Ir al contenido principal

Domingo 33

Ao final da vida, preguntaranme qué fixen.

Eu abrirei as miñas mans baleiras e o meu corazón cheo de nomes

(P. Casaldáliga)

NON A UN CRISTIANISMO EN CONSERVA

PÓRTICO

Na era dos conservantes e colorantes, cada vez resulta máis difícil atopar unha cociña natural, coma a que se facía antes, a lume lento sobre a lareira e sen ningún tipo de engadido artificial. Isto vén a conto porque demasiadas veces a nosa fe tamén está en conserva, enlatada, encorsetada en compartimentos estanco que abrimos para vodas, bauticeiros, festas do patrón… e que logo volvemos pechar sen ter máis valor nin máis credibilidade na nosa vida cotiá.

Porén, a Palabra que hoxe proclamaremos faranos caer na conta de que tod@s vimos ao mundo coa herdanza de Deus nas nosas mans. Ninguén carece de valores nin de oportunidades. Tod@s temos uns talentos, unha tarefa, unha misión, uns medios…. que non debemos conservar, senón poñer a render. É o tempo de negociar, de producir.

Hoxe, no día da Igrexa diocesana, esta chamada á corresponsabilidade resoa se cadra, con máis forza. Non fagamos oídos xordos.

O PERDÓN

  • Polas veces nas que só empregamos as nosas cualidades e valores para o noso proveito, pensando que enterrando os nosos talentos seremos felices, SEÑOR, QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE.

  • Porque preferimos agocharnos en escusas para non axudar, para non comprometernos coas persoas, CRISTO, QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE.

  • Polas veces en que non somos responsables no pequeno, no cotiá, coa familia, no traballo, cos veciños, SEÑOR, QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE.

REMUÍÑO

  • Traballamos pola igualdade: Por desgraza son demasiadas as veces nas que se pensa, e nós mesmos tamén pensamos, que as cousas da fe e da relixión son doutro mundo, escudándonos nesta falsa afirmación para non comprometernos no mundo e co mundo, sen facer nada por evitar que moitas persoas sexan utilizadas, pisoteadas ou non respectadas. E é curioso que na meirande parte das veces estas persoas teñan rostro e nome de muller. Porque non nos enganemos: no tema da igualdade entre home e muller, aínda temos moito camiño por andar na nosa sociedade….e non digamos na igrexa; pois elas seguen ocupando, na meirande parte dos casos, un posto secundario. Despois de tantos séculos pasados desde que se escribiu o libro dos Proverbios, son demasiados os estereotipos que seguen presentes na nosa sociedade e na nosa igrexa. Así, o valor que moitas veces se destaca das mulleres é o do anonimato, o da discreción, o da docilidade, o do silencio e abaixamento de cabeza. Fronte disto, o libro da Xénese lémbranos que Deus creou ao home e á muller á súa imaxe e semellanza, iguais en dignidade e complementarios. Non hai primeira e segunda clase, non hai actores e espectadoras… A que esperamos para procurar e traballar para que tod@s teñamos as mesmas oportunidades.


  • Poñendo os nosos talentos ao servizo do ben común: Porque Deus pon en cada un (e tamén en cada unha) de nós uns talentos, uns dons, unhas capacidades… independentemente de que sexamos homes ou mulleres. Entón, por que moitas veces deixamos que murchen e esmorezan, sen poñelos a render?. O terceiro servo é condenado por no facer nada, por non arriscar o seu talento. O seu grande erro é a omisión, contentándose con conservar o que lle deron. E este conservadurismo, tan en auxe na nosa Igrexa, é o que critica o Señor. Falamos de conservar o depósito da fe, de conservar a graza, de conservar os bos costumes, de conservar a vocación… e así reducimos o cristianismo a un “cristianismo en conserva”. Porén, a parábola que vimos de proclamar é unha chamada a que non podemos escudarnos nunha actitude de preguiza, pasividade ou conservadurismo. Non vale dicir que bastante temos con seguir tirando, que só recibimos un talento. O feito de que non fagamos nada que supoña un cambio de dirección non significa que esteamos sendo fieis a Deus, senón que ao mellor (mellor dito ao pior), oculta rixidez, covardía, inmobilismo, comodidade e falta de fe no Espírito Santo. Renunciar á creatividade e non comprometernos na construción dunha sociedade mellor é traizoar non só a nosa propia dignidade, senón tamén os designios do Señor.

Tod@s podemos, tod@s sabemos; pero… queremos?. Aí está a pregunta que hoxe estamos chamad@s a respostar.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na nosa vida dásnos mostras do teu amor, deixándonos os teus dons, uns dons que se transforman en valores e cualidades. Pedímosche nesta oración que sempre nos manteñas espertos, por iso dicimos:

QUE NON ENTERREMOS OS TALENTOS QUE NOS DECHES

  • Para que a Igrexa poña todas as súas forzas en mostrarse coma verdadeira testemuña de Cristo, para que así tódalas persoas sintan a presenza do Señor nas súas vidas, descubrindo a cercanía, a solidariedade e o amor de tódolos cristiáns, OREMOS:

QUE NON ENTERREMOS OS TALENTOS QUE NOS DECHES

  • Polas nosas comunidades, para que valoren o papel da muller dentro delas, non como algo anecdótico ou como algo que está de moda, senón como unha forza viva, renovadora e integradora, OREMOS:

QUE NON ENTERREMOS OS TALENTOS QUE NOS DECHES

  • Por todos nós, para que entendamos que só poñendo as nosas forzas e cualidades ao servizo do Reino, seremos quen de ser felices e de facer que as demais persoas sentan esa presenza agarimosa e acolledora de Deus, OREMOS

QUE NON ENTERREMOS OS TALENTOS QUE NOS DECHES

Grazas Señor, porque segues a confiar en nos e día a día dásnos mostras de teu amor. Fai que nos tamén amosemos ese amor a tódalas persoas. PXNS.


PARA A REFLEXIÓN

Se podo

Se podo facer, hoxe, algunha cousa,
se podo realizar algún servizo,
se podo dicir algo ben dito,
dime cómo facelo, Señor.

Se podo arranxar un fallo humano,
se podo dar forzas ao meu próximo,
se podo alegralo co meu canto,
dime cómo facelo, Señor.

Se podo axudar a un desgraciado,
se podo aliviar algunha carga,
se podo irradiar máis alegría,
dime como facelo, Señor

Grenville Kleiser

CANTOS

  • Entrada: Unha xuntanza de amor

  • Lecturas: O Señor é o meu Pastor

  • Ofertorio: Señor Xesús, bendito sexas

  • Comuñón: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...