Ir al contenido principal

2008 2 Advento

TANTO VALEMOS PARA UN ROTO COMA PARA UN DESCOSIDO: FÁLTANOS CONVICIÓN
SIGNO DO ADVENTO: Para a xente que escolleu esta opción, continuamos construíndo o trevo da esperanza. Colocamos a segunda folla. A actitude que destacamos nesta segunda semana é ANUNCIAR.

PÓRTICO
Quizais un dos defectos máis graves e xeneralizados de vivir nunha sociedade coma a nosa sexa a frivolidade, a lixeireza no plantexamento dos problemas máis serios da vida, a superficialidade que o invade todo. Porque as persoas satisfeitas non desexan nada nova, non queren mudar o mundo, non se rebelan contra as inxustizas, os sufrimentos e o absurdo da sociedade. Este mundo é para elas o ceo que queren manter a toda costa, e poden permitirse o luxo de non esperar nada mellor.
Porén, O Señor chámanos neste tempo de Advento a vivir vixiantes e a discernir, espertando de tanta frivolidade e asumindo a vida dun xeito máis responsable. Que a celebración que agora comezamos nos axude a sermos a voz de Deus que clama no deserto.

O PERDÓN
  • Por ter renunciado tantas veces a ser a voz profética que denuncia o asoballamento, a inxustiza ou a incomprensión na que viven tant@s irmáns, SEÑOR, VÉN E SÁLVANOS.
  • Por non ser coa nosa vida rostro da túa misericordia, CRISTO, VÉN E SÁLVANOS.
  • Por ter prexulgado ás persoas sen coñecelas, polo seu aspecto externo ou polo que nos dixeron delas, SEÑOR, VÉN E SÁLVANOS.
REMUÍÑO
  • Neste segundo domingo do Advento o Señor pon diante dos nosos ollos e do noso corazón a urxencia que temos de ser coma Isaías, coma Xoán, mensaxeir@s do Mesías e da Boa Nova. Porén, nós en lugar de anunciala, calamos e non damos testemuña. Xustificámonos dicindo aquilo de que, “predicar no deserto, sermón perdido”, pois somos conscientes da indiferenza que nos rodea, das nosas limitacións e da falta de creatividade. Nembargantes, Xoán anuncia e dá testemuño no deserto. Viste coma Elías, non é un tipo fascinante, feito para a popularidade; mesmo a súa dieta nos resulta chocante. Ningún personaxe importante o nomearía voceiro, ningunha empresa o convertería en relacións públicas; ningunha diocese o nomearía delegado de vocacións, xa que en ambientes eclesiásticos suscitaría, cando menos, situacións incómodas. E aínda por riba, o seu discurso non agrada, non gaba, non desencadea aplausos… senón que fala dun cambio de vida, dun xiro radical… e para rematar, non é amigo de colocarse galóns nin medalliñas, senón que subliña que el é un simple mensaxeiro.
  • Todo isto é o que destila a predicación do Bautista. Todo isto debe remover a nosa forma de pensar, crer e vivir a Boa Nova, porque Deus revoluciona todas as nosas crenzas e seguridades, ofrecéndonos algo novo. Non teriamos que cambiar os nosos esquemas de pensamento e vida para descubrir o auténtico lugar de encontro con Deus no que a súa boa nova pode ser acollida?. Máis que mensaxeir@s e voz que clama no deserto, parecemos ás veces @s fontaneir@s do Reino, que se contentan con arranxar o vello, o de sempre, sen ofrecer novidades, que se resisten a cambiar e a percorrer novos camiños e que só preparan os camiños para cobrar a peaxe. Verdadeiramente, o Advento quere ser esa oportunidade.
  • Conversión e cambio: Esta é a chamada que hoxe nos fai Xoán Bautista e é unha chamada urxente. Chamada a comezar un novo xeito de vida, ao cambio ao que nos aprema a chegada do Mesías. Pero esta conversión vai ao profundo do corazón, ao íntimo, e non se queda no envoltorio, no bonito pero que non ten repercusións na nosa vida, onde é o encontro co Señor. Esa é a forma que teremos de agardar a súa chegada, pero sempre activos, sempre fixándonos neses pequenos encontros que día a día realizamos cos demais, e non deixándonos levar das circunstancias, sen facer nada por cambiar. Encontros alegres, encontros festivos, encontros esperanzados, capaces de facer cambiar ás persoas.
  • Advento, unha nova oportunidade…deixarémola pasar de longo?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, ti sempre nos escoitas e vas ao profundo do noso corazón para consolarnos na nosa vida. Por iso che dicimos:
QUE SEXAMOS CONSOLO E ALEGRÍA PARA OS DEMAIS
Pola Igrexa, para que neste tempo de Advento, sexa luz e consolo en tantas situacións de dificultade, de crise, poñendo esperanza contra toda esperanza, OREMOS
QUE SEXAMOS CONSOLO E ALEGRÍA PARA OS DEMAIS
Polas nosas comunidades, para que este tempo sexa xermolo de ilusión e dispoñibilidade, conscientes de que todo encontro co Señor é sempre novo e renovador, OREMOS.
QUE SEXAMOS CONSOLO E ALEGRÍA PARA OS DEMAIS
Por tod@s nós, para que achandemos na nosa vida todo o que sexa obstáculo de encontro cos demais: prepotencia, autosuficiencia, desprezo, exclusións, murmuracións, e así teñamos o corazón disposto para o encontro co Señor, OREMOS
QUE SEXAMOS CONSOLO E ALEGRÍA PARA OS DEMAIS
Grazas Señor porque sempre nos escoitas e queres o mellor para todos nós. Alenta a nosa vida e danos a túa graza. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
Chega de día, chega de noite.
Esperámolo pola porta, entra pola fiestra.
Buscámolo con ledicia, chega coa súa cruz.
Estamos de garda, chámanos desde dentro.
Rastrexamos pegadas, chega por novos vieiros.
Chega en abundancia e máis aínda na pobreza.
Chega cando triunfamos e acompáñanos nos fracasos.
Chega cando é desexado e preséntase cando non o esperamos.
Chega no silencio e co vento.
Chega tamén na moitedume e no barullo.
Chega para durmirnos e para espertarnos.
Chega a través de todos os rostros
que atopamos ao longo do día no noso camiño.
Chega a cada instante, en cada lugar.
Alí onde esteamos, está.
Fiel á túa palabra, estás esperándonos.

CANTOS
  • Entrada: Ven axiña visitarnos
  • Lecturas: Preparade o camiño ao Señor
  • Ofertorio: Ven, ven, Señor, non tardes
  • Comuñón: Volve Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...