Esperarei a que brote ao manancial e me dea auga;
pero despexarei o meu leito de memorias enloucadas.
Esperarei a que apunte o amencer e me ilumine;
pero sacudirei a miña noite de prostracións e sudarios.
Esperarei a que chegue o que non sei e me sorprenda;
pero baleirarei a miña casa de todo o enquistado.
E ao estercar a árbore, despexar o leito,
sacudir a noite e baleirar a casa,
a terra e o lamento abriranse á esperanza.
Benjamín González Buelta
CANTOS
Entrada: Ven axiña visitarnos
Lecturas: Preparade o camiño ao Señor
Ofertorio: Ven, ven, Señor, non tardes
Comuñón: Volve Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...