Ir al contenido principal

Domingo 4 Advento 2008

O Canto da vida: conversa de amor
PÓRTICO
A fe, se somos capaces de vivila coma seguimento de Xesús e non coma un conxunto de normas e obrigas, é un fermoso canto de vida e amor. Unha marabillosa conversa con Aquel que puxo en nós a capacidade de amar, querer e sentir; de descubrir que estamos no mundo non para facernos a guerra uns aos outros, senón para tender pontes de liberación e solidariedade. Rompamos a nosa tendencia ao fácil, para facer da nosa convicción de fe, un seguimento gozoso, esperanzado e libre da mensaxe de Xesús. Esforcémonos por facer da vida, aprendida a ser vivida desde Deus, unha verdadeira conversa de amor.
Que esta celebración do cuarto domingo de Advento nos saiba poñer en camiño.
o perdón
 Polas veces en que manipulamos aos demais para o noso proveito dando sorrisos falsos, palmadiñas valeiras e ánimos hipócritas, SEÑOR, MANTENNOS NO CAMIÑO.
 Porque non estamos dispostos a ceder nos nosos plantexamentos. pois queremos ter sempre a razón e que os demais fagan o que nós dicimos, CRISTO, MANTENNOS NO CAMIÑO.
 Para que fagamos das nosas relacións coa xente da nosa casa unha verdadeira conversa de amor, construíndo entre tod@s unhas relacións asentadas sobre a confianza e o respecto, e non sobre o enfrontamento e a violencia, SEÑOR, MANTENNOS NO CAMIÑO.
REMUÍÑO
 Es ti quen me vai construír unha casa?: Esta é a pregunta que lle fai Deus a David, pregunta que mostra a liberdade do Señor-. Cantas veces pechamos a Deus nas nosas ideas, dentro dun molde que nós facemos á nosa medida, e sempre para que nos sirva, para que sexa un mago para nos que nos saque dos apuros. Así, Deus xustifica as desigualdades, a pobreza, e tantas maldades que se fixeron no seu nome... Outras veces a Deus pechámolo nos templos, en liturxias moi coidadas pero valeiras, queda reducido a un ámbito íntimo. Cortamos toda relación entre Deus e a vida, el non inflúe nada. Temos dobre personalidade xa que somos uns fóra da Igrexa, e esta vida non inflúe nin se deixa sentir na nosa vida de fe. Pero Deus non se deixa atrapar, e esa brisa en Elías que non se sabe de onde ven, é voz no deserto que nos invita a descubrilo, é compañeiro que non nos deixa como non deixou a Xesús na súa vida. É un Deus que deixa que evoluamos, que confrontemos o que sentimos e somos co que nos vai pasando, para que os acontecementos e as persoas sexan parte do noso ser. Aínda que o Señor é o mesmo, as nosa conviccións tamén, será o camiñar o que vaia facendo de nós persoas maduras que no día a día sentimos esa chamada, esa anunciación dun Deus libre e que non se deixa coller.
 A nosa resposta a esta invitación que Deus nos fai de acompañarnos debe converter a nosa vida nunha auténtica conversa de amor, tal e como diciamos no Salmo responsorial. Unha conversa de amor que se vai manifestando no noso quefacer de cada día: cando rezamos, no traballo, na colaboración solidaria do noso tempo libre, no xeito de relacionarnos coa xente da casa, na maneira de saber estar ao lado dos nosos maiores e dos enfermos, mesmo no noso xeito de vivir o noso tempo de lecer. Claro que para iso temos que ter moi claro que a fe non é un entretemento de ociosos nin uns ritos que, sen saber moi ben por qué, repetimos ao modo do que temos visto aos nosos maiores. Nun momento coma o que estamos a vivir, no que nos sobran predicadores, e nos faltan vidas que mostren que seguir a Xesús enche, gratifica e nos abre o camiño da plenitude; non estaría de máis que nos pararamos a pensar como cada un de nós acolle e concreta este xeito de vivir que Deus nos mostra.
 Ao longo as catro semanas de Advento fóisenos invitando a personalizar a fe, a non deixarnos levar de rutinas, a cambiar actitudes e comportamentos que sabemos que non facemos ben. Agora estamos a piques de pechar este tempo, é momento non de facer balance, senón de ver os resultados deste camiño iniciado hai catro semanas. Terá sido estéril se nos limitamos ao de sempre: os nosos rezos, as nosas teimas ou as nosas rutinas. Porén, terá valido, e moito, se neste tempo fomos capaces de ir cambiando cousas en cada un de nós que non nos gustaban e conseguimos ilas deixando atrás. No camiño non estivemos solos: María, a nai de Xesús e da Igrexa, Señora do Advento, ten sido unha boa compañeira nesta viaxe. Que coma ela, tamén nós saiamos pornos en actitude de cambio e dispoñibilidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos facer da nosa vida unha conversa de amor, presentámosche agora, Señor, as nosas inquedanzas e preocupacións, e facémolo dicindo xunt@s:
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Que a Igrexa faga un constante esforzo para ser no medio do noso mundo, tan violento e roto, signo presente de amor, igualdade e respecto, mesmo cos que non comparten nin as súas conviccións nin as súas propostas, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Que nas nosas comunidades saibamos facerlle a vida agradable, converténdoa nunha verdadeira conversa de amor, a cantos se senten sen forzas e entristecidos: @s que viven sós, aos que lle faltan medios para vivir con dignidade, aos que están enfermos, aos que non son capaces de descubrir que Deus é amor e non castiga, senón que ama, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Por todos nós, para que este tempo do Advento que estamos a piques de rematar, faga de nós persoas sen medo ao futuro, sen medo a ser nós mesmos no medio dos demais, unindo forzas e posibilidades para que entre todos construamos un mundo dende valores comúns e iguais, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
Señor, chámasnos a facer da nosa vida unha conversa de amor. Que aprendamos a vivila como ti nos invitas e pides: ao lado de cantos se esforzan por facerlle a existencia máis agradable a aos demais. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Señor, o teu “advento” é presenza, é o teu desexo de estar sempre con nós. Non fai falta que che gritemos para que veñas. Xa ves ti sen que te chamemos. Es o gran presente. Xa estás aquí.
Vivir o advento é, sinxelamente, deixarte estar, cada día máis, con nós.
Por iso che dicimos: Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos nós para que enchas de sentido a nosa vida e así te fagamos presente no noso mundo.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento nas nosas familias e comunidades, para que vivamos no amor e a comprensión e en tódolos nosos fogares disfrutemos da calor que necesitamos.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos os pobos e cidades do mundo para que desaparezan as guerras, o terrorismo, a falta de liberdade, a fame.... e todos vivamos como irmáns.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos os que formamos a Igrexa, para que non deformemos o “evanxeo” e sexamos testemuñas auténticas da túa presenza no mundo.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos. Amén.
CANTOS
• Entrada: Ven axiña a visitarnos
• Lecturas: Veña o teu reino
• Ofertorio: Na nosa terra
• Comuñón: Volve, Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...